Este 10 de decembro a Declaración Universal dos Dereitos Humanos cumpre 73 anos, coa finalidade de darlle visibilidade a esta conmemoración aprobada no 1948 polas Nacións Unidas, conversamos coa historiadora e avogada penalista, doutora en Liberdades Públicas e Derechos Fundamentais, Cristina Ramallo, Secretaria e Vicepresidenta de Amnistía Internacional en Galicia.
ORIXES Nacín en Uruguai no 1969, teño orixes paternas e maternas en Culleredo e Ferrol, e parte da miña crianza transcorreu na Arxentina. Non podería escoller por cal dos tres países sinto máis amor, inda que confeso que me define un modo de ser que ten moito que ver coa Arxentina, son moi riopratense. Desde a miña chegada aquí ningún lugar me foi alleo, foi pechar dalgún xeito a historia de meu avó que nunca puido regresar á Galicia que despedira con vinte anos, de feito, morreu antes do remate da ditadura franquista. A miña vida non foi doada, desde nena traballaba e a condición política de meu tío, que pertencía ao Movemento de Liberación Nacional dos Tupamaru, xunto co compromiso político de meu pai, fixo que vivira con confusión e medo o que acontecía na Arxentina dos anos 70. Recoñézome na idea de que o compromiso é obrigado, porque no momento da ditadura non se discutía, era unha demanda. De nena axudaba a meu pai a facer pancartas para pegar na fábrica na que traballaba como delegado sindical, iso foi forxando en min a idea de loita, tamén vía na televisión a serie dun avogado chamado Petrocelli e quería ser o que el representaba.
Na Universidade optei pola carreira de Historia, atrapóume en dous sentidos, polo descubrimento da investigación científica e rigorosa e tamén polo profundo amor que se xeraba nas aulas. A tese de doutoramento foi unha busca para revisar historicamente onde a sociedade envía o que incomoda. A onde é que envían a quen non cumpre os parámetros? Ao cárcere e aos psiquiátricos, de aí o título: “Loucura e Cárcere“. Logo estudei Dereito na Universidade de Bos Aires e fixen a tese de doutoramento no Departamento de Dereito Procesal da Universidade da Coruña, enfoquei o estudo nunha análise comparativa da proba de ADN, que incluía o desenvolvemento desa proba en Europa e América Latina, especialmente na Arxentina, onde se deu un desenvolvemento temperá coa utilización na busca de fillos e netos de desaparecidos na ditadura.
Actualmente e, desde hai uns poucos meses, son Secretaria e Vicepresidenta de Amnistía Galicia representando ao grupo de Coruña, ao que pertenzo desde hai algúns anos. Cando imos coa Rede de Escolas de Amnistía convido ao alumnado que busque unha causa pola que loitar, porque para min isto foi un motor. Aportar esa mirada distinta, combater o que é cómodo pero non é xusto e ofrecer outra narrativa posible é fundamental, desde a convicción de que cada persoa ten no seu interior a potencialidade de facer ben a outras. Temos recorrido escolas dando obradoiros, charlas e conferencias de Dereitos Humanos, sempre ligados ao exercicio práctico: Bullyng, Grooming, Violencia de Xénero e Igualdade.
HUMOR E DOR: Quizá o humor sexa a saída da dor profunda. Un síntoma de que a dor comezou a tomar forma de aceptación é a posibilidade de rir de nós mesmas.
MARCAR A DISIDENCIA: O meu modo de estar.
MOTORISTA INTRÉPIDA: Afección e desafogo.
MÚSICA E INSTRUMENTOS: A conexión coa miña filla e co meu mundo emocional e lúdico.
DEREITO E EMOCIÓN: A maneira de facer accesible ao mundo e, especialmente na infancia, o dereito, poñendo ao seu alcance o que lles pertence. Ser oídos, respectados e sentirse mirados.
QUE É PARA TI UNHA BIBLIOTECA?
No meu recordo é o lugar que me permitía estudar cando na casa non era posible, tamén ten a maxia de poñer ao alcance da man a posibilidade de vivir infinitas vidas, de obter respostas. O primeiro que fago cando mudo de cidade é rexistrarme nalgunha biblioteca pública, é como multiplicar as posibilidades de coñecemento e iluminación. Os libros son para min compañía, calma e refuxio, é un estar co outro sen a presenza física, de feito, leo varios libros de xeito simultáneo porque teño moitos temas de interese e curiosidade, pero non é un devorar sen poñer corazón, ás veces mesmo pospoño a lectura para que non cheguen as tres letras de FIN.
CRISTINA RECOMENDA
Este 10 de decembro, Día da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, desde as Bibliotecas Municipais da Coruña reivindicamos ese impulso de loita de Cristina para que os dereitos non sexan unha narrativa que só contan os poderosos, ogallá moitas persoas rescaten ao Che Guevara que levan dentro ao servizo dunha sociedade máis xusta.
Até sempre Cristina, grazas pola túa humanidade, loita e corazón!
Hermoso el resultado y el proceso. Gracias por el cuidado, el cobijo y respeto. Una gran experiencia.
Gracias.
A ti Cristina, pola vontade de compartirte con nós. Agardámoste como participante da nosa biblioteca humana o vindeiro mes de xaneiro. Un pracer contar contigo!
Pingback: Libros Viventes festexa cunha edición especial o X Aniversario da Biblioteca Ágora | Suma Ágora