“Decidín sacar a saúde da consulta para levala a outros espazos”
“Deime conta da dimensión tan profunda que a acupuntura ten sobre o ser humano”
ODía Mundial da Saúde celébrase cada 7 de abril para conmemorar o aniversario da creación da Organización Mundial da Saúde (OMS) en 1948. Cada ano, para esta data, escóllese un tema que pon de relevo unha área de preocupación prioritaria para a OMS. Desde asBMCqueremos xerar conciencia da importancia da saúde física e mental e de fomentar hábitos saudábeis nas persoas. Con esta finalidade, conversamos coa Fisioterapeuta Acupuntora especialista en Saúde MentalVero López.
Vero López naceu en Sarria (Lugo) no 1974, estudou Dietética e Nutrición no CIFP Ánxel Casal e Fisioterapia na UDC(Universidade da Coruña), para logo formarse no C.E.M.E.T.C. (Centro de Ensinanza de Medicina Tradicional China) no 2000-2002 e de novo no 2011-2013.
O XERME
O meu primeiro contacto coa China foi a través dun libro que lin de nena, “La Buena Tierra”, da autora estadounidense Pearl S. Buck. Non sei a razón, pero fíxome xirar, e foi o principio de todo. Estudando a carreira de fisio tiven a sorte de cursar unha materia optativa sobre Medicina Chinesa e, desde ese momento, xa non a soltei. Fixen enseguida a miña formación como acupuntora na Coruña e integrei ese enfoque da saúde no meu traballo de fisio ao entender o completa que era como enfoque terapéutico.
De esquerda a dereita, La buena tierrade Pearl S. Buck, logo corporativo do Centro de Ensinanza da Medicina Tradicional Chinesa na Coruña e o libro Historia de la Medicina China en su contexto y en relación con Europa, de Rafael de Mora Sánchez.
Anos despois casei con Rui, un rapaz chinés que vivía na Coruña, e por motivos laborais fomos vivir á China durante un ano. Alí coñecín o país e aprendín o idioma. Ao volver a Galicia, repetín a formación de acupuntora ao darme conta da dimensión tan profunda que ten sobre o ser humano.
A acupuntura converteuse no centro do meu traballo, sentíndome máis Acupuntora Fisoterapeuta que ao revés. Tamén avancei moito profesionalmente ao traballar con casos difíciles nos que a mente producía patoloxías que afectaban ao corpo. Para eses casos, a acupuntura, e máis amplamente a Medicina Chinesa Integrativa, é un enfoque potente e eficaz.
“O nome co que tradicionalmente se coñece á Medicina Chinesa en España é Acupuntura. Pero a medicina chinesa abrangue máis campos que a acupuntura, por exemplo, a fitoterapia (medicina herbaria), a masaxe, o exercicio ou a dieta son tamén fundamento e base do seu coñecemento”.
AS MEDICINAS ALTERNATIVAS
Galicia é un entorno no que as terapias alternativas son ben aceptadas pola xente. Temos unha fortetradición de pensamento holístico inda que non a denominemos así, porque a xente entende a posible relación dunha dor cunha situación previa de estrés, enfado, etc, polo tanto, está presente ese xeito de entender a saúde no seu conxunto e de maneira global.
Coas Terapias Alternativas e a Medicina Natural precisamos a regulación de estudos universitarios e colexios profesionais, para darlle todas as garantías sanitarias á poboación e que nos identifiquen como profesionais da saúde ben formadas.
“Nin Galicia nin España son nada innovadoras na regulación de estudos, pero co mundo dixital temos acceso á investigación creada en países onde os estudos de acupuntura están regulados e implantados na universidade desde hai máis de vinte anos. A integración da Medicina Tradicional Chinesa coa ciencia deu lugar á denominación aceptada a nivel internacional de Medicina Chinesa Integrativa“.
SAÚDE PARA TODAS AS PERSOAS
Entendín lendo os propósitos poloDía da Saúde da ONU neste 2023 que vai cara un enfoque de saúde pública global, superando o concepto do estado do benestar como privilexio duns determinados territorios. A situación doutros lugares do mundo aféctanos e tras a pandemia, isto resulta máis doado de entender. Eu quédome sen dúbida coa evidencia de que os sistemas de saúde impulsados por un enfoque de atención primaria (APS) son a forma máis eficaz e costo-efectiva de achegar os servizos de saúde e benestar ás persoas.
