Un inverno máis seguimos a quentar con calor humano a nosa Biblioteca Vivente. Catro novas testemuñas foron as protagonistas de poñerlle voz ás súas historias de vida e compartilas co alumnado de 4º da ESO do IES Agra do Orzán.
Con estas testemuñas tivemos a oportunidade de escoitar o que non aparece nos estantes das bibliotecas desde unha honestidade tan sincera e transparente, que non podemos máis que agradecer. Sentímonos afortunadas por levar once anos fomentando esta experiencia de diálogo entre a comunidade educativa e a veciñanza, sumando cultura, identidade e apertura entre as persoas.
Nesta ocasión, os libros viventes convidados foron Paula C. Frías, María Lucinda Rey Escribano, Felipe Cotelo e Laura Marín, que tamén transformaron as súas experiencias persoais nunha cura grupal grazas ao diálogo coa rapazada.
FILÓLOGA E AXUDANTE DE DIRECCIÓN DE CINEMA
Nunca tiven unha infancia ao uso. Cando miña nai se puxo a parir meus pais xa estaban separados. Eu fun o seu último intento de unión que obviamente, fracasou estrepitosamente. Aos doce anos quixen tirarme polo balcón dun piso 17. A partir de entón cambiou a miña vida. Sempre fora unha nena con bastante ansiedade. Comía con inquietude e quería todo xa. Logo chegaron agasallos dos meus achegados con comentarios como: “Estás a coller barriguiña”, “es de bo comer”, eh? Ou o máis fino e delicado: “vaia cu que botaches”, por exemplo. Meu pai púxome a réxime desde os once anos, así que pronto aprendín que o meu corpo era imperfecto e sufría múltiples fallos. Desde esta idade fun mesturando dietas de todas as cores e sabores. A día de hoxe, conto cun trastorno da conduta alimentaria (TCA) ou, o que é o mesmo, non sei comer.
Estudei Filoloxía Inglesa en Salamanca e ao rematar, trasladeime a Madrid a estudar cinema. Ao longo da miña vida viaxei moito, até que en 2008 marchei a Londres para traballar como axudante de dirección, despois de ser camareira e traballadora da firma Burberry. O meu primeiro traballo como auxiliar de dirección foi no filme Kingsman, proxecto que me abriu as portas a outras rodaxes enlazando un filme tras outro durante sete anos.
ALCOHÓLICA REHABILITADA
Son filla de nai malagueña e pai muxián, emprendedora e alcohólica rehabilitada. Pertencín a varios consellos de administración e, con vinte e seis anos, tiña unha axencia de publicidade con máis de dez empregados. Era unha muller de éxito que bebía dunha maneira moi social, sen extra-limitarme co alcohol na maioría das miñas saídas. Co paso dos anos asedioume un inferno de sombras e a miña vida converteuse nunha trama chea de culpables e medos incontrolables que necesitaban ser saciados co alcol.
A miña familia, no seu afán de rescatarme desa espiral, buscou desesperadamente por internet un lugar onde puidesen facerme comprender que tiña un grave problema coa miña maneira de beber e, en plenas datas de Nadal, leváronme a 24 horas Alcohólicos Anónimos. A enfermidade é progresiva, empezas bebendo pouco e sen darte conta un día pásaste, quítaslle importancia, xustifícalo con que é fin de ano, San Xoán, uns aniversarios, un partido de fútbol gañado e segues engadindo datas ou motivos que xustifiquen esa maneira de beber sen límites, coma se fose normal rematar borracha cada vez que festexas algo.
Afortunadamente hoxe vivo noutro mundo, no que tento cada día situarme na miña realidade, que só por hoxe e mirando cara atrás, podo dicir no canto do mellor está por chegar, calquera tempo pasado foi peor.
PERSOA CEGA
Nacín na Coruña un 2 de abril de 1965, e comigo naceu unha enfermidade xenética familiar chamada retinose pigmentaria, unha doenza dexenerativa da retina que normalmente dexenera en cegueira total consecuencia da morte das células foto-receptoras da retina.
Na adolescencia o que máis me afectou foi a cegueira nocturna e a perda de campo visual. Pola noite non podía seguir o ritmo dos demais compañeiros, nin participar das festas e quedadas, sempre anticipando a hora á que retirarme para non ter problemas ao moverme, así que empecei a apartarme da xente. O mundo da cegueira non é tan simple como ver ou non ver. Pasaron dez anos até que decidín achegarme á ONCE para pedir información, para min a ONCE era para cegos totais, mais atopei unha gama de grises chea de posibilidades.
Na actualidade o que máis valoro é a miña independencia económica e a miña autonomía na vida cotiá. Tamén teño inquedanzas por axudar á xente que se está a enfrontar neste momento a diagnoses de perda de visión, coido que lles podería axudar. En realidade sinto que o único que perdín foi a vista, e iso faime sentir ben, porque podo seguir gozando da vida dun xeito diferente.
ESTUDANTE E CANTANTE
A primeira vez que recordo ver aos meus pais xuntos tiña once anos e nunca vin isto como algo negativo, vivir dunha casa a outra constantemente, ou pasar moito tempo cos meus avós, foi moi positivo para min. A día de hoxe considero o divorcio como un éxito; o único fracaso nestes casos desde o meu punto de vista é manter unha relación tóxica con nenos de por medio. De todas as cousas negativas ou desagradables que recordo da miña infancia, nacer e vivir nun divorcio non foi unha delas.
De todas formas, admito que medrei cun gran baleiro no meu interior. Meus pais seguiron a súa vida de xeito independente e nunca sentín que tivera unha familia á que poder chamar miña. Cando cheguei á adolescencia, atopar un lugar ao que poder chamar “fogar” era complicado, así que atopei o meu fogar na música balcánica. Na adolescencia estes sentimentos de soidade continuaron medrando, e con eles, unha dor e sensación de abandono que me deixaba sen enerxía. Como un imán e unha moeda, repetín lixeiramente a historia de meus pais e namorei dun rapaz cunha infancia complicada, e convertémonos na táboa de salvación un do outro.
Con calor nas mans e no corazón chegamos ao remate desta edición. Poder compartir e aprender da escoita entre persoas é un privilexio hoxe e sempre. Ogallá continuemos sumando experiencias e contando coa colaboración de Iolanda e Milagros da Biblioteca Escolar do IES Agra do Orzán e de persoas que se ispan en cada edición para falar de sí. Paula, Lucinda, Felipe, Laura…
Grazas e bo camiño!