Son moitas as historias de vida que teñen aterrado no proxecto Suma Ágora ao longo dos últimos dez anos. Esta proposta, que bebeu na súa formulación inicial da Human Library de Copenhague a finais dos 90, foi mudando desde a experiencia inicial de Ronni Abergel na ONG Stop de Violence até a súa adaptación por vez primeira en Galicia no Museo Verbum de Vigo por Xandobela (unha iniciativa de Educación Non-Formal e Dinamización Sociocultural) xa hai máis dunha década. Neste tempo, deseñáronse experiencias diferenciadas en moitos países e contextos distintos e as BMC desenvolveron a súa versión adaptada de Libros Viventes da man de Suma Ágora, nun camiño que foi renovándose en cada edición. E alá foron dez anos.
Dicir que o obxectivo dos Libros Viventes é compartir historias de vida, coñecementos e intereses co alumnado dos centros de secundaria da nosa contorna, a partir dos cales reforzar o traballo en valores e o desenvolvemento persoal da mocidade dentro e fóra das aulas. Autoestima, cohesión social, mocidade, diálogo e descuberta son algunhas das claves que hai catro anos a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) viu neste proxecto para incluílo no Banco Galego de Boas Prácticas en Xestión Cultural. Daquela fomos seleccionadas nunha escolma de cen propostas iniciais despois da consulta a máis de 400 persoas do sector en Galicia e ocupamos neste momento un oco no que coñecernos e recoñecernos no apartado de Intervención Sociocultural.
A sostibilidade ou a inclusión de valores transformadores, puxeron a Libros Viventes nun primeiro “escaparate” do que estamos especialmente orgullosas no catálogo de boas prácticas na xestión cultural.
Desta volta, ademais do imprescindible Agra I participaba por vez primeira un IES fóra da nosa contorna, tratábase do Puga Ramón, que tiña coa nosa proposta a posibilidade de ofrecer unha saída ao alumnado de 4º da ESO despois de dous cursos sen oferta de actividades externas a consecuencia das restricións da COVID, unha oportunidade que aproveitamos en ambas direccións.
A participación global nesta edición foi de 256 persoas, das que 206 eran mozos e mozas entre 15 e 16 anos, 38 persoas adultas entre profesorado e participantes na actividade cos clubs de lectura, e un total de 12 persoas libro que nutriron unha das bibliotecas humanas máis especiais dos últimos anos.
OS LIBROS DE CARNE E ÓSO
Dicía o bibliotecario Edgardo Civallero que o valor das persoas libro reside en que perpetúan información de todo tipo de clase e educación social, contidos por outra banda, que non aparecen recollidos nos estantes das bibliotecas porque as editoriais non lles prestan espazo nin atención e as bibliotecas non as inclúen nas súas coleccións. E nós quixemos afondar nese valor convidando a doce persoas para festexar estes dez anos nunha nova oportunidade para promover o diálogo sumando cultura no barrio.
AS SESIÓNS EN IMAXES
Unha vez máis tivemos oportunidade de seguir facendo comunidade a través da nosa biblioteca vivente, vinculándonos desde o coidado e a descuberta do outro. Pechabamos deste xeito tan fermoso unha das edicións máis especiais, onde houbo percorridos vitais e emocionais propios dunha década de vida e experiencias. Quixeramos desde aquí compartir o noso agradecemento máis fondo a Álvaro, Berta, Piero, Noelle, Carlos, Cristina, Juan, Ana, Xosé, María Xosé, Samuel e Luís, ao profesorado e alumnado do Agra I, especialmente a Iolanda e Milagros da biblioteca escolar, así como tamén ao profesorado e alumnado do Puga Ramón, con especial agarimo a Camilo. Coma sempre, grazas a todas as persoas que facedes posible que esta continúe a ser unha das experiencias máis enriquecedoras de diálogo e descuberta para a mocidade dos nosos barrios. Hoxe querémonos todas un pouco máis.
Até a próxima, por dez anos máis!!!
Enriquecedora experiencia. A por otros diez años. Libros vivientes somos cada un de nos, jubilados especialmente.
Grazas polas túas palabras Chelo. Ben é certo o que dis, segundo cumprimos anos acumulamos experiencias interesantes para compartir. A por outros dez!