Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

“Aprender e coñecer xente é o que máis me gusta do voluntariado na biblioteca”

“Se me viran meus pais (Rafael e Rosario) estarían orgullosos de min, pero non o crerían, eu viña de que me fixeran todo e agora son eu quen o fai”

Desde as Bibliotecas Municipais da Coruña festexamos o Día da Biblioteca compartindo conversa con Carolina Raposo Barreira, colaboradora e usuaria da Asociación pro persoas con discapacidade intelectual de Galicia (Aspronaga) e voluntaria por terceiro ano consecutivo na Biblioteca Ágora.

Baixo o lema Bibliotecas e Comunidades, achegámonos ao 24 de outubro falando con ela de proxectos actuais e de diferentes participacións en entidades da cidade, sempre cunha forte vontade de axuda aos demais.

Carolina Raposo Barreira naceu un dous de novembro de 1971 na Coruña, veciña de Catro Camiños, desenvolve desde o 2021 prácticas de voluntariado na Biblioteca Ágora, no marco de colaboración coa Asociación pro persoas con discapacidade intelectual de Galicia (Aspronaga) da que é socia e usuaria desde o 2006.

Educada en Santa María do Mar, fixo a súa formación secundaria en varios centros até a chegada ao FP Liceo La Paz e o CIFP Anxel Casal de Montealto, onde obtivo o título de Auxiliar Administrativo e comezou estudos de informática. Tras un ingreso hospitalario con 23 anos que a mantivo apartada durante un tempo da vida corrente, titulouse como Técnico Especialista de Xardín de Infancia no centro educativo López Vicuña, formación pola que estivo a traballar durante dous anos como asalariada nunha gardería, despois de facer as prácticas na súa escola infantil de primeira infancia.

Carolina fixo do voluntariado, especialmente tras a morte de seus pais, un xeito de vida, participando nas actividades da biblioteca, club de lectura, xestións de oficina e apoio de viaxes da entidade da que é socia e usuaria, máis non só. Desde hai tres anos tamén colabora coa Biblioteca Ágora como voluntaria do programa Merendas con contos, ao tempo que se forma para desenvolver tarefas propias da posta en marcha da biblioteca Aspronaga.

Pero o seu vitalismo non queda aí, recentemente vén de retomar o voluntariado con Padre Rubinos (Asociación sen ánimo de lucro que desde 1918 centra a súa actividade nas áreas de pobreza, exclusión social, persoas maiores e educación infantil), un contacto que iniciou hai case vinte anos, e que desta volta reanuda desenvolvendo tarefas na lavandería.

E outra das colaboracións máis xenuínas de Carolina é a súa entrega como voluntaria en Poten100mos (Asociación sen ánimo de lucro dedicada á inclusión de persoas e familias vulnerables a través da procura de emprego, desenvolvemento persoal, procura de recursos básicos e actividades de dinamización comunitaria e cultura inclusiva). Desta volta, como maraqueira nun grupo que promove habilidades e intelixencia emocional a través da música.

Ademais recentemente a Asociación Máscaras (centrada na asistencia e formación para potenciar a visibilidade social de persoas e entidades que traballan no ámbito da integración a través de proxectos audiovisuais), fíxolle a proposta de participar como xurado no comité dos premios da entidade. Unha oportunidade que Carolina non desaproveitou.

NO DEPORTE

“Son afeccionada/sufridora deportivista e xogadora de baloncesto desde hai anos, máis unha das actividades que máis desfruto é a de ser delegada do equipo feminino do Club Hockey Atleti Coruña, co que participamos no Special Olympics Galicia*”.

*Special Olympics (Asociación de Pais, Profesionais e Amigos de persoas con discapacidade intelectual que traballan para promover a inclusión social das persoas con discapacidade intelectual a través do deporte, o lecer, a cultura e o voluntariado).

BIBLIOTECAS E LECTURAS

“Para min unha biblioteca é o lugar onde a xente se reune para estudar, consultar libros, facer préstamo e tamén un sitio tranquilo para ler”.

Coñecín as Bibliotecas Municipais a través de Nuria, unha amiga que tiña cando estudaba formación profesional. Ela contóume que no Forum Metropolitano había unha biblioteca para ler e participar en propostas de ocio. Recordo con especial cariño as actividades de carácter artístico que se organizaban no centro, podías ir a un museo, achegarte aos cadros de diferentes artistas e descubrir moitos espazos expositivos, gustábame moito“.

Nas bibliotecas as actividades que máis me gustan son as orientadas ao público infantil, entre outras cousas porque son técnica de Xardín de Infancia. Á biblioteca do Ágora cheguei a través de Iago e Pachu, dous educadores de Aspronaga que me recomendaron facer aquí o voluntariado nun momento no que precisaba ocupar o meu tempo libre“.

RECOMENDACIÓNS

UN FILME: Casablanca, de Michael Curtiz.

UN LIBRO: Calquera da colección “Los Cinco”, da escritora británica Enid Blyton.

UNHA CANCIÓN: Sueña, de Luís Miguel, é o tema principal do filme El Jorobado de Notre Dame, e será a canción que interprete en Aspronaga este outubro no “Festival da Canción”.

UN LUGAR: Sanxenxo, atráeme a tranquilidade dos pobos pequenos con mar.

UNHA INQUEDANZA: A pobreza no mundo.

UN DESEXO: Que todas as persoas sexan felices.

UN PECADO: Cando ás veces non somos boas persoas cos demais.

UNHA COMIDA: A tortilla de pataca.

Carolina, segue cara diante e non mires atrás”.

Jesusa, avoa materna

Desde a Biblioteca Ágora despedimos esta conversa agradecendo a túa espontaneidade para festexar con nós o Día da Biblioteca, destacando o teu valor de superación e a vontade sincera de axuda aos demais.

Un pracer e até sempre Carolina!

Acerca de evavieites

Bibliotecaria. Creo na biblioteca como experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para todas as persoas.

Deixar un comentario