A actividade Libros Vivintes resultou ser unha das máis exitosas e gratificantes das que na Biblioteca Ágora facemos para o público xuvenil, neste caso vinculada ao proxecto Suma Ágora. Gravamos a vida de persoas do noso entorno, construímos un relato de ficción a partir desas gravacións, entregamos eses relatos aos centros de ensino cos que colaboramos e damos a oportunidade de que, nun día acordado, as rapazas e rapaces que traballaron cos textos nas aulas poidan descobrer quen se agocha detrás de cada historia e poidan falaren directamente con esas persoas, as verdadeiras protagonistas de cada libro vivinte.
Neste nadal retomamos o proxecto cun novo texto, ou sexa, unha nova persoa. Se estades interesadas xa podedes ler a súa historia de ficción no noso blog, como tamén o están a facer alumnos e alumnas do IES Agra I. Para a semana, eles e todas as persoas que seguen este blog descubrirán de quen se trata.
Pingback: Lola Pereira no Ágora | Suma Ágora