Hai uns meses puxemos en marcha dende a Biblioteca Ágora un programa de Alfabetización Informacional (AI), que se desenvolveu durante o mes de novembro en colaboración co IES Agra do Orzán.
Tal e como relatabamos nun post anterior, no camiño houbo varios feitos destacados que merece a pena recordar:
E hoxe é momento de compartir con vós aqueles traballos que pola súa forma de presentación, pola súa orixinalidade, pola súa creatividade e/ou polos seus contidos, pensamos que merecen ser reseñados no blog.
En cada un dos grupos de 1º ESO (A, B, D e C) se conformou un equipo creativo que tivo que abordar a parte máis visual da Biblioteca Ágora. Os espazos, a distribución e o deseño foron os elementos esenciais a traballar por parte dos equipos creativos.
Neste caso decidimos reseñar o grupo de espazos de 1º B que recolleu de maneira moi detallada todos os recunchos da nosa biblioteca. Bebeteca, zona de verdes e amarelos -de 9 a 14 anos-, zona VEX -ver, escoitar e xogar-, adultos…non se olvidaron de ningún!
Grazas a Marina, Alba Álvarez, Alba Bermúdez, Rubén, Lizbeth, Jairo e Natalia pola súa dedicación!!
Traballo do equipo creativo de 1ºB
As persoas que formaban parte dos distintos equipos descritivos tiñan por misión trasladar toda a información sobre os servizos que ofrece a biblioteca, tanto de maneira física como de forma virtual.
O grupo de espazos de 1º D foi o que reseñou de maneira máis creativa e orixinal os distintos servizos que dende a biblioteca ofrecemos. Á parte da visita que formaba parte do programa de AI, os rapaces e rapazas achegáronse á biblioteca outro día para realizar fotografías das distintas posibilidades que ten unha persoa co carnet das Bibliotecas Municipais: coller en préstamo un libro que está nunha mostra bibliográfica, consultar o catálogo, ver unha película, xogar á play, utilizar os ordenadores, tocar o piano… Unhas fotografías ben xeitosas e uns modelos case profesionais!
Noraboa polo traballo e grazas pola implicación a Alex, Bea, Ashley e Aaron!!
Os equipos colaborativos tiñan como obxectivo compartir todas as súas recomendacións, partindo da observación e tomando como compás os seus gustos, inquietudes e a súa imaxinación.
Cando falamos de recomendar no contexto bibliotecario case sempre ven á cabeza un libro, unha película, un cd de música… pero neste caso, as recomendacións abarcan todo aquilo que nos soprende e/ou nos chama a atención positivamente. Neste sentido, destacamos a labor do equipo das recomendacións de 1º B, que destacaron e recomendaron dende espazos que lles gustaron da nosa biblioteca ata propostas de actividades.
Parabéns polo traballo a Carlota, María, Romina, Nicol, Juan, Castro e Sara A!!
Os grupos de traballo reflexivos tiñan por misión facerse preguntas como Que biblioteca quero para min?, Que actividade me gustaría que se fixese na biblioteca do meu barrio?, Que posibilidades me gustaría que ofrecese a miña biblioteca de proximidade? e trasladar no formato que elixiran as súas conclusións e/ou propostas.
Neste caso, queremos reseñar a labor de dous equipos de traballo:
Por un lado o equipo de actividades de 1º D, pola súa claridade na exposición -actividades que se fan xa na biblioteca versus as que nos gustaría que houbese- e polas novas propostas que fixeron de seu.
Noraboa e grazas a Diego García, Diego Blanco, Adrián, Yandira, Uriel, Marco e Ana!!
Traballo do equipo reflexivo de 1º ESO D. Pincha na imaxe para descargar e ver a presentación en Powerpoint
E por outro lado, o equipo de actividades 1º B, pola orixinal maneira de presentación -magnífico vídeo!- e polas súas suxerencias de actividades para a nosa biblioteca.
Moitos parabéns e grazas a Sara, María, Lucas, Nerea, Paula, Carla e David!!
E ata aquí a nosa crónica de resultados. Moitas GRAZAS a todos os profesionais do IES Agra I que fixeron posible este traballo colaborativo e a cada un e cada unha dos rapaces e rapazas que participaron do programa de AI.
É marabilloso ver como os rapaces e rapazas senten a Biblioteca Ágora como súa. Queda todavía moito camiño por percorrer na AI, pero as bases xa están sentadas e recordando a frase de Lao-Tsé “Unha viaxe de mil millas comeza cun só paso”.
Pingback: Traballos destacados de 1º ESO de Alfabetización Informacional | Biblioagra