Comeza na Coruña o Festival Viñetas desde o Atlántico, quince días nos que se porá en valor a banda deseñada no marco do festival máis relevante deste medio a nivel galego, razón para achegarnos desde Suma Ágora ao mundo do manga e anime experimental. Hoxe, na nosa sección conversas con, falamos con David Pazos Otón, activista cultural especializado en manga e anime xaponés e fundador de Serial Experiments Lab.
ORIXES, VECIÑO DO BARRIO
Nacín na Coruña no 1980, meus pais eran profesores de primaria na Laracha, o que me permitiu ter unha infancia idílica polos campos de Bergantiños. Tiven a sorte de criarme nunha familia que me animou a ler e pensar por min mesmo, quizais por ese ambiente que respiraba na casa, sempre sentín que remataría dedicándome á ensinanza formal ou á divulgación. Toda a miña vida vivín no barrio do Agra do Orzán, de feito, o lugar que agora ocupa o Centro Ágora era o campo onde xogabamos ás agachadas e ao fútbol.
Desde pequeno sempre tiven un contacto directo coas bibliotecas, foi unha descuberta da linguaxe escrita e visual a través dos cómics e mangas. Eu, que sempre estiven ligado ao mundo cultural e artístico, non pensei rematar facendo prácticas na biblioteca da Sagrada Familia e posteriormente traballando nas Bibliotecas Municipais da Coruña. Traballar rodeado de libros e en contacto coas persoas é algo que me fai feliz.
PASADO LIBREIRO
A Libraría Endo foi un proxecto que xurdiu no 2010 pola falta de oferta na cidade de libros de arte xaponesa, literatura nipona e manga de calidade. Desde Endo escollíanse con coidado os artbooks de series de manga que eran importados directamente do país asiático, dando un paso cara diante no ámbito da Cultura Otaku na cidade da Coruña.
O compromiso con creadores e creadoras, artistas plásticos, debuxantes de banda deseñada galega, fotógrafos e músicos creou unha comunidade no barrio do Agra do Orzán que nunca antes unha libraría especializada fixera na cidade. Durante un tempo foi referente, en Endo atopabas o que só podías conseguir no Xapón ou na rede, ademais traballábase moito co público infantil organizando contacontos e obradoiros específicos para as crianzas.
SERIAL EXPERIMENTS LAB
Serial Experiments Blog naceu para escribir sobre manga e anime experimental. Ao longo de todos estes anos o blog foi cambiando, como tamén o fixen eu a nivel persoal e profesional. Implicarme noutros proxectos permitiume ver que o meu desexo era pasar dunha bitácora sobre manga e anime experimental a un blog experimental sobre manga e anime. Os artigos deron paso a poemas que proviñan do manga, captando aquelas sensacións, sentimentos, texturas e olores que só se podían recoller nunha primeira lectura ou nunha primeira visión.
Paréceme divertido e diferente achegar o manga e o anime a través da poesía porque, ao ser a súa narrativa descritiva tan poética, pode ser un xeito diferente de relacionarse cos lectores e lectoras, mais este cambio de paradigma non foi ben acollido pola comunidade otaku. Sen embargo, comezaron a achegarse outros colectivos culturais que non proviñan do manga e do anime, senón de campos tan diversos como a literatura, a danza, a poesía, a pintura, a ilustración ou o mundo performativo interesados no que estaba a facer.
Desta experimentación entre manga, anime e poesía xorden os artefactos poéticos: poemas escritos que captan flashes, sentimentos, emocións, texturas e olores cando se le ou ve por vez primeira un manga ou un anime. Poden ter moitas formas: poemas escritos, prosa poética, poemas gráficos dixitais, videopoemas, audiopoemas, música e ruídos de arte glitch e databending feitos a partir de imaxes, texto e vídeo, etc. Todos estes artefactos poéticos serven coma base para levar a cabo actividades pensadas para desfrutar dunha experiencia única e inesquecible onde a poesía xoga un papel de suma importancia.
