Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

FACEMOS BARRIO

O traballo relacional da Biblioteca coa nosa contorna é unha constante desde a nosa apertura.

Co proxecto Suma Ágora tentamos atender os diferentes elementos que conforman a vida en comunidade: as persoas e os espazos, as súas memorias, o seu presente e os seus desexos de transformación e mellora. Estivo e está na nosa vontade recoller a memoria viva dos veciños e veciñas, incorporándoa e construíndo, através dela, a memoria común e colectiva dos barrios: o traballo, o lecer e as relacións sociais, as transformacións que se foron experimentando, as dinámicas de relación cos espazos e as mudanzas vividas,  …

Con Suma Ágora buscamos, entre outros obxectivos:

reforzar o sentimento de pertenza dos veciños e veciñas en relación aos seus barrios, a través do coñecemento da súa historia, da recuperación da súa memoria e da incorporación da diversidade actual á súa identidade.

favorecer a interrelación e a dinamización do rico e variado panorama de colectivos e axentes sociais, culturais, veciñais, económicos, etc dos barrios de influencia da Biblioteca, procurando a súa activación como “motor” cívico dos mesmos.

xerar dinámicas positivas e favorecedoras da cohesión social entre a poboación local e a de procedencia foránea, a través de estratexias vinculadas á xeración de sentimento colectivo de cidadanía e veciñanza.

crear novas posibilidades de información, formación e desenvolvemento persoal para a veciñanza dos barrios da zona Ágora

consolidar Ágora como un espazo aberto de interrelación social e promoción cultural, centrado especificamente na dinamización dos hábitos lectores e na difusión de coñecemento.

constituír, organizar, difundir e preservar unha colección de documentos relacionada cos barrios do Ventrorrillo, A Silva, Cances, Agra do Orzán, Peruleiro, Mariñeiros e San Pedro de Visma.

 

Gelín 06

Deixar un comentario