Na Biblioteca Ágora temos o hábito de, sempre que detectamos calquera creación ou actividade sociocultural interesante que acontece no mesmo ou ten ás súas xentes como protagonistas, falarmos cos seus autores/as para a divulgar desde este blog. É o caso do audiovisual que hoxe vos presentamos, Mulheres e lingua, no que se realiza un achegamento á situación sociolingüística da Agra do Orzán en relación á lingua galega e desde unha perspectiva de xénero. A escritora e actriz Adelaida Vidal e a activista cultural Mariola Mourelo, que teñen participado en experiencias colectivas como Mulheres e Fotografia ou Proxecto Cárcere, coordinan este traballo documental que emprega como metodoloxía a entrevista directa a cinco mulleres do barrio, que van partillando as súas experiencias en relación aos usos lingüísticos no entorno do que fan parte.