BUNKA NO TOMODACHI
O “Bunka no Tomodachi” nace como unha proposta para equilibrar os grandes eventos de manga, anime e cultura xaponesa, nos que é difícil atopar programado un relatorio, charla ou mesa redonda sobre temas relacionados co mundo da viñeta e do audiovisual xaponés ou a súa cultura. Partindo desta premisa, decidín apostar por unha proposta centrada en charlas e relatorios onde estivera presente tamén a poesía. Contei coa colaboración do escritor e poeta Francisco Jota-Pérez, con Carolina Plou, historiadora da arte pola Universidade de Zaragoza, experta en manga e feminismo, con Miguel Pazos, profesor da USC que achegou unha visión sobre o turismo no Xapón e o orientalismo como invención europea ou con Martín Losada e Leandro Garibaldi, facendo unha crítica ao capitalismo otaku. Na edición deste ano tamén eu fixen un relatorio sobre animación experimental xaponesa e, para rematar, o cociñeiro Pablo Pizarro presentou unha degustación de tapas e comida galega e nipona, despois de abordar diferencias e semellanzas entre ambas gastronomías. Unha experiencia moi binait que agardo acolla moitas máis edicións.
A EXPERIENCIA LECTORA
Sempre me gustou a fantasía e a ciencia ficción, sen embargo leo todo tipo de libros, desde ensaios, libros sobre historia, cómic, mangas, novela negra. Ultimamente estou a ler un xénero chamado Bizarro (raro, estraño) cunha compoñente de terror cósmico, ficción, fantasía, realidade alterada, algo de punk e crítica social. Tenme totalmente absorbido. Hai unhas semanas asistín en Barcelona a unha convivencia de artistas chamada BizarroCon, organizada pola Editorial Orciny Press e, unha das invitadas era a escritora Laura Lee Barh, unha das grandes referentes da litaratura bizarra; ao asistir ao seu obradoiro de escritura deime conta de que as vivencias pódense transformar nalgo terrorífico e divertido ao mesmo tempo.
REFERENTES DA LITERATURA
O meu primeiro referente foi Michael Ende, a día de hoxe segue a selo. Tolkien, Ursula K. Leguin, Isaac Asimov, Stanislav Lem e toda a literatura rusa de ciencia ficción. David Toop, Laura Lee Barh, Francisco Jota-Pérez, Alba Cid, Francisco Cortegoso, Diana Puñal. Son moitas e moitos escritores que teño coma referentes e fonte de inspiración.
QUE É PARA TI UNHA BIBLIOTECA?
Para min unha biblioteca é un refuxio para as persoas que queren profundar en mundos imaxinados, mundos que ás veces transforman a realidade a través das historias que se están a ler. Tamén é un centro cultural e de ocio onde poder desfrutar de xeito lúdico e onde compartir opinións, puntos de vista diferentes e por que non, lazos de amizade. Tamén é un espazo con recursos para as familias, inaccesibles até non hai moito tempo. Unha biblioteca é un ser vivo que require coidado continuo e agarimoso, fomentando a lectura, a diversidade e facilitando un espazo seguro para a integración de todo o mundo.
A miña primeira experiencia nunha biblioteca foi no Forum Metropolitano, alí descubrín cómics europeos, manga ou literatura de ciencia ficción que marcarían un punto de inflexión no meu futuro. Tamén a biblioteca de Durán Loriga xogaría un papel moi importante na miña vida, xa que ademais de achegarme libros descoñecidos e marabillosos, foi unha das primeiras nas que realicei actividades sobre manga e anime.
DAVID RECOMENDA
UN FILME: El año pasado en Marienbad de Alain Resnais UN LIBRO: A historia interminable de Michael Ende UNHA CANCIÓN: Cultura crítica de Nao UNHA SERIE: The OA e Dark Heart UN LUGAR: Barcelona UNHA INQUEDANZA: Voltar a ver a amigas e amigos que hai tempo que non vexo por mor da pandemia UN DESEXO: que se tome en serio neste pais aos artistas e a cultura, só así avanzaremos como país e sociedade UN PECADO: Máis que un pecado é un guilty pleasure: gústanme as películas de Nicholas Cage UNHA COMIDA: O arroz con choupas
Pois até aquí a nosa conversa con David, grazas por achegarnos a túa paixón pola cultura do manga e do anime, polo convite a experimentar sen prexuízos desde ela, e por compartir con nós os teus desexos para Viñetas. Desde as Bibliotecas Municipais da Coruña agardamos un agosto repleto de banda deseñada e moita lectura. Dōmo arigatō David e bo verán!