Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

“Toda a comunidade educativa valora o traballo da biblioteca escolar”

Nunca cansarei desta profesión. O que si boto en falta é máis sentido común e implicación por parte de quen organiza o sistema educativo”

Desde as Bibliotecas Municipais da Coruña festexamos o Día da Biblioteca compartindo conversa con Iolanda Sánchez Méndez (León, 1968), profesora de lingua galega e actual responsable da Biblioteca Escolar do IES Agra do Orzán, colaboradora desde hai anos no desenvolvemento das actividades entre o alumnado de secundaria e a Biblioteca Ágora.

Baixo o lema Bibliotecas e Comunidades, falamos con ela de proxectos actuais, de diferentes actividades no marco do plan de mellora da biblioteca escolar (PLAMBE), así como dos enfoques de traballo e da importancia da participación coa comunidade nun barrio cunha grande diversidade cultural.

ORIXES E FORMACIÓN

“Son filla desa xeración de galegos (neste caso meu pai) que emigrou para poder mellorar laboralmente, pero no canto de ir a Suíza, quedou en León. Miña nai, da mesma aldea os dous (Santo Estevo de Abellá, concello de Frades), foi onda el e alí nacemos as tres fillas. Eu son a máis nova. Aos meus 6 anos regresamos e quedamos a vivir na zona escolar da Coruña.

Dende pequecha tíveno moi claro, quería ser profesora. Que llelo digan ás bonecas que recollía pola casa e poñía enriba da cama para darlles clase. Debía interesarlles o tema que non daban un chío!”

Estudei EXB en Labañou; BUP e COU por letras puras no Salvador de Madariaga. Lembro a biblioteca no soto cos libros pechados en armarios. Xa licenciada dei clases particulares e traballei nalgunha academia. Como moitas filólogas, comecei pola Filoloxía Hispánica na Coruña e logo fixen en dous anos as materias que me faltaban para licenciarme en Filoloxía Galego-Portuguesa, á vez que xa traballaba de secretaria de dirección para a empresa Ferrero (si, a dos bombóns) na oficina que tiñan na Coruña. Mais a miña vocación de docente era clara e axiña comecei no ensino.

“Tamén estudei inglés, francés, portugués e italiano na Escola Oficial de Idiomas; e completei as materias que me faltaban para licenciarme en Filoloxía Románica; cursos ofertados pola Consellaría… grupos de traballo e formación permanente do profesorado, sobre todo no relacionado coa lingua, coa literatura e coa biblioteca. Nunca se deixa de aprender como aprenderlle á rapazada”.
ENSINO SECUNDARIO E BIBLIOTECA ESCOLAR

Son funcionaria de carreira desde o 2007 e penso que non cansarei desta profesión. O que si boto en falta é máis sentido común e implicación por parte de quen organiza o sistema educativo. Non son conscientes de que con 30 e ata 33 discentes en aula, é imposible un ensino personalizado e de calidade; de que as aulas non son simples contedores de alumnado que nos chega doutros países con outros costumes, con outras linguas e nós sen persoal cualificado (malia pedirllo a inspección unha e outra vez), sen horas nosas para unha necesaria e básica inmersión lingüística e achegamento aos nosos horarios, costumes, linguas…

“O primeiro achegamento a unha biblioteca escolar que deixou pegada en min foi no IES As Mariñas de Betanzos (había xogos de mesa, dinamización de actividades relacionadas coa lectura, hora de ler, mochilas viaxeiras, club de lectura, un blog que levou premio nacional de blogs educativos…) Unha biblioteca que xa estaba no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) promovido pola Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia. Formei parte do equipo de biblioteca e… canto aprendín!”

Saquei a praza e o primeiro destino definitivo foi o IES de Catabois de Ferrol. A segunda biblioteca escolar que me marcou. Outra biblioteca PLAMBE desde o principio. Formei parte do seu grupo e tiven o pracer de coordinalo tamén. Resultou fácil, traballando e aprendendo día a día dun equipo que fora galardoado co terceiro premio do Concurso Nacional de Buenas Prácticas para a dinamización e innovación das bibliotecas de centros escolares.

Desde o curso 2018-2019 estou no IES Agra do Orzán. E desde o primeiro momento tamén formo parte do equipo de Biblioteca. E sigo aprendendo de Milagros Martínez Ríos, a coordinadora que cinco anos atrás, logo de varios cursos á fronte da biblioteca, conseguiu que entrase no PLAMBE. Paso a ser a coordinadora dous anos despois.

“Toda a comunidade educativa valora o traballo da biblioteca. Ese é o noso mellor recoñecemento, mais aínda hai moito por facer: convertela nunha biblioteca máis inclusiva, o eterno problema do espazo, que as horas de biblioteca sexan recoñecidas desde Educación non como reducións, senón como lectivas, reais, necesarias e cun número oficial e igual  para todas as bibliotecas.”

“Participamos no programa de Clubs de lectura e no de bibliotecas solidarias cun grupo de voluntariado que nos bota unha man nos recreos para xestionar o servizo de empréstito. Difundimos o noso labor nas redes a través do instagram @bibliotecaagra

CONTACTO COAS BIBLIOTECAS MUNICIPAIS

A primeira biblioteca municipal que pisei foi a de Durán Loriga, tamén teño visitado moito Rosales, Forum e Monte Alto (nalgunha ocasión) e como non, a de Ágora, especialmente como profesora. Cando mantiven con Milagros o meu primeiro encontro con Eva e Nuria, nin imaxinaba a viaxe que ía iniciar. Como unha lectura que imos escribindo ano a ano con cada colaboración.

Iolanda participando co alumnado de 3ºA nunha práctica de acupuntura coa Fisioterapeuta Acupuntora especialista en Saúde Mental Vero López, no marco dun Roteiro de saúde e deporte polo barrio.

Grazas ao seu impecable labor, o noso alumnado recibe alfabetización informacional, coñece mellor o seu propio barrio a través dos “roteiros saúde e deporte” e ten acceso a “libros viventes” que deixan pegada. Quen dixo que á biblioteca só se ía ler e estudar? A biblioteca Ágora responde perfectamente ao que é para min unha biblioteca: lugar de coñecemento, de entretemento, de acollida, de sorpresas se sabes buscar, de inclusión, lugar de traballo, de calor, de luz

“Pensando nas bibliotecas escolares, e moitas delas grazas ao PLAMBE, asemade responden a estas características, mais tamén engadiría lugar “de refuxio” para moito alumnado que non se sente integrado nun principio e é na biblioteca onde están a gusto; lugares de lectura, información e aprendizaxe (LIA); Bibliotecas que teñen en conta os Obxectivos da Axenda 2030 da ONU para o Desenvolvemento Sustentable, proporcionando servizos en igualdade e para a igualdade en todos os eidos.”
 

“Para comer e para libros sempre hai”

Veño dunha familia humilde, pero “para comer e para libros sempre hai” era a máxima de meu pai. E sempre houbo que ler na miña casa. Non só os libros de texto.

“Como eu era a pequena, axiña accedín ás lecturas das miñas irmás máis vellas que eu interpretaba con mirada máis infantil que adulta: Un mundo feliz de Aldous Huxley, MafaldaMais tamén o meu atemporal Principiño, Os cinco, Mujercitas ou os Astérix que devoraba na biblioteca infantil do Xardín de San Carlos. As miñas primeiras lecturas en galego viñeron a través do instituto: Agustín Fernández Paz, Marilar Alexandre, e os clásicos, como non, Curros, Rosalía, Castelao, Cunqueiro

Leo todos os xéneros, e leo moi variado por mor da miña profesión e dos clubs de lectura, pero non negarei que desde hai uns anos a miña inclinación é a poesía“.

Xa cumprín cincuenta e cinco outonos e teño a sorte de ter e de atopar no camiño amigos poetas. Eses son os meus versos máis prezados. Mário Herrero, François Davo, Raúl Vacas… Mais tamén: Olga Novo, Xela Arias, Carlos Negro, Pilar Pallarés, Szymborska, Helena Villar Janeiro, a poesía de Alejandro Palomas, a nosa por fin recoñecida Luísa Villalta, Emma Pedreira, Irma Alonso, Dores Tembrás… e como non, calquera verso dos que escriban as integrantes do noso club de poesía.

De esquerda a dereita e de arriba abaixo: Xela Arias, Alejandro Palomas, Pilar Pallarés, Dores Tembrás, François Davo, Luísa Villalta, Mário Herrero, Olga Novo, Raúl Vacas, Helena Villar Janeiro, Wisława Szymborska, Carlos Negro, Emma Pedreira, Agustín Fernández Paz, Castelao, Irma Fernández Alonso, Rosalía de Castro, Marilar Aleixandre, Curros Enríquez e Álvaro Cunqueiro.

PETISCOS DE IOLANDA

UN FILME: Sempre Xonxa de Chano Piñeiro.

UN LIBRO: Se non é poesía, para este 2024: O outro lado da musica, a poesía de Luísa Villalta.

UNHA CANCIÓN: Pode parecer fachenda, pero quedo con Yolanda de Pablo Milanés.

UN LUGAR: Gasalla (Santo Estevo de Abellá, concello de Frades). “A nosa casiña

UNHA INQUEDANZA: O futuro da miña filla e do meu fillo.

UN DESEXO: A solidariedade.

UN PECADO: Non o podo dicir.

UNHA COMIDA: Calquera das que facía miña nai

Grazas Iolanda por compartir conversa con nós, o Día da Biblioteca serviu para achegarnos un pouco máis a ti, ao teu traballo, á túa historia, ao teu xeito de estar nas cousas, redescubrir como entendes a colaboración coas persoas e cos equipos nos que traballaches e traballas, facendo comunidade, poñendo ánimo e disposición sen esquecer a alegría. Coido que non hai mellor homenaxe para este 24 de outubro.

Agardamos que continúes desfrutando ao máximo da túa familia, da aldea, da música, do teu fogar, dese tempo compartido cheo de páxinas con historias fascinantes con banda sonora incluída.

Aperta grande,

vémonos de contado!

Acerca de evavieites

Bibliotecaria. Creo na biblioteca como experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para todas as persoas.

Deixar un comentario