Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

“É importante que existan bibliotecas nos barrios para que todas as persoas teñamos as mesmas oportunidades”

Este 11 de xaneiro, Día das persoas Usuarias de Bibliotecas, reivindicamos a posta en valor de todas as persoas que nos visitan decote nos nosos centros, dando voz a unha das nosas usuarias máis fieisMª Carmen Brage Rabina.

“Meus pais, especialmente meu pai, líame contos todos os días”

Hoxe, na nosa sección Conversas con… damos visibilidade a esta contribución imprescindible para medrarmos como bibliotecas.

ORIXES

Nacín en Mugardos hai 61 anos, meus avós rexentaban unha tenda moi coñecida neste pequeno pobo da comarca ferrolá. A finais dos anos 50 meus pais emigraron a Venezuela co proxecto futuro de regresar para montar o primeiro supermercado mugardés. Inda que non puido ser, a experiencia da emigración sendo eu nena deume algo moi importante, o primeiro contacto cos libros e cos contos. E digo isto porque en Caracas un tío de meu pai montara unha libraría e foi aí onde meu pai traballou durante varios anos, polo que era habitual que trouxera para a casa unha chea de libros cunhas edicións fermosísimas. Ao regreso a Galicia, as compañeiras de escola alucinaban cos estes libros de encadernación coidada, ilustracións incribles e con todo tipo de detalles que aquí non había, nos anos 60 Venezuela estaba culturalmente moito máis avanzada que España.

Logo chegaría a etapa compostelá como estudante nos primeiros anos 80 de Filoloxía Inglesa. Lembro que de adolescente desfrutaba moito da literatura e dos autores en lingua inglesa como Allan Poe e Agatha Christie, e a música nesta lingua tamén era a miña debilidade: os Beatles, Simon & Garfunkel, Bob Dylan ou Creedence.

No 1988 vin para a Coruña despois de casar, e no 1999 mudeime para San Pedro de Visma. Descubrín a Biblioteca Ágora cando xa levaba algún tempo aberta e considero moi importante que existan bibliotecas nos barrios para que todas as persoas teñamos as mesmas oportunidades.

PREFERENCIAS DE LECTURA DE CARME, CON NOME DE...
De esquerda a dereita e de arriba abaixo, Alicia Giménez, Sandra Barneda, Agatha Christie, Angela Vallvey, Isabel Allende, Gabriel García Márquez, Camilla Lackberg, Arantza Portabales, Almudena Grandes, Miguel Delibes, Carmen Posadas, Mario Vargas Llosa, Ledicia Costas, Domingo Villar, Alejandro Palomas, Jo-Nesbo, Paloma Sánchez, Carmen Mola (Jorge Díaz, Agustín Martínez e Antonio Mercero), Jöel Dicker.
A FAMILIA BRAXE

Sempre tiven unha relación moi estreita con Lino, tanto por idade como por proximidade, levabámonos 11 meses e son a única curmá que vivía na Coruña. Era un tipo xenial, non se me ocorre outra palabra para describilo. Na familia deunos moita mágoa que non se lle tivera valorado máis en vida, o premio María Casares concedéuselle a título póstumo, cando en vida estivera nomeado en numerosas ocasións, tanto como actor como director. Lino falara persoalmente con María Casares para que autorizase que os premios levaran o seu nome, e logrou que viñera á primeira gala cando ela sempre se negara a volver á Coruña. Lino era unha persoa extremadamente sensible, e esa sensibilidade collía forma a través da poesía, el considerábase mais que nada un poeta. Boto moito en falta ao curmán, ao poeta e á persoa.

Lino Braxe Mandiá (Mugardos, 18 de xuño de 1962-A Coruña, 25 de decembro de 2020)​ foi un actor, director de teatro e escritor. Comezou no teatro profesional en 1985, coa Compañía Luís Seoane. Actuou en producións da Escola Dramática Galega, Centro Dramático Galego, Malbarate e outras. Tamén foi actor de dobraxe e radio. Foi un dos fundadores da revista Luzes de Galicia.Tamén foi locutor de RNE durante dez anos. Nese período de tempo adaptou para a radio a obra dramática completa de Álvaro Cunqueiro e Eduardo Branco Amor.

PETISCOS DE CARMEN

UN FILMEGone with the Wind, de Victor Fleming.

UN LIBROCien años de soledad, de Gabriel García Márquez.

UNHA CANCIÓN: Let It Be dos The Beatles.

UN LUGAR: Unha praia con acantilados.

UNHA INQUEDANZA: O exceso de violencia na sociedade, tamén a perda da educación e o respecto.

UN DESEXO: O remate da crise.

UN PECADO: A preguiza.

UNHA COMIDA: O polbo, son mugardesa.

Grazas por compartirte con nós Carmen, por ser este 11 de xaneiro voz e rostro dos centos de persoas usuarias que cada día visitan as nosas bibliotecas. Foi un pracer!

Acerca de evavieites

Bibliotecaria. Creo na biblioteca como experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para todas as persoas.

Deixar un comentario