Co gallo da celebración este 26 de xuño do Día do Deporte na Rúa, conversamos con Laura Limeres, unha moza coruñesa que vén de erixirse como campioa na Liga Galega de Roller Derby xunto ao seu equipo, “As Brigantias”.
Laura Limeres naceu hai 24 anos na Coruña, veciña dos barrios de Montealto e Labañou, cursou a carreira de Lingua Inglesa na USC e agora vén de desenvolver prácticas na Biblioteca Ágora da man do Máster de Estudos Avanzados en Museos, Arquivos e Bibliotecas da UDC, unha experiencia que serviu tamén para descubrirnos un deporte que, como ela di, forma parte da súa identidade.
OS INICIOS
Con trece anos descubrín un filme chamado Roller Girls e, desde ese momento, namoreime tolamente do deporte. Nunca pensei que fose algo que podería chegar a facer, era 2011 e o roller derby tan só estaba comezando en España, inda que nos Estados Unidos fose moi famoso. Non foi até os meus anos de universidade que, visitando a unha amiga en Vigo, vin un cartel da Liga Galega de Roller Derby. Estaba alucinando, non mo podía crer. Algo co que soñara tantas veces estaba a ocorrer en Galiza, moi preto da miña casa.
Despois de ver o partido de Vigo quedei marabillada, recordo saír correndo da casa para buscar equipos de roller derby na Coruña. Púxenme en contacto rapidamente con As Brigantias, o equipo coruñés. Por diferentes motivos non puiden unirme nese momento e, cando en setembro de 2020 o equipo organizou un rastro benéfico en Acéfala pensei, “desta vai”.
O roller derby é un deporte de contacto feminino sobre rodas. Xógase nunha pista ovalada e plana e dura unha hora, dividida en rondas de dous minutos chamadas jams. O obxectivo é obter máis puntos ca o equipo contrario, que se conseguen cando a jammer, xogadora designada co cubrecascos de estrela, adianta as cadeiras da xogadora contraria levando unha volta de vantaxe.
ALGO DE HISTORIA
O roller derby é un deporte que leva existindo desde a década dos 20 do século pasado. Comezaron como carreiras en patíns até que se converteu nun xogo para espectadores na década dos 30, transformándose nunha competición física na que acordaban caídas e colisións de antemán. Nun primeiro momento participaban homes e mulleres, até que finalmente evolucionou ao que coñecemos hoxe en día, un deporte exclusivamente feminino. O deporte gañou moita popularidade nos 40 cando comezou a ser televisado, pero tras o peche da organización do roller derby no 1973, caeu no esquecemento. Nos 80 e 90 tratou de traerse de volta cun guión previo onde as patinadoras eran profesionais nas artes acrobáticas e saltos. E no 2000 rexurdiu co equipo Texas Rollergirls, quen asenta un dos piares máis grandes e importantes do deporte: a autoxestión.
Entre os piares do roller derby está o feminismo, a diversidade, a inclusión e a autoxestión. É un deporte único, arraigado en valores de respecto, aceptación, integración e feminismo. As xogadoras e os equipos deben seguir estes obxectivos comúns. Esta diversidade abarca dende clase social, xénero, sexualidade, cultura, lingua, raza, etc. É dicir, o roller derby ten cabida para todas, independentemente da súa orixe ou xénero. E aínda que ben é certo que é un deporte de mulleres, baixo estes valores, calquera persoa que se identifique como muller ou se atope dentro do espectro de xénero como gender-fluid, xénero expansivo, xénero non-binario, ao igual que mulleres trans, son aceptadas dentro dos equipos. Isto é uns dos aspectos máis atractivos e únicos.
As Brigantias, o meu equipo, segue co seu traballo, intentando promover estes valores para difundir entre a sociedade galega a cultura do deporte feminino sobre patíns como unha das alternativas aos deportes convencionais. A covid foi unha pedra no camiño, paralizáronse os adestramentos e desapareceron moitos equipos, pero por sorte conseguimos manternos e vimos de ser gañadoras da Liga Galega de Roller Derby!
O roller derby sufriu moitos cambios ao longo do tempo e, en relación á sexualización, cando non era máis que un espectáculo, a vestimenta era para satisfacer ao público, non para a práctica do exercicio. Ás veces penso que cousas como esta foron as que axudaron a crear esa imaxe do deporte que non coincide coa realidade. Isto é algo contra o que seguimos loitando, non só como xogadoras, senón como mulleres en calquera ámbito, pero especialmente no deporte.
Tamén me gustaría que todas as mulleres e homes dedicaran un minuto do seu tempo a pensar no espazo das mulleres no deporte, tanto no que respecta a oportunidades, como axudas, representación, referentes, etc. Estamos mirando cara diante, pero necesitamos a axuda da comunidade para denunciar as inxustizas que sufrimos. Precisamos dunha voz común que berre forte que estamos aquí, que non somos menos, e que estamos a lograr grandes cousas.
REFERENTES DE LAURA
LAURA RECOMENDA
Un filme: Roller Girls de Drew Barrymore, que aínda que non sexa a mellor representación do roller derby, é ben entretida.
Un libro: “Pequeñas cosas bellas” de Cheryl Strayed, unha especie de recompilación de columnas de axuda. Sempre que acontece algo relevante na miña vida volvo a el.
Unha canción: Rebel Girl de Bikini Kill, un clásico no roller derby.
Un lugar: O Pasatempo de Betanzos, sempre.
Unha inquedanza: facerme maior, o tempo pasa rápido e asústame. Temo espertar un día e que pasaran os anos de contado sen telos aproveitado abondo.
Un desexo: non perder a confianza en min mesma e que tanto traballei por recuperar.
Un pecado: se por Dante fora, eu xa tería pasado polos nove círculos do inferno…
Unha comida: “alfajores“, non o podo evitar, o doce de leite é a miña cousa preferida no mundo.
Pois co desexo de mirar cara diante, de berrar forte e de darlle visibilidade ás mulleres no deporte, despedimos a nosa conversa con Laura. Ogallá as Brigantias continúen no camiño dos títulos sendo bandeira do feminismo, a diversidade e a inclusión. Parabéns e até sempre!