No Día Internacional da Muller falamos na nosa sección Conversas con... María Gutiérrez Calvete, directora da Biblioteca de Ciencias da Educación da UDC e presidenta da Asociación veciñal do barrio da Agra do Orzán, a única da cidade conformada por unha directiva integramente de mulleres onde a perspectiva feminista é un tema transversal.
DOS INICIOS
Son da Coruña. A miña familia materna é de Loureda (Arteixo) e alí pasei tempadas no verán. Estudei Xeografía e Historia na Universidade de Santiago e fixen a especialidade de Arquivística e Biblioteconomía. Tres meses despois de rematar a carreira optei a unha bolsa de bibliotecas da propia universidade. Logo fixeron un concurso para funcionarias interinas e alí estiven dous anos, e logo saíron as oposicións para esas prazas, que aprobei no ano 87. Coa segregación das tres universidades, pasei á Universidade da Coruña e aí continúo.
SÓ TENDO RAÍCES TEMOS FUTURO
Como asociación veciñal, ao igual que o da directiva anterior, o eixo prioritario, é o aspecto social: o barrio como colectivo de persoas e como un espazo para a convivencia. Nós temos tres liñas de actuación: as actividades, a reivindicación de melloras e o apoio a movementos progresistas na cidade e no país, na liña democrática, en defensa dos dereitos dos pobos e contra a discriminación ás persoas. Queremos facer na práctica un exercicio de cultura participativa, festas participativas e democracia participativa.
O barrio é un barrio obreiro, nas súas orixes foi feito para xente que veu das aldeas para traballar nos polígonos industriais nos anos 70 e isto atraeu o pequeno comercio. Hoxe é un barrio de acollida de inmigrantes de moitos países de Sudamérica e de África que veñen traballar. De avellentamento da poboación autóctona e de peche de moito do pequeno comercio segundo se vai xubilando quen o leva. Urbanisticamente está moi mal feito. Temos unha densidade de poboación moi alta e un mínimo espazo e sen equipamentos públicos.
PERSPECTIVA FEMINISTA NA ASOCIACIÓN VECIÑAL "Se hai que abandeirar o mandil, farémolo"
Ao longo do ano seguimos e apoiamos as convocatorias da Marcha Mundial das Mulleres, e co gallo do 8 de marzo hai anos que seguimos a convocatoria da Asemblea Nacional Galegas 8M. Se hai que abandeirar o mandil farémolo, se acordan outra cousa veremos de facela. Como colectivo veciñal, mixto, iremos na cola da manifestación porque na cabeceira van os colectivos femininos, salvo que algunha das mulleres da directiva da Agra poida axudar a levar a pancarta da cabeceira ou o que faga falla.
É unha débeda histórica dar referentes femininas para as mulleres, mais tamén para os homes. Unhas cantas: por suposto as xa recoñecidas Rosalía de Castro e Concepción Arenal e a continuación outras menos coñecidas: Avelina Valladares, escritora e muller preocupada polo desevolvemento económico do mundo rural, Isabel Zendal Gómez, primeira enfermeira da historia en misión internacional , María Miramontes Mato, costureira e figura destacada do galeguismo e do republicanismo, María Wonenburguer Planells, matemática, Inmaculada Paz Andrade, científica, Milagros Rey Hombre, arquitecta, Ángela Ruiz Robles, inventora, Icíar Bollaín e Pilar Miró directoras de cine, Federica Montseny Mañé, política e sindicalista, Dorothea Lange, fotógrafa , a pintora Berthe Morisot e por último a contemporánea Ana Peleteiro Brión, atleta…e tantas e tantas….
DE BIBLIOTECARIA A BIBLIOTECARIA "Para min a biblioteca por antonomasia é a biblioteca pública"
As bibliotecas de barrio cumpren unha misión fundamentalmente democrática, polo achegamento da cultura, do coñecemento e do lecer a todas as persoas. Ademais, atraen persoas de diferentes idades, estudos, ideoloxías e afinidades, e penso que isto é un valor en si mesmo xa que o sistema económico no que vivimos artella a vida social das persoas como consumidoras e hai poucos espazos para a colectividade.
Fun lectora dende que aprendín ler. Unha primeira reflexión sobre a miña experiencia lectora -penso que idéntica en todas as persoas lectoras (falo da lectura por pracer)- é que a literatura infantil e as súas importantísimas ilustracións métente nun mundo máxico, moi relacionado coa poesía, a revelación dunha realidade que hai que saber ollar, e iso engancha. E logo, por suposto, está o que é contar unha historia. A min gústame que me conten historias e que mas conten ben, e iso tamén engancha. Da literatura infantil veume o gusto pola poesía e o gusto polos relatos curtos ou contos e o gusto polas novelas. E sigo lendo literatura infantil, hai libros moi fermosos e poéticos que non teñen límite de idade.
Unha segunda valoración da miña experiencia lectora é que toda a literatura está relacionada e o camiño de cada persoa lectora é moi persoal. Explícome: hai dous libros de relatos curtos que me gustan moito, un deles é “Dos arquivos do trasno”, de Rafael Dieste, e outro é “O único que queda é o amor” de Agustín Fernández Paz. Significa iso que recomendaría eses libros a outras persoas? Pois non sei que dicirche. Tes que ler varios libros de relatos curtos para apreciar os que che gustan. E o que para unha persoa é unha delicia, para outra é un aburrimento. Incluso os mesmos libros lidos en épocas diferentes da vida dinnos distintas cousas. Mais toda a literatura está relacionada e por iso unha persoa que é lectora non deixará de selo nunca.
E unha terceira e última reflexión é a contextualización. Toda historia sucede nun lugar e nun tempo e ten protagonistas de distintos sexos e idades. Volvendo ao exemplo dos contos que tanto me gustan, eu lin e apreciei a Chejov, que non precisa presentación, e sei que escribiu para alimentar os seus irmáns. Escribiu sobre persoas e situacións do seu tempo e fíxoas universais. Puido facelo porque sabía ler e escribir en ruso e dirixiuse a un público que sabía ler nese idioma, recoñecía como propias as situacións e tiña certo poder adquisitivo. Unha situación que NUNCA se deu na nosa cultura. Por iso é verdadeiramente extraordinario que teñamos na nosa lingua esas dúas obras e de tan grande calidade.
MARÍA RECOMENDA POLO #8M
UN FILME- Centrándome en temas relacionados co 8 de marzo, para axudarme na escolla porque hai moitas películas boas para recomendar, diría “O sal da terra”, un filme estadounidense de 1954 dirixido por Herbert J. Biberman, onde ves como as mulleres dos mineiros que comezan unha folga van decatándose de que elas teñen tamén a súa loita que para eles é secundaria; de como a folga para eles é unha cuestión laboral e para elas é vital, enfrontándose aos seus homes e “descoidando” á familia, con distintas respostas, e tamén mostra algo moi sutil e moi ben reflectido baixo o meu parecer que é como as mulleres son divertidas.
UN LIBRO– Repito, axudándome o tema do 8 de marzo, digo “Circe e o pracer do azul” da tristemente desaparecida Begoña Caamaño, onde reinterpreta o mito de Ulises dende o punto de vista de Penélope, a muller que aguanta o peso social da esposa dun home ausente, que se cartea con Circe, a muller que goza de Ulises sexualmente sen ningunha das cargas da esposa.
UNHA CANCIÓN– É moi moi difícil a escolla. Penso que debemos ser o país máis musical de Europa e parte do estranxeiro. Cunha tradición musical e poética tan riquísima como a nosa, e unha actualidade tan vizosa con grupos, cantores/as e letras magníficas, excelentes profesionais e de moi diversos estilos….inda axudándome da temática do 8 de marzo, déixame tan sequera dicir dúas cancións: “Non son fada” de Sés, e “Isto é amor” de Caxade.
UN LUGAR- O val de Loureda, onde tiven e teño consciencia do meu país, das súas riquezas e posibilidades e tamén dos seus erros ….Éche o que hai!
UNHA INQUEDANZA– A degradación do planeta e o empobrecemento dos pobos. No noso país, os catro es: Eucaliptos, Encoros, Eólicos e Emigración.
UN DESEXO– Que non se me endureza o corazón.
UN PECADO– Segundo a igrexa, toda a miña vida é un pecado por pensamento, palabra, obra e omisión. Segundo a psicoloxía, teño que ter conta do orgullo e da impaciencia.
UNHA COMIDA– O cocido.
Pois co tema escollido de Caxade despedimos esta conversa polo 8M con María Gutiérrez Calvete, muller activa e activista, loitadora e firme ao tempo, porque como nos dicía na entrevista, a firmeza para a defensa do propio foi e segue a ser imprescindible, poñamos agora a secar a roupa ao sol e camiñemos, e isto é o amor. Grazas pola vontade de colaboración e polo compromiso, até sempre!
Da tua mão direita à minha mão esquerda
Tendemos um tendal de roupa de todas as cores entre nós e isto é o amor.
Erguemos os braços e coa roupa ao vento
Vamos caminhar, secar a roupa ao sol e isto é o amor