Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

“A rede de bibliotecas municipais é un recurso extremadamente útil”

“En Viraventos realizamos unha media de 250 novas acollidas cada ano”

Desde as BMC festexamos o Día da Biblioteca compartindo conversa con Ana Belén Louzán García, vicepresidenta da ONG Viraventos e responsable de Acción Social no marco desta entidade enfocada en dar acollida e orientación aos colectivos inmigrantes chegados a Galicia.

Baixo o lema Bibliotecas e Comunidades, falamos con ela de proxectos actuais, de diferentes colaboracións da ONG e da importancia da participación coa comunidade máis próxima como elemento de integración e de futuro.

“Como Responsable de Acción Social dedícome principalmente á coordinación dos proxectos de inserción que se executan na entidade. Unha das miñas funcións e coordinar as actuacións que se realizan con cada persoa dende os diferentes servizos da entidade.”

Ana Belén Louzán García (Lugo, 1977) pasou a súa infancia en Foz. Criada na mariña lucense trasladouse Á Coruña para titularse na que foi a primeira promoción de educadoras sociais da UDC, quedando definitivamente na cidade. Desde hai 25 anos reside no barrio da Agra do Orzán, onde hoxe tamén traballa.

Desde o remate da súa formación universitaria combinou labores de voluntariado con varias actividades relacionados co ámbito social, até que no 2005 tivo o primeiro emprego como Técnica de Inserción Sociolaboral na asociación Equus Zebra, unha ONG dedicada á integración socio-laboral de persoas en risco de exclusión.

A ese primeiro emprego no ámbito social, seguíronlle outros no Concello da Coruña e no programa de infancia Fundación Juan Soñador, mais as súas inquedanzas seguían postas no traballo co colectivo migrante.

“Nestes últimos dez anos Viraventos especializouse na atención á infancia migrante, ben a través do traballo directo con nenos, nenas e adolescentes ou a través dos itinerarios personalizados coas súas familias para reducir o nivel de vulnerabilidade social

No ano 2007 funda xunto a un grupo de persoas a ONG Viraventos, co obxectivo de continuar coa labor do voluntariado en apoio ao colectivo migrante, naquel momento procedente maioritariamente da África Subsahariana.

“O perfil das persoas beneficiarias dos proxectos foi cambiando nestes anos. Sobre o ano 2013 viviamos de cheo os bandazos da crise do 2008, con perda de empregos e numerosas saídas de Galicia. A maioría das persoas coas que traballabamos tiña permiso de residencia e traballo, xa con fillos/as escolarizados en Galicia.

A partires do ano 2019 o perfil comezou a mudar, aumentando considerablemente o número de persoas de recente chegada á cidade coa intención de solicitar protección internacional. Consecuencia dos atrancos da burocracia, o seu proceso de integración estase a dificultar enormemente, ao non poñerlles facilidades para o permiso de emprego até un ano despois da súa chegada”.

“Actualmente Viraventos conta con dúas Técnicas de Inserción Sociolaboral e unha Mediadora Intercultural. Respecto do futuro prevemos continuar na mesma liña dos últimos 5 anos, especializándonos na atención a mulleres migrantes residentes na cidade e con cargas familiares.”
O BARRIO

Como veciña que vive no barrio desde hai máis de 20 anos, vin as mudanzas do mesmo nos últimos tempos, e percibo que a partir do 2013 foise deteriorando cada vez máis por razóns diversas. Actualmente a comunidade migrante de diferentes nacionalidades tomou o relevo, aportando un ambiente multicultural no seo dunha alta densidade de poboación, especialmente na Agra do Orzán, ao que se suma unha deficitaria infraestrutura pública que non consegue dar abasto a unha poboación cada vez máis crecente”.

CONTACTO COAS BIBLIOTECAS

A rede municipal de bibliotecas, especialmente a Biblioteca Ágora, é un punto de encontro, un lugar onde desfrutar en familia.

“Actualmente Viraventos executa na Biblioteca Agora un proxecto de Voluntariado Senior para formación en lingua española en 3 niveis: inicial, medio e avanzado”.

“Falando desde a parte técnica e profesional, comprobo que moitas das atencións que facemos na ONG son de familias que habitan en infravivendas, nas que non hai garantía de temperatura axeitada nin ambiente de estudo para os nenos e nenas, polo que a rede de bibliotecas é un recurso extremadamente útil que permite o acceso a un ambiente agradable, conexión á rede, aos equipos informáticos e onde os pequenos poden facer as súas tarefas escolares. Para as persoas adultas en busca de emprego son un espazo onde acceder á formación online a través do acceso aos ordenadores, por exemplo”.

“Dentro dos recursos das bibliotecas á cidadanía destaco o Servizo de Atención Tecnolóxica, especialmente pola utilidade para o perfil de persoas coas que traballo”

A EXPERIENCIA LECTORA

“Nos últimos anos pasei de ter como preferencia de lectura a novela a facerme adicta aos libros sobre educación, especialmente a partir do nacemento dos meus fillos. Coido que lin toda a colección de Pais e Nais da Biblioteca Ágora. É por iso que para min dous referentes imprescindibles son Elizabeth Pantley, especialmente no libro “Educar niños hasta los diez años sin lágrimas” e Adele Faber con “Hermanos, no rivales”.

“A nivel persoal, unha das miñas inquedanzas principais desde hai uns anos é o cambio climático e o esgotamento dos recursos naturais. Nesa dirección recomendo especialmente o libro de Antonio Turiel Petrocalipsis: Crisis energética mundial y como (no la vamos a solucionar”, dispoñible nas bibliotecas Ágora e Durán Loriga.

RECOMENDACIÓNS

UN FILME: A lista de Schindler de Steven Spielberg.

UN LIBRO: “Ensaio sobre a cegueira” de José Saramago.

UNHA CANCIÓN: Imagine de John Lennon.

UN LUGAR: París.

UNHA INQUEDANZA: A loita que lle espera á niña filla nunha sociedade cada vez máis machista.

UN DESEXO: Ter unha horta.

UN PECADO: A gula.

UNHA COMIDA: Tortilla de pataca (sen cebola).

Saramago facía fincapé na súa novela “Ensaio sobre a cegueira” da responsabilidade de ter ollos cando outras persoas xa non os tiñan. Coa recomendación da nosa convidada despedimos esta conversa polo Día da Biblioteca, poñendo foco na responsabilidade de reducir o nivel de vulnerabilidade social na comunidade da que formamos parte.

Grazas Ana por facernos partícipes do teu traballo e das túas ganas.

Foi un pracer!

Acerca de evavieites

Bibliotecaria. Creo na biblioteca como experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para todas as persoas.

Deixar un comentario