Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

“A chave ten algo que te atrae”

“A chave ten algo que te atrae, o que máis me gusta é estar cos outros nesa harmonía de compartir o tempo xuntos

Xogar é unha actividade recreativa que se asocia á nenez, aínda que o xogo é importante en todas as etapas da vida do ser humano. É por iso que cada 28 de maio celébrase o Día Internacional do Xogo, unha iniciativa que xurdiu no 1999 e posteriormente foi impulsada no 2008 pola doutora Freda Kim (Fundadora do Día Mundial do Xogo e presidenta da Asociación Internacional de Bibliotecas de Xoguetes, as chamadas Toylibraries).

Desde Suma Ágora e co gallo desta celebración, destacamos un dos xogos máis populares de Galicia, a Chave, para o que falamos con Manuel Paz Pérez, membro do Club de Chave de Mariñeiros e veciño da Rúa Barcelona. Grazas por colaborar con nós e benvido á nosa sección Conversas con...

COÑECENDO A MANOLO

Manuel Paz Pérez naceu hai 71 anos na Coruña e criouse entre San Pedro de Visma e o Castro de Elviña, onde viviu coa súa avoa materna. Aos 18 anos marchou traballar á minería de Asturias aconsellado por un dos seus amigos e xa non regresou até o 1999, despois de pasar toda unha vida en Mieres coa súa muller, Purificación, coa que estivo até o seu falecemento hai sete anos na Coruña. De feito, volveron para a cidade herculina por decisión dela, que sendo asturiana quedara namorada da cidade desde o primeiro día.

Manolo forma parte do Club de Chave de Mariñeiros desde o 1999, que conta neste momento con 162 socios e socias, e que está rexistrado dentro da Federación Galega de Deporte Autóctono na modalidade de chave. A chave é un xogo popular galego que consiste en lanzar uns discos redondos e planos, denominados pesospellospellas ou peletres, sobre unha peza metálica, chamada chave, colocada a certa distancia. Existen moitas modalidades de chave na Galiza con numerosos equipos e varias ligas asociadas a cada modalidade.

Imaxe do campo de tiro do Club de Chave “Os mariñeiros, situado á beira da Biblioteca Ágora. Modelo de chave e de pesospellospellas ou peletres.

Mais compre aclarar que os termos deporte e xogo úsanse a miúdo como se foran a mesma cousa, pero o certo é que son termos diferentes e complementarios, porque cada deporte é un xogo, máis non todos os xogos xeran un deporte. O proceso cronolóxico sería pasar de xogo deportivo a deporte, e aí é onde está a Chave, que se atopa neste momento pelexando para ser considerado un deporte.

Imaxe tomada nos roteiros de saúde e deporte da Biblioteca Ágora o pasado mes de abril, onde un grupo de 3ºESO do IES Agra I practica a chave da man das recomendacións de Manolo.

Existen moitas modalidades de chave na Galiza con numerosos equipos e varias ligas asociadas a cada modalidade, entre elas a liga da Coruña. Neste momento o Club de Mariñeiros ocupa o quinto posto da 1ª Categoría, tamén chamada especial, na que compiten un total de 12 Clubs da zona da Coruña e Carballo. En realidade, a técnica deste xogo é sinxela. Ten unha chave, uns pesos e unhas cantas liñas trazadas nun terreo liso e sen obstáculos que entorpezan a visión. Tíranse os pesos a unha distancia de vinte ou trinta pasos sendo un xogo deportivo no que se busca o triunfo dos máis habilidosos, e digo homes porque a maior parte das persoas que participan son homes, inda que neste momento estase a abrir o deporte á participación feminina nun proceso de necesaria adaptación aos tempos. O obxectivo é petar cos pellos na chave o maior número de veces, podendo xogarse en equipo ou por parellas. Ademais cada zona ten as súas propias normas, que difiren entre si polo tamaño e forma da chave (con aspas ou sen elas, pequena ou grande etc.), no tamaño e peso dos pellos e no xeito de puntuar.

O xogo está integrado no sistema sociocultural dunha comunidade, polo que observar os xogos populares permite coñecer a cultura e os modos de comportamento dun pobo, ao reproducírense todos os sentimentos, sensacións e percepcións dunha comunidade. É por iso que desde as Bibliotecas Municipais da Coruña facemos un convite para profundar neste coñecemento a través dalgúns dos títulos dispoñibles nos nosos andeis.

De esquerda a dereita, Xogos, enredos e adiviñas : los entretenimientos tradicionales en Galicia de Lucía Rey Insua, Chirlosmirlos : enciclopedia dos xogos populares de Antón Cortizas, Tastarabás : enciclopedia de brinquedos tradicionais e uso lúdico da natureza de Antón Cortizas e Xogos populares en Galicia de Ricardo Pérez  e Verdes, Xaquín Alberto Tabernero Balsa.

Con Manolo rematamos esta achega da chave e dos xogos populares galegos no Día Internacional do Xogo, non sen antes facer unha chiscadela á deportividade, fundamental na práctica de calquera xogo, onde a xenerosidade e o autodominio son fundamentais. No primeiro caso, porque a deportividade entraña xogo limpo, e no segundo, porque o autodominio implica encaixar a derrota cun sorriso e dispoñerse para felicitar a quen gaña. E tamén quedamos con iso para o noso día a día.

Un pracer Manolo, grazas por abrirnos as portas do Club até a próxima!

Acerca de evavieites

Bibliotecaria. Creo na biblioteca como experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para todas as persoas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: