Cando un le un libro, ve unha película ou mesmo escoita un disco é inevitable facer asociacións de ideas ou de conceptos. Todo filtrado a través da propia experiencia subxectiva de quen está a ler, ver ou escoitar unha determinada obra. Novelas, ensaios, cómics, películas ou cd’s de música que, a priori, poden parecer inconexos, entrelázanse no noso cerebro formando un mapa amplo e diverso sobre un determinado tema ou sobre unha cuestión concreta.
Estas relacións subxectivas son parte da esencia de Dáte ao lote!, unha proposta da Biblioteca Municipal Ágora que iniciou a súa andaina hai agora un ano e que ofrece a posibilidade de levar en préstamo durante un mes lotes de materiais relacionados entre si.
Agora, aos 26 lotes da proposta inicial sumamos 8 novos de temáticas moi diversas, que xa están dispoñibles para préstamo. A crise e esboroamento da clase media, a vida cotiá dunha enfermidade mental, os xudeus na Europa do Leste ou a movida dos 80 en Compostela son algunhas das cuestións abordadas nos novos lotes.
Mais Dáte ao lote! é unha proposta viva e agardamos contar coas túas aportacións! Aquí deixamos a relación íntegra de contidos dos novos lotes:
Pingback: Todos os días son #8m | Blogs Clubs Lectura das Bibliotecas Municipais da Coruña