Por fin puidemos arrincar a espiña que nos deixou a interrupción obrigada pola covid-19 en marzo de 2020 cos roteiros de saúde e deporte, para acoller novamente a proposta neste abril de 2023. Desde a Biblioteca Ágora tiñamos moitas ganas de retomar unha actividade que levamos organizando desde o ano 2016 para coñecer o noso barrio, poñendo en valor os seus espazos e as súas xentes, especialmente aquelas vinculadas a diferentes disciplinas deportivas mentres traballamos valores relacionados co deporte e cunha vida máis saudable.
A proposta que compartimos co alumnado de 3º da ESO foi posible grazas á colaboración coa biblioteca escolar do IES Agra I, centro co que vimos traballando desde hai máis de dez anos nunha sintonía de apoio e cooperación.
Pero desta volta houbo mudanzas, por vez primeira, nas visitas previas que facemos ao instituto para explicar a actividade, propuxémoslle ao alumnado a posibilidade de descubrir ás persoas coas que compartirían os espazos deportivos con breves reseñas delas. Un total de 80 alumnos e alumnas do IES Agra do Orzán foron convidados para adentrarse en cinco historias persoais que se converteron no disparadeiro de saída para descubrir outros tantos lugares de saúde e deporte que pasamos a compartir.
Con Vero López descubrimos na biblioteca unha das técnicas máis coñecidas da medicina chinesa, a acupuntura, e profundamos na Medicina Chinesa Integrativa como enfoque eficaz para descubrir como a mente produce patoloxías que afectan ao corpo. Tamén puxo en práctica co alumnado a reflexoloxía auricular, estimulando puntos reflexos que están interconectados con órganos e procesos corporais. Os medidores de puntos de acupuntura chamaron especialmente a atención entre o alumnado, sendo moitas as persoas sorprendidas coas desordes corporais que lles devolvía esta sinxela detección a modo de demostración.
Aprender a defenderse, loitar en todas as distancias do combate, técnicas de puños, patadas, cóbados, xeonllos, agarres, etc. Co Sifu Juan Saldeño o alumnado puido poñer en práctica algunhas das técnicas máis coñecidas do Wing Chun, unha arte marcial chinesa orientada á defensa persoal creada por unha sacerdotisa chamada Ng Mui. Como lembraba Juan, a base é empregar golpes de puño e golpes de man aberta sen usar bloqueos, senón que a “defensa é sempre un tipo de ataque“, neutralizando os golpes do opoñente para usalos na súa contra.
Mais o alumnado tamén visitou con Manolo o Club de Chave de Mariñeiros, unha asociación que conta neste momento con 162 socios e socias e que está rexistrado dentro da Federación Galega de Deporte Autóctono na modalidade de chave. Neste momento ocupa o quinto posto da 1ª Categoría, tamén chamada especial, na que compiten un total de 12 Clubs da zona da Coruña e Carballo. En realidade a técnica deste xogo é sinxela: unha chave, uns pesos e unhas cantas liñas trazadas nun terreo liso e sen obstáculos que entorpezan a visión. A experiencia ensinóunos que se trata dunha disciplina que require dunha habilidade especial para, desde vinte ou trinta pasos, derrubar unha chave métálica forxada con material das vías do tren.
E chegamos ao cuarto punto do roteiro, un dos máis desfrutados e mellor valorados polo alumnado de 3º da ESO, onde na explanada da Biblioteca Ágora esperaba a Asociación Coruñesa de Jugger Coruña. Hai tempo que o exterior da biblioteca se converteu no lugar escollido polos mozos e mozas da cidade para practicar un dos deportes máis orixinais e descoñecidos polo público xeral, o jugger, unión da esgrima, xogos de pelota e un toque de loita grecorromana. Alí Brandon, César, Raposo, Gonzalo ou Pingu explicaron as tres tipoloxías de xogadores, o corredor, que a súa función é anotar tantos, os xogadores armados con armas ríxidas, nos que se fai presente a base do esgrima, e o ketteman, que conta cunha pelota unida cunha cadea que pode lanzar aos rivais. Unha experiencia que o alumnado desfrutou intensamente.
E metidos na cuarta hora de roteiro o alumnado aterraba no quinto e último punto desta experiencia, a Escola de boxeo Azteca Box, onde esperaba Luís para compartir os espazos, materiais e fundamentos dunha disciplina deportiva con moitos defensores e detractores ao tempo. Lembrou o primeiro combate en diferido, un campionato de Europa que Alfredo Evangelista gañou por KO no octavo asalto ou o campionato do Mundo do peso medio entre dous grandes como Sugar Ray Leonard e Marvin Hagler, con vitoria para o primeiro a puntos, en palabra do adestrador, “quizais o combate máis fermoso que vin na miña vida” ao tempo que ensinaba como facer as vendaxes nos cotenos das mans ou as diferentes tipoloxías de guantes.
E non podiamos pechar esta nutrida experiencia sen saber que opinión lles mereceu aos mozos e mozas participar no Roteiro de Saúde e Deporte, posto que observar en que medida se están a cumprir cos propósitos de calidade é fundamento da nosa filosofía de traballo. Froito diso puidemos ver que o 91% do alumnado valorou como boa ou moi boa esta actividade para público xuvenil e, sen abafar con datos e resultados, isto danos folgos para seguir confiando nos roteiros de saúde e deporte como ferramenta para coñecer mellor a nosa contorna e poñer en valor os seus espazos e as súas xentes, especialmente aquelas vinculadas a diferentes disciplinas deportivas, e traballar valores relacionados co deporte e cunha vida máis saudable.
Agradecer novamente a todas as persoas que fixeron posible o desenvolvemento da actividade, tanto desde as Bibliotecas Municipais, como desde o IES e Biblioteca Escolar do Agra I e, por suposto, ás persoas individuais e colectivos cos que traballamos: Vero López desde Mamahuhu Ideas, Juan Saldeño desde Kiusao Kung Fu Galicia, Manuel Paz, Rebeca e Juan desde o Club de Chave de Mariñeiros, Asociación Jugger Coruña (César, Gonzalo, Pingu, Brandon, Raposo…), e Luís Súarez de Azteca Box.
Mil grazas e até a próxima!