De feito, a nosa medicina occidental é moi poderosa en situacións críticas para salvar vidas, pero a medicina chinesa é máis poderosa nas fases dos procesos patolóxicos que se abordan en atención primaria. Ten recursos mellor adaptados a estas fases iniciais, sendo máis eficaz e menos agresiva co corpo que os da medicina occidental. Se nun futuro se regulase a medicina chinesa no sistema sanitario de saúde, estaríase facendo unha grande labor na atención primaria. Isto xa hai anos que aconteceu en Cuba, onde os recursos económicos non lles permitían implementar no seu sistema de saúde o modelo da medicina occidental e da man das boas relacións diplomáticas con China, fixeron unha formación de profesionais para integrar a acupuntura no sistema de saúde. O éxito da medida foi destacado e hai tempo que os países de fala hispana teñen en Cuba un lugar onde desenvolver a práctica da acupuntura de maneira máis doada polo idioma.
“Entendo a saúde desde o “One Health“, que se traduce como “Unha soa saúde” e que se introduciu a comezos do ano 2000 para poñer nome a unha noción coñecida desde hai máis dun século: a saúde humana e a sanidade animal son inter-dependentes e están vinculadas aos ecosistemas nos que coexisten.“
QUE É PARA TI UNHA BIBLIOTECA?
Un lugar de saúde social e emocional moi potente
Para min unha biblioteca é un templo de nutrición intelectual e espiritual. Desde a experiencia individual representa a calma e, se hai unha arquitectura inspiradora e marabillosa, como aquí na Biblioteca Ágora, convértese nun lugar para desfrutar do estímulo visual, imaxinativo e intelectual dos contidos de acceso libre. A iso sumo a experiencia colectiva nun entorno de atención consciente, que capta a atención nun espazo de respecto, transformando a biblioteca nun lugar de saúde social e emocional moi potente. A calma, o respecto, o espazo comunitario e sagrado que non che pide nada para poder entrar, fai que sintas que pertences a el. As actividades colectivas que aquí se desenvolven teñen un potencial de interconexión e un sentimento de comunidade maior que noutros lugares.
Son moi lectora, e estes son algúns títulos que me pareceron espectaculares: La muerte del comedador, de Murakami, Jonathan Strange y el señor Norrell, de Susanna Clarke, “Las personas más raras del mundo“, de Joseph Heinrich, “Historia de la medicina china en su contexto y en relación con Europa“, de Rafael de Mora e Trilogía de los tres cuerpos, do autor chinés de ciencia ficción Cixin Liu.
A EXPERIENCIA EDITORIAL, MAMAHUHU...
MAMAHUHU Ideasé o meu proxecto actual. A pandemia deume a oportunidade de integrar en algo redondo todo o que son. O nome e o logo naceron neste proceso. Mamahuhu é unha palabra chinesa que significa o mesmo que a nosa expresión galega “bueno”, pero para nada é a indefinición que pensan algúns, senón unha denominación moi concreta e precisa de algo que está a medias entre dous polos opostos en equilibrio, mesmo ten esa connotación de humor que tamén ten a nosa expresión.
“O termo mamahuhu era perfecto para min, porque está composto pola palabra cabalo (ma) e a palabra tigre (hu), e no horóscopo chinés o meu home (Rui) é cabalo e eu son tigresa“
Empezamos auto-editando un conto en chinés para nenos que estudan o idioma, pero o proxecto xa se converteu en MAMAHUHUIdeas dando cabida a moito máis, unha versión moi persoal dunha lenda chinesa para público xuvenil, proxectos de cinema e de caligrafía chinesa e, por suposto, unha chea de propostas de saúde mental e física baseadas na Medicina Chinesa Integrativa.
VERO RECOMENDA
UNFILME: un clásico imprescindible El último emperador, de Bernardo Bertolucci.
UN LIBRO:Trilogía de los tres cuerpos, do autor chinés de ciencia ficción Cixin Liu.
UNHACANCIÓN: O porvir é meu, de Chuches Amil no álbum “Monstros con ou sen consentimento“.
UN LUGAR: a lagoa de Baldaio, no Concello de Carballo.
UNHAINQUEDANZA: o cambio climático.
UNDESEXO: ter un cachiño cando morra para mirar atrás e sentirme razoablemente satisfeita.
UN PECADO: sempre me sentín máis próxima ao budismo que á relixión católica na que me educaron, así que o concepto de pecado capital non o teño moi claro, pero quizáis escollería a soberbia.
Bibliotecaria. Creo na biblioteca como experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para todas as persoas.