A ilustradora e docente Laura Velasco protagoniza a nosa sección Conversas Con…achegándose ao mundo da creación a través da súa propia historia de vida. Con motivo da celebración o 30 de xaneiro do nacemento de Castelao, festexamos o Día da Ilustración cunha das descubertas deste ano no IES Agra I e, vaia sorpresa!
ORIXES
Nacín en Lugo por casualidade, xa que nin meu pai nin miña nai son de alí, medrei na cidade das murallas até que tiven que saír a estudar e traballar fóra. Meu pai é artista, pintor, especialista en gravado e hoxe mestre xubilado da Escola de Artes pública Ramón Falcón. Estudiei Belas Artes en Pontevedra, pero de contado quixen marchar porque non me sentía identificada coa orientación da formación. A través de dúas bolsas rematei os estudos na Facultade de Alonso Cano de Granada e na Facultade de Belas Artes da ULL de Tenerife. Nesa época, sobre todo en Granada, foi cando me orientei definitivamente pola ilustración e pola banda deseñada grazas a un magnífico profesor, Sergio García, recoñecido debuxante de cómic ao que lle debo a miña dedicación posterior neses campos.
Iniciéime na ilustración grazas a Sergio García, o meu profesor de banda deseñada que tiven en Granada, con quen aínda manteño contacto. Ao rematar os estudos decidín participar, sen pretensión ningunha, nun certame de Banda Deseñada en Basauri. Gañei inesperadamente e iso fixo que me animase a crear e participar con máis obras de ilustración, banda deseñada e cartaces. Participei en máis de 20 premios por toda España en varias disciplinas e, grazas ó xurado dun deses Certames en Toledo, acabei publicando un libro para nenos chamado “ 10 gusanitos” onde está presente o tema da morte para os máis pequenos.
Tamén teño publicado un libro ilustrado chamado “Aventura no castro de Viladonga” editado pola Xunta e as miñas ilustracións acompañan tamén o libro “ El largo viaje de un triángulo azul” de Bienvenido Maquedano e aparecen incluso nun libro de texto de lingua e literatura galega da Editorial SM.
A maioría das miñas creacións son produto dunha encarga de proxectos con premisas concretas. Sempre teño a referencia de editoriais como Kalandraka, que traballa moito con texturas, que é algo que me encanta. Pero se son honesta, intento non mirar moito os traballos dos demáis porque ao final acabamos facendo todas algo moi semellante e, agora mesmo, coa sobresaturación de imaxes nas que vivimos, paréceme case imposible elaborar unha linguaxe propia.
AS ARTES COMO OPORTUNIDADE DE EXPLORACIÓN E CRECEMENTO NAS AULAS
Non só me parece unha oportunidade, senón algo IMPRESCINDIBLE que parece a educación quere DESBOTAR, á vista está que cada vez se reducen as horas das materias artísticas e os temarios están deseñados para todo menos para fomentar a creatividade. Dende que coñezo a educación desde dentro dáme moita carraxe ver como no propio século XXI os currículums están máis dirixidos a crear robots que a fomentar o espíritu crítico e a creatividade. A miña materia está totalmente teorizada, é terrible.
“Eu sen dúbida tomaría como exemplo en educación artística a Bauhaus alemana do 1919 e tentaría facer unha revolución social desde a arte, rescatando a idea de comunidade, sendo a experimentación a única vía de coñecemento, pero isto, dentro do actual modelo de educación é inviable. Espero poder levalo acabo algún día con total liberdade.“
REIMUNDO PATIÑO E A ILUSTRACIÓN GALEGA
Ao fío da efeméride do Día da Ilustración, dicir que coñecía a Reimundo Patiño pero nunca afondara na súa obra, por iso creo que son moi necesarios estes recoñecementos porque evitan o esquecemeto de artistas importantes, ao tempo que achegan o autor a moita xente que descoñecía o seu traballo. O que máis me sorprendeu deste artista é a súa estética tan contemporánea. Impresionóume ver que obras dos 70 como Fala Vegliota tiveran unha estética que ben podería ser un fanzine do 2021.
REFERENTES
As miñas referentes tanto de banda deseñada como de ilustración son todas mulleres, a verdade. Impactáronme moito mulleres como Lola Lorente, Paula Bonet, María Hesse, Ana Penyas, Agustina Shuan, Pepa Spinoza, Sara Theron, Flavita Banana, Agathe Sorlet… sen embargo, non podo deixar atrás ao magnífico Miguelanxo Prado.
EXPERIENCIA LECTORA
A miña casa sempre estivo ateigada de libros, crieime cunha gran biblioteca que foron completando meus pais ao longo do tempo e por iso de pequena lía moito. Na vida adulta, coa redución de tempo de lecer e a chegada das novas tecnoloxías que atontan a unha, sí que reducín moito a lectura, pero iso sí, non concibo estar na praia sen un libro.
Ao igual que co cine son moi selectiva, non leo calquera cousa que remate nas miñas mans e son de autores fixos. O meu autor preferido sen dúbida é Juan José Millás, creo que lin case toda a súa obra e cústame ás veces serlle infiel. Agora mesmo estou con dúas obras “Ética para Celia” da filósofa Ana de Miguel e “Besos en el pan” de Almudena Grandes.
A biblioteca é para min unha parte do fogar, como tamén o é o barrio. Estiven vivindo en moitas cidades e sempre que me teño que mudar o primeiro que miro son dúas cousas: onde está a piscina e onde está a Biblioteca. Aquí non podo estar mellor, está unha á beira da outra. Creo que moita xente descoñece todo o que poden aportar estes espazos, para min arrecenden un calor parecido ao fogar e neles botei moitas horas estudando e buscando información, sen elas, posiblemente non estaría onde estou. Aquí en Galicia temos verdadeiras xoias, grandes bibliotecas en localidades pequenas. Sorprendéronme moito as dúas de Carballo, e como non, a do Agora, e todas as actividades que aquí acontencen achegando a cultura ao barrio de forma inclusiva.
UN FILME: American History X de Tony Kaye
UN LIBRO: Laura y Julio de Juán José Millás
UNHA OBRA DE ARTE: A morte de Marat de Jacques-Louis David
A TÚA ILUSTRACIÓN FAVORITA (lauravelasco): ningunha, canto máis as vexo menos me gustan (debe ser algo que pasa moito na arte)
UNHA CANCIÓN: Florence + The Machine – “Dog Days Are Over”
UN LUGAR: A Illa Graciosa (Canarias)
UNHA INQUEDANZA: o mundo que lle deixamos ás próximas xeracións, o egoísmo e a falta de empatía a todos os niveis
UN DESEXO: o cese da pandemia e volver socializar sen barreiras, converternos nunha sociedade empática, feminista e preocupada polo medioambiente e cun reparto igualitario da riqueza no mundo
UN PECADO: non perdoar a merenda
UNHA COMIDA: calquera que salise das mans de miña avoa Isolina
Pois até aquí esta conversa con Laura Velasco polo Día da Ilustración, desde as Bibliotecas Municipais da Coruña alentamos o impulso creador de toda unha xeración de mozos e mozas galegas que, desde as aulas, as universidades e a empresa privada son xerme de talento e vangarda.
Grazas Laura, pola túa humanidade e calor, por compartir á ilustradora, á docente, á filla, á irmá, á muller. Ogallá chegue o momento no que poidas experimentar esa desexada revolución social desde a arte!