O 4 de marzo de 2022 máis de 180 activistas e colectivos uníronse para resignificar o Día Mundial contra a Obesidade en Día contra a Gordofobia. Un ano despois, na nosa sección Conversas con…falamos con Paula C. Frías, nada en Madrid no 1979, Licenciada en Filoloxía Inglesa, con estudos na Escola de Cinema e Audiovisuais de Madrid (ECAM) e na New York Film Academy de Harvard (NYFA, U.) e londinense de adopción, onde comezou a traballar como axudante de dirección de cinema.
Nacín estando meus pais separados. Vinos xuntos tres veces en toda a miña vida e non teño lembranzas deles xuntos, funcionaban como dous entes independentes. Aos catro anos vivindo en Mahón tiven a miña primeira experiencia cunha psicóloga, parece que presentaba síntomas evidentes de odio cara miña nai. Dos nove aos once anos marchei para os EEUU vivir con miña nai e alí descubrín as grandes superficies e os supermercados, ao tempo que comezaba a utilizar a comida como xeito de xestionar os meus sentimentos.
Ao meu regreso dos EEUU collera moito peso e meu pai obrigoume a seguir unha dieta moi estrita, así que perdín tanto peso que estaba irrecoñecible. Con 12 anos e tras unha gran discusión con meu pai coa ameaza de botarme da casa, tentei suicidarme por vez primeira colgándome da varanda dun piso 17.
Logo estudei Filoloxía Inglesa en Salamanca e ao rematar, trasladeime a Madrid a estudar cinema. Mentres asistía ás clases traballei durante catro anos como billeteira primeiro, e de acomodadora e proxectista despois nun cinema. Ao longo da miña vida viaxei moito, até que en 2008 marchei a Londres para traballar no cinema como axudante de dirección, despois de ser camareira e traballadora da firma Burberry. O meu primeiro traballo como auxiliar de dirección foi no filme Kingsman, proxecto que me abriu as portas a outras rodaxes enlazando un filme tras outro durante sete anos.
A ENFERMIDADE MENTAL
Tratáronme diferentes psicólogos durante case toda a miña vida. Tentar quitarme a vida tan cedo marcoume moito. Ademais, a relación con meu pai foi de mal a peor, pasando tempadas longas sen falarnos. A súa principal preocupación era o meu peso e os estudos. Iso pasoume factura durante moito tempo e comecei a sufrir un trastorno alimentario. Comecei pola anorexia, logo bulimia e, finalmente, o trastorno “do atracón”.
Os primeiros anos en Londres foron moi duros porque non atopaba o traballo que quería, así que a ansiedade e o trastorno alimenticio estaba á orde do día. Logo conseguín por fin traballar en rodaxes e iso axudoume na miña autoestima e no meu ánimo en xeral, máis canto máis traballaba máis me comparaba cos demais e máis inseguridades e ansiedade sufría. Con esta ansiedade volveron os problemas coa comida, e con eles, a depresión.
Visitando a miña nai na Coruña deime conta que non podía volver a Londres porque a miña cabeza explotara, só era capaz de chorar acotío. Entrara nunha profunda depresión. Disto hai catro anos. A través do médico de cabeceira comecei a asistir a consultas psicolóxicas e psiquiátricas. Foron meses moi escuros nos que era incapaz de facer case nada. Coñecedores de que escribía diarios e guións e de que tiña un blog desde había tempo, o equipo médico animoume a escribir a miña historia para axudar a outras persoas compartindo a propia experiencia persoal.
O 4 de marzo de 2022 máis de 180 activistas e colectivos uníronse para resignificar o Día Mundial contra a Obesidade en Día contra a Gordofobia e a min paréceme unha gran iniciativa. O termo obesidade leva aparelladas moitas connotacións negativas e hai xente gorda que está moito máis sa que unha persoa delgada. É unha forma de dar a entender que a Gordofobia, o odio e a violencia que sufrimos as persoas gordas polo feito de ser gordas, está moi presente na nosa sociedade e que hai que erradicala. Ademais a Gordofobia está en todos lados.
Ninguén quere ter sobrepeso, e iso provoca un rexeitamento innato cara as persoas gordas. A gordofobia é a cadeira na que non colles, o cinto que non abrocha, os papeis de cinema e TV para os malos da película, é que vaias ao médico e o primeiro que che diga é que tes que perder peso antes de nada, que non haxa representación na moda… A gordofobia podemos ser ti ou eu, todas as persoas.
REFERENTES
Lin desde ben pequena, comezando pola colección “Barco de vapor” e pasando pola saga de Harry Potter, até facer unha carreira universitaria na que a metade das materias eran de literatura. Encántame ler. A miña casa sempre estivo chea de libros, así que foi algo moi natural para min. Na adolescencia obsesioneime con “A historia interminable”. Tamén me impactou moitísimo “O gardián entre o centeo”, que foi lectura obrigatoria no instituto e un verdadeiro pracer ler. Na universidade gocei de moitísimos autores e mesturei numerosos xéneros. Pasei por Julio Cortázar, Roald Dahl, a saga de “O Señor dos Aneis”, “O Hobbit” ou antoloxías de contos de Literatura Norteamericana. Son moi ecléctica en canto á literatura e gústame desde a ficción ás autobiografías, da prosa á poesía…. cústame escoller un só libro.
RECOMENDACIÓNS
UN FILME: Cinema Paradiso.
UN LIBRO: “O gardián entre o centeo” de J.D. Salinger.
UNHA CANCIÓN: “Despechá” de Rosalía.
UN LUGAR: O atardecer na Illa de Holbox en México (pero shhhhhh, é un segredo!)
UNHA INQUEDANZA: As enfermidades mentais.
UN DESEXO: Paz mental.
UN PECADO: A gula.
UNHA COMIDA: Demasiadas…
Pois até aquí a nosa conversa con Paula. Un pracer rematar coa “Despechá” de Rosalía, poñendo en valor unha “motomami” poderosa coma ti, grazas pola túa honestidade. Este 4 de marzo desde as Bibliotecas Municipais da Coruña loitamos e bailamos contra a discriminación.
Até sempre!