Co gallo da celebración este 18 de outubro do Día das Escritoras, conversamos con Ana Cabaleiro, autora que vén de publicar “Deixádenos remar”, finalista do XXXVII Premio Xerais de Novela co que desde as Bibliotecas Municipais da Coruña damos visibilidade á creación feita por mulleres no mundo da literatura.
Licenciada en Xornalismo e Máster en Estudos Teóricos e Comparados da Literatura e da Cultura da USC, Ana Cabaleiro (Silleda, 1974) debutou no 2017 con Sapos e Sereas e, logo de facerse co Premio García Barros en 2018 por “As Ramonas”, agora estrea novela finalista do premio Xerais, cunha historia baseada nun conflito veciñal que serve para presentar diferentes temas de actualidade.
San Xoán de Saídres, unha parroquia pequena do rural con pouco máis de cen habitantes é o teu lugar de nacemento, onde agroma a Ana de Saídres?
Ser Ana de Saídres implica a empatía absoluta coas persoas humildes, defender a cultura do esforzo, participar activamente na loita pola mellora das condicións de vida da maioría e loitar pola xustiza social e polos dereitos de todos os colectivos“.
Este posicionamento de ter nacido e medrado nunha aldea sempre está presente nas miñas historias. Tamén implica ter coñecido unha xeración, xa desaparecida, que cultivaba a narración oral como unha forma de socialización e de entretemento. As persoas que sabían botar un conto ben botado quedaron na miña memoria como unha especie de estrelas da nosa comunidade rural: tiñan chispa, moita graza, habilidades narrativas naturais e unha capacidade innata para transformar as cousas correntes da vida en historias que cativaban ao seu auditorio. Era como se beberan do Santo Grial da narración. Esas persoas para min son tesouros, tanto como os libros.
“Tamén teño unha loita bastante obsesiva contra eses relatos construídos a base de personaxes exemplares, super exitosas e que acaban sempre felices e comendo perdices. Relato que nos vende a publicidade, a maioría do cinema comercial, certo tipo de literatura e, incluso, o discurso mediático dominante. Eu penso que a felicidade pode ser un intre pequeno pero que non pode perdurar porque a vida segue, non se lle pon un punto final como a un libro malo; ou pode ser, pola contra, unha boa etapa na vida pero con pequenas pexas ou atrancos, porque aínda nas boas etapas a gama de grises é inmensa“-
Virginia Woolf, Alice Munro, Ana María Matute, Inma López Silva, Anxos Sumai, Iria Collazo e Emma Pedreira son para min escritoras de cabeceira. Outras imprescindibles son Lara Dopazo, Ledicia Costas, Míriam Ferradáns, Pilar Pallarés ou Lucía Aldao...no noso pequeno-gran sistema literario hai excelentes escritoras. Faltan espazos de visibilización pero non se pode dicir que sexa por falta de calidade.
Narracións directas, enfoques curiosos, compromiso social, onde che gustaría que a crítica se detera polo miúdo ao valorar a túa obra?
Non sei se será un pouco presuntuoso pola miña parte dicir isto, pero a verdade é que, en xeral, gustaríame ver máis crítica baseada en cuestións meramente literarias, como o emprego de estratexias narrativas, ritmos, uso da linguaxe ou a construción das personaxes, e menos referencias a cuestións relacionadas con outros elementos de contexto que en realidade non falan da calidade da escrita.
Os premios supuxeron fundamentalmente visibilidade, que é moi necesaria nun contexto como o actual, inzado de ruído mediático e saturado de estímulos informativos tan diversos. Ademais da visibilidade está o feito de que o libro pasou por un xurado que o escolleu entre os mellores de todos os que concorrían a esa convocatoria, e iso no meu caso tamén funciona como unha especie de ‘baremo’ positivo. Concretamente, tanto o García Barros como o Xerais, son dous premios que eu sempre soñei con gañar –xunto co Blanco Amor, que está na lista de pendentes- e ir cumprindo soños é unha forma de felicidade persoal nada baladí.
CLUBS DE LECTURA
“Adoro os clubs de lectura. Sendo membro dun club de lectura descubro obras e autoras ás que posiblemente non tería chegado doutro xeito, coñezo miradas moi diferentes á miña a través da conversa entre as persoas que lemos a mesma obra e que, na maioría dos casos, só nos coñecemos de formar parte do club de lectura e non temos contacto ningún fóra dese ámbito. Para min os clubs de lectura son amor puro pola literatura, a maneira de gozar da literatura e vivila nunha sorte de comunidade de lectoras e lectores“.
PARA TI UNHA BIBLIOTECA É...
Un universo paralelo ao mundo: o mundo aí fóra e eu dentro da biblioteca, que é como estar nun espazo e un tempo diferentes, con dinámicas emocionais propias. Durante moito tempo pensei a biblioteca como refuxio, pero despois deime conta de que o termo refuxio implica asilo e amparo, e polo tanto fuxida e non, non é iso. A biblioteca é un universo amplo e con moitos matices, que cada persoa usuaria percibe á súa maneira. Eu particulamente percíboo como un “universo-illa”.
PETISCOS E RECOMENDACIÓNS
UN FILME: Os espigadores e a espigadora, de Agnès Varda.
UN LIBRO: Melodía de días usados, de Anxos Sumai.
UNHA CANCIÓN: Sempre digo ‘Dolores se llamaba Lola’ dos Suaves porque era unha das miñas favoritas de cando aínda escoitaba música. A xordeira para min foi un trauma progresivo. Padezo unha enfermidade dexenerativa polo que a perda do oído foi gradual e a miña adaptación ás circunstancias que isto implicou tamén. Funme desapegando da música ata chegar ao punto de “enfadarme” con ela, que agora vexo como unha non-aceptación da discapacidade pola miña parte. Aínda non me reconciliei coa música e non sei se o chegarei a facer, quizá estou suplindo esa falta mirando cara outras disciplinas artísticas, como a arte plástica por exemplo.
UN LUGAR: Un camiño de terra por onde non pasa o tráfico rodado.
UNHA INQUEDANZA: Que nunca unha persoa sexa desprezada por ser diferente.
UN DESEXO: Viaxar sempre que me pete.
UN PECADO: A nugalla.
UNHA COMIDA: Arroz guisado con zorza e orella.
A CORUÑA: Un lugar de traballo (de momento).
Para Ana Cabaleiro “a literatura é un territorio de liberdade e exploración no que non ten que render contas”, e desde esa paisaxe libre e curiosa festexamos este 18 de outubro, dando visibilidade á creación feita por mulleres no mundo da literatura galega.
Ana, agardámoste con entusiamo na vindeira edición de Libros Vivintes con #DeixádenosRemar e moito máis, até sempre!
Pingback: Libros Viventes festexa cunha edición especial o X Aniversario da Biblioteca Ágora | Suma Ágora