Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

“Ser transexual non é unha debilidade, é unha fortaleza”

Transicionar é unha das cousas máis bonitas e máis importantes que fixen na miña vida. É un exercicio de inconformismo e de amor propio como ningún, que te cambia por dentro moitísimo máis do que se ve por fóra. E aínda que hai momentos duros nos que desexarías non ter nacido así, aprendes a velo todo como unha oportunidade única, a sentir que ser trans non é unha debilidade, senón unha fortaleza

No Día Internacional da Memoria Transexual falamos na nosa sección Conversas con Ángela Pardal: muller trans, lesbiana, artista, música e feminista. Este 20 de novembro as Bibliotecas Municipais da Coruña rendemos homenaxe a todas as persoas asasinadas froito da transfobia, apoiando o remate da violencia contra a comunidade trans.

PETISCOS PERSOAIS DE ÁNGELA
Sempre vivín nun ambiente moi enrarecido e cambiante, sen espazo para expresarme ou recibir a atención que precisaba. Así o recordo eu. Isto deu lugar a unha adolescencia moi complicada, que se xuntou cos terremotos internos que intentaba esquivar arredor da miña identidade de xénero

Como moitas outras galegas, son neta de emigrantes. Meus avós emigraron a Sudamérica e fixeron a maior parte da súa vida en Colombia. Miña nai e todos os tíos naceron en Barranquilla (Colombia). Cando miña nai era adolescente meus avós decidiron retornar a Padrón e, ao pouco de estar aquí, nacín eu, a primeira neta da familia e a primeira en nacer en España.

En todo ese entorno empecei a facer música. O rap era a forma máis popular e accesible de expresarme a través da música. Só precisaba unha base instrumental que podía descargar de internet ou dalgún disco de instrumentais e comezar a cantar enriba. Logo empecei a tocar a batería. Comecei a tocar en varios grupos e coñecín aos que a día de hoxe son algúns dos meus mellores amigos. Recordo aquela época con moito afecto. Un deses grupos foi Músculo! O guai de formar parte daquela banda é que, ao facer música electrónica, podía experimentar coa batería ritmos e sons que me cativaban do techno e do house máis puro. Medrei moitísimo como música nesa etapa, pero seguía sen sentir que aquilo me representase da forma que eu quería. Abandonar Músculo! foi unha decisión moi difícil, pero sempre sentín que facía o correcto.

E así naceu Pandoé. O meu primeiro proxecto serio en solitario. Sempre tiven a inquedanza de experimentar coa mestura entre música tradicional galega e música electrónica, e mergulleime nun mundo novo para min. Cando o proxecto empezaba a coller azos tiven que interrompelo por motivos persoais. Foi entón cando marchei de Galicia, primeiro a Madrid, despois a Valencia, e agora Barcelona. Ese tempo de parón veume moi ben para poder pensar e buscar con moita máis fondura o que quería na vida. E da man da miña transición de xénero chegou o meu proxecto actual, Ángela Pardal.

TRANSICIÓN DE XÉNERO

Tiven clara a miña identidade de xénero dende moi cedo, pero nunca tiven o entorno nin a estabilidade, tanto arredor como dentro de min, para tomar a decisión de vivir conforme ao que son. Ao final é unha cuestión de inconformismo, de dicir ‘non teño por que aceptar o que me marca a sociedade’.Vivindo en Alacant decidín que tiña que dar o paso de transicionar. Foi ao comezo da pandemia. 

Contei coa axuda da asociación TRANSIT, que é a encargada de acompañar e orientar as persoas transexuais na comunidade valenciá. Unha vez en Barcelona continuei facendo terapia, e a verdade que é unha axuda tremenda para seguir dando pasos cara a felicidade e o benestar

Dende o principio intentei levar todo o proceso coa máxima naturalidade posible. Esa é a palabra que mellor o definiría. O meu entorno laboral, amigos, parella e familia foron un apoio enorme. Notei como recibía a mesma naturalidade que eu estaba proxectando. Pero non é nada doado, de cando en vez a sociedade intenta facerche ver que non es natural. Son moitas as barreiras que hai que ir superando cada día. Algunhas son moi obvias, outras non tanto, e son precisamente esas que non esperas as que te poñen do revés, arrastrándote cara o fondo. A xente acostuma pensar que hai que ser moi valente para dar este paso, e todo o mundo esforzouse por facermo ver. O que non imaxina a xente é que hai que ser valente cada día.

