
Este 11 de xaneiro, Día das persoas Usuarias de Bibliotecas, reivindicamos a posta en valor de todas as persoas que nos visitan decote nos nosos centros, dando voz a unha das nosas usuarias máis fieis, Mirta Elorza. Hoxe, na nosa sección Conversas con… damos visibilidade a esta contribución imprescindible para medrarmos como bibliotecas.

Chámome Mirta Elorza, teño 72 anos, nacín na Arxentina, nunha pequena cidade da provincia de Bos Aires. Fixen a licenciatura en Fonoaudioloxía na Universidade de Mar de Prata. Alí descubrín a psiconeuroloxía e a psicolingüística, dous ámbitos da ciencia que inda me fascinan. En postgraos de Bos Aires achegueime á pedagoxía e á psicoloxía. Dediquei corenta anos da miña vida profesional á reeducación e rehabilitación de patoloxías no desenvolvemento da infancia. E foron moi gratificantes.
Cheguei a Galicia no inverno de 1978 (en principio por un breve tempo), días escuros de moita choiva e humidade, pero saíu o sol, seduciume o verde, a idiosincrasia desta terra e a xenerosidade da súa xente.
O CONTACTO COS LIBROS
Miña nai púxome en contacto cos libros aos sete anos ao subscribirme a unha antiga biblioteca pública. Iamos xuntas cada quince días e unha bibliotecaria seleccionaba os libros que eu lería esa quincena. Gustaba de pasear entre os grandes estantes escuros, cheos de polvo, pasando o dedo polo lombo dos libros preguntándome as historias que agocharían, camiñando a modiño para non espertar o soño dos autores. Esa bibliotecaria levoume polos grandes clásicos durante anos.

Doei os meus libros a unha humilde biblioteca popular de Tres Arroyos, cidade na que nacín, admiro a forza e a loita que levan por reivindicar a cultura a pesares dos negros tempos que viviu o meu país de orixe.
Sempre lin moito nos espazos de tempo que me deixaba o traballo na consulta, a investigación e os obradoiros e cursos que impartía. Cando me retirei hai seis anos, reorganicei o meu tempo e as miñas afeccións e descubrín AGORA. A miña visita semanal é un pracer: o inmenso catálogo, o espazo, a luz, a calma, o silencio, a eficiencia e o sorriso cálido da xente que me atende.

Participei en obradoiros de lectura da Fundación Luís Seoane organizados por Eduardo Riestra e Javier Pintor, na libraría Berbiriana de literatura negra e en Formatos con libros de viaxe. Desde hai algúns anos “aprendo a escribir” co escritor Fernando Ontañón. Ensinoume, entre moitas cousas, a ler con ollo literario e recuperar aos bos autores como exemplo.
BIBLIOTECAS PARA SERMOS LIBRES
Alguén escribiu que unha biblioteca é a alma dun pobo. Pareceume unha frase pretensiosa, pero ás veces hai que rectificar. Nunha viaxe, hai anos, pola Cordilleira dos Andes, chegamos a un pequeno pobo de poucos habitantes, un pobo pobre e de escasos recursos, pero tiña biblioteca! As mestras lían ás persoas que desexaran achegarse. Nun primeiro momento lían novas de xornais atrasados e eran poucos oíntes, pero a demanda aumentou e o repertorio de lecturas tamén. É certo, ler para soñar, para viaxar sen límites, para ser libres…


PETISCOS DE MIRTA
UN FILME: Cuerno de cabra, do búlgaro Metosi Andonov, 1972.
UN LIBRO: Del color de la leche, de Nell Leyshon.
UNHA CANCIÓN: Grazas á vida, de Violeta Parra.
UN LUGAR: os pobos andinos.
UNHA INQUEDANZA: a crise social actual.
UN DESEXO: Xustiza e paz.
REFERENTES A DESTACAR EN NOVELA NEGRA, LITERATURA DE VIAXES E NARRATIVA

Despedímonos coa escrita de Mirta no XIII Concurso de Relatos de Viaxe Moleskin (2018) titulado “Pequenas crónicas dunha viaxe a Arxentina”:
Pouco a pouco, nese lugar de horizontes inalcanzables, recupero esa parte da miña esencia que só che dá o sentimento de liberdade que transmite a pampa…
Grazas por compartirte con nós Mirta, por ser este 11 de xaneiro voz e rostro dos centos de persoas usuarias que cada día visitan as nosas bibliotecas, agardo que ese sentimento de liberdade se multiplique coa lectura. Foi un pracer!
E estes son algúns títulos recomendados pola nosa convidada que poderedes atopar nas Bibliotecas Municipais da Coruña.
