Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

“Unha biblioteca é a alma dun pobo”

“Alguén escribiu que unha biblioteca é a alma dun pobo. Pareceume unha frase pretensiosa, pero ás veces hai que rectificar

Este 11 de xaneiro, Día das persoas Usuarias de Bibliotecas, reivindicamos a posta en valor de todas as persoas que nos visitan decote nos nosos centros, dando voz a unha das nosas usuarias máis fieis, Mirta Elorza. Hoxe, na nosa sección Conversas con… damos visibilidade a esta contribución imprescindible para medrarmos como bibliotecas.

“A Biblioteca Ágora deu vida á contorna ao propor continuamente bos proxectos e actividades

Chámome Mirta Elorza, teño 72 anos, nacín na Arxentina, nunha pequena cidade da provincia de Bos Aires. Fixen a licenciatura en Fonoaudioloxía na Universidade de Mar de Prata. Alí descubrín a psiconeuroloxía e a psicolingüística, dous ámbitos da ciencia que inda me fascinan. En postgraos de Bos Aires achegueime á pedagoxía e á psicoloxía. Dediquei corenta anos da miña vida profesional á reeducación e rehabilitación de patoloxías no desenvolvemento da infancia. E foron moi gratificantes.

Cheguei a Galicia no inverno de 1978 (en principio por un breve tempo), días escuros de moita choiva e humidade, pero saíu o sol, seduciume o verde, a idiosincrasia desta terra e a xenerosidade da súa xente.

O CONTACTO COS LIBROS

Miña nai púxome en contacto cos libros aos sete anos ao subscribirme a unha antiga biblioteca pública. Iamos xuntas cada quince días e unha bibliotecaria seleccionaba os libros que eu lería esa quincena. Gustaba de pasear entre os grandes estantes escuros, cheos de polvo, pasando o dedo polo lombo dos libros preguntándome as historias que agocharían, camiñando a modiño para non espertar o soño dos autores. Esa bibliotecaria levoume polos grandes clásicos durante anos.

Encántame o recendo dos libros, tocar o papel, de feito, prodúcenme rexeitamento os e-books. O meu interese en cada cidade que coñezo son as librarías e as súas bibliotecas

Doei os meus libros a unha humilde biblioteca popular de Tres Arroyos, cidade na que nacín, admiro a forza e a loita que levan por reivindicar a cultura a pesares dos negros tempos que viviu o meu país de orixe.

Sempre lin moito nos espazos de tempo que me deixaba o traballo na consulta, a investigación e os obradoiros e cursos que impartía. Cando me retirei hai seis anos, reorganicei o meu tempo e as miñas afeccións e descubrín AGORA. A miña visita semanal é un pracer: o inmenso catálogo, o espazo, a luz, a calma, o silencio, a eficiencia e o sorriso cálido da xente que me atende.

Síntome unha privilexiada, sempre tiven moitos libros á miña disposición”

Participei en obradoiros de lectura da Fundación Luís Seoane organizados por Eduardo Riestra e Javier Pintor, na libraría Berbiriana de literatura negra e en Formatos con libros de viaxe. Desde hai algúns anos “aprendo a escribir” co escritor Fernando Ontañón. Ensinoume, entre moitas cousas, a ler con ollo literario e recuperar aos bos autores como exemplo.

BIBLIOTECAS PARA SERMOS LIBRES

Alguén escribiu que unha biblioteca é a alma dun pobo. Pareceume unha frase pretensiosa, pero ás veces hai que rectificar. Nunha viaxe, hai anos, pola Cordilleira dos Andes, chegamos a un pequeno pobo de poucos habitantes, un pobo pobre e de escasos recursos, pero tiña biblioteca! As mestras lían ás persoas que desexaran achegarse. Nun primeiro momento lían novas de xornais atrasados e eran poucos oíntes, pero a demanda aumentou e o repertorio de lecturas tamén. É certo, ler para soñar, para viaxar sen límites, para ser libres…

“Falando de mulleres, unha lembranza para miña avoa materna, aprendeu a ler soa, non sabía escribir, contábanos contos marabillosos e incitábanos a ler”
De esquerda a dereita, Del color de la leche, de Nell Leyshon, o filme Cuerno de Cabra, unha estampa andina e o disco de Violeta Parra, Gracias a la vida.

PETISCOS DE MIRTA

UN FILME: Cuerno de cabra, do búlgaro Metosi Andonov, 1972.

UN LIBRO: Del color de la leche, de Nell Leyshon.

UNHA CANCIÓN: Grazas á vida, de Violeta Parra.

UN LUGAR: os pobos andinos.

UNHA INQUEDANZA: a crise social actual.

UN DESEXO: Xustiza e paz.

REFERENTES A DESTACAR EN NOVELA NEGRA, LITERATURA DE VIAXES E NARRATIVA
De esquerda a dereita e de arriba abaixo: Agatha Christie, Jorge Amado, Jhumpa Lahiri, Eka Kurniawan, Ryszard Kapuscinski, Emmanuele Carrère, Jack Kerouac, Laura Restrepo, Rafael Chirbes, Luís Sepúlveda, Marco Polo, Robert Stevenson, Truman Capote, Nell Leyshon, Alex Michaelides, Violeta Parra (artista, música, compositora e cantante chilena), Sofi Oksanen e Paul Theraux.

Despedímonos coa escrita de Mirta no XIII Concurso de Relatos de Viaxe Moleskin (2018) titulado “Pequenas crónicas dunha viaxe a Arxentina”:

Pouco a pouco, nese lugar de horizontes inalcanzables, recupero esa parte da miña esencia que só che dá o sentimento de liberdade que transmite a pampa

Grazas por compartirte con nós Mirta, por ser este 11 de xaneiro voz e rostro dos centos de persoas usuarias que cada día visitan as nosas bibliotecas, agardo que ese sentimento de liberdade se multiplique coa lectura. Foi un pracer!

E estes son algúns títulos recomendados pola nosa convidada que poderedes atopar nas Bibliotecas Municipais da Coruña.

Acerca de evavieites

Bibliotecaria. Creo na biblioteca como experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para todas as persoas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: