Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

Especial Libros Viventes polo Día da Biblioteca

De esquerda a dereita a profesora mexicana e artista Isabel Espinosa e a música galega Ángela Pardal

A afouteza de dúas mulleres encheu este luns 24 de outubro unha edición especial de Libros Viventes na Biblioteca Ágora. Baixo o lema “BiblioTEcuida”, desenvolveuse unha xornada centrada nas persoas e nas relacións entre elas onde, novamente, a mocidade puido compartir experiencias de vida e aprendizaxe. Son moitas as vías a partir das cales as bibliotecas atenden e coidan á cidadanía, mais esta ten unha potencia que deixa pegada.

A edición deste 2022 da campaña estatal, á que lle puxo imaxe a ilustradora coruñesa Xulia Vicente, centrouse en destacar o papel das bibliotecas como espazos libres e abertos que, a través dos seus servizos e recursos, atenden as necesidades das persoas usuarias. Un enfoque de biblioteca como piar fundamental ao servizo da comunidade á que pertence.

Desde aí, tiña moito sentido festexar o Día da Biblioteca con Libros Viventes, un programa que leva dez anos traballando coa autoestima e a cohesión social, rachando estereotipos, promovendo o respecto, a comprensión, e creando a oportunidade para manter un diálogo entre persoas e realidades diferentes na sociedade.

O alumnado de bacharelato do imprescindible IES Agra I acompañábanos nesta ocasión para coñecer a Isabel e Ángela, dúas mulleres con experiencias de vida únicas que compartiron cunha entrega xenerosa un anaco delas mesmas.

A profesora mexicana e artista Isabel Espinosa Rey abordou a dureza da violencia e inseguridade no seu país, o percorrido vital que tivo que facer até chegar a Galicia e a súa fe na arte como porta para contactar coa esencia, as emocións e a beleza propia.
A galega Ángela Pardal viña co seu último traballo debaixo do brazo, Alas, un disco de rap e música electrónica que describiu como parte da súa biografía e como unha experiencia coa que se abriu en canal. Tamén compartiu a naturalidade do seu proceso de transicionar e as barreiras coas que se atopa cada día desde o inconformismo de non aceptar o que marca a sociedade no que a identidade de xénero respecta.

Novamente, co paso da xornada puidemos ratificar como Libros Viventes é a expresión clara de biblioteca ao servizo da comunidade, e subscribimos despois de falar con Ángela e Isabel o que outra libro vivente chamada Jeane Costa, destacaba como valor cando participou na actividade.

Creo que é unha maneira bonita de achegar a realidade a outras persoas coas que tal vez non teñas moito contacto e que une tamén ese espazo de comuñón que falamos da sociedade, da falta de coidado. Creo que Libros Viventes é un xeito de coidar, de coñecer a historia e, ao coñecermos a historia da persoa eliminamos medos, discriminacións, chegamos desde un espazo bonito á realidade da outra persoa, agradecer, simplemente agradecer“ Jeane Costa

E tomamos o relevo dos agradecementos para facelos extensibles especialmente a Ángela e Isabel, pola súa implicación e xenerosidade, pola súa entrega nesta edición especial e por posibilitar que sigamos sumando persoas á nosa biblioteca humana. Tamén a Iolanda e Milagros, pola súa constante e agarimosa colaboración desde a biblioteca escolar do IES Agra I e a todas cantas sumades folgos para atender e coidar á cidadanía cada día.

Deixámosvos coa música de Ángela, unha experiencia recomendable 100%! Agardamos con desexo a estrea do próximo disco no 2023, foi un verdadeiro pracer!

Acerca de evavieites

Bibliotecaria. Creo na biblioteca como experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para todas as persoas.

Deixar un comentario