“Na vida cotiá hai centos de situacións nas que hai que apertar os dentes e tirar cara diante. E ese sobre-esforzo, ese desgaste de enerxía que implica ser valente cada día, é realmente esgotador. Hai que facer moito traballo persoal para ter a cabeza no seu sitio

Dá igual o rápido que ti cambies ou o ben que te aceptes, o mundo non vai ao teu ritmo. Levas unha alarma conectada 24/7, que se acende cando notas unha mirada extrana, cando escoitas comentarios tránsfobos, os discursos dalgúns políticos, cando tes que planear unha viaxe e es consciente de que non podes ir a calquera sitio, cando escoitas noticias terribles de asasinatos ou palizas, etc. Esa valentía que a xente soe atribuirche moi cariñosamente nun momento concreto, ti precísala cada día“.

A loita actual dos colectivos TRANS

Creo que o reto máis importante que temos por diante, tanto como colectivo trans como a totalidade da sociedade, é o de liberarnos dos binarismos. Parece que as persoas trans encaixamos nos esquemas mentais da xente en función de canto nos asemellamos ao que están acostumados a ver. Unha muller trans súper feminina, con peitos grandes, pelos longo, roupa sexy, etc… encaixa de forma máis inmediata e sinxela que unha que se afasta deses estereotipos.

Parece que temos que esaxerar rasgos ou comportamentos comunmente entendidos como femininos para que nos consideren mulleres trans de verdade. En política séguese a debater se unha persoa trans ten os mesmos dereitos por hormonarse ou non. Non hai unha opción máis válida que outra. Eu decidín hormonarme, pero iso non me fai máis ni menos muller

Hai meses falaba cunha persoa que se interesaba pola realidade trans e preguntoume: ‘Entón, preferirías ter nacido muller?’ No momento contesteille que eu xa nacera muller, pero no fondo sabía que se refería a se prefiriría ter nacido muller cis, e iso levoume a reflexionar un anaco. Eu alégrome de ter nacido como nacín, alégrome de todo o esforzo e traballo que tiven que facer para coñecerme e aceptarme, porque de seguro que se o camiño tivese sido máis doado, hoxe non sería a persoa que son.

  • DEBATE TRANS NO FEMINISMO ACTUAL
O debate aberto sobre as persoas trans no panorama feminista é algo no que non quero meterme demasiado, creo que alimenta unha división sen sentido que só interesa a unhas cantas

De cara á galería as feministas trans excluíntes respectan e entenden ás mulleres trans, pero non nos queren no ‘seu movemento feminista’. Respectan con peros, quérennos, pero lonxe. Isto faime pensar nas leis de segregación racial que estiveron vixentes en EEUU até principios do século XX, e que tiñan como lema ‘separados pero iguais’. Gústame pensar que as que pensan así son unha minoría, faltas de empatía, de intelixencia, e sen nigún tipo de poder para decidir quen ou como debe ser o feminismo. A maioría entende que as mulleres trans precisamos como ningunha outra da loita feminista, pois sufrimos as mesmas inxusticias e desigualdades que todas as mulleres cis, ademáis das propias de ser trans.

ÁNGELA RECOMENDA

De esquerda a dereita o disco de Kae Tempest The Line is a Curve“, a portada do disco de Little Simz que contén a canción “Introvert“, o filme Eternal Sunshine of the spotless mind de Michel Gondry e o libro “Hold Your Own” de Kae Tempest.

UN FILME: Eternal Sunshine of the spotless mind de Michel Gondry.

UN LIBRO: Hold Your Own de Kae Tempest. É unha escritora e rapeira inglesa, non binaria, na que atopo moitas similitudes comigo. Un referente no que inspirarme e apoiarme.

UN DISCO: The Line is a Curve (Kae Tempest).

UNHA CANCIÓN: Introvert de Little Simz.

UN LUGAR: A desembocadura do río Sar no Ulla, en Padrón.

UNHA INQUEDANZA: O panorama político.

UN DESEXO: Non máis violencia, de ningún tipo e baixo ningún pretexto.

UN PECADO: As compras.

UNHA COMIDA: Arroz á cubana.

Pois até aquí a nosa conversa con Ángela, un pracer contar contigo este 20 de novembro, grazas por compartir un anaquiño de ti con esa naturalidade que xa quedou en nós e tamén nos andeis desta biblioteca.

E coa mesma forza coa que desexamos o remate da violencia, agardamos o éxito do teu próximo disco!!!

Grazas e até sempre!

Acerca de evavieites

Bibliotecaria. Creo na biblioteca como experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para todas as persoas.

Deixar un comentario