Coñecer o noso barrio, poñer en valor os seus espazos e as súas xentes, e sentírmonos máis de aquí, colectivamente. Ese é un dos obxectivos que desde o principio tivemos no proxecto Suma Ágora, e que tentamos desenvolver a través de diferentes actividades. Os roteiros pola nosa xeografía urbana, tanto para adultos como para nenos, foron unha delas. Desta volta, a petición do colexio María Barbeito, o equipo de infantil da nosa Biblioteca preparou tres roteiros específicos para tres aulas de nenas e nenos de 5 anos.
Como primeira acción preparatoria, días antes da celebración das saídas guiadas desprazámonos ao colexio para levar a cabo unha sesión de estimulación das nenas e nenos, co obxectivo de lles explicar de forma lúdica en que ían consistir os roteiros, que puntos do barrio visitariamos e a que figuras do mesmo prestariamos atención.
Cinco foron os puntos escollidos para nos deter: o propio colexio, a asociación de veciños, o parque do Ventorrillo, a praza de Pucho Boedo e a Biblioteca Ágora. Como é lóxico, a carón das explicacións contextuais adaptadas para as idades coas que traballamos, non podía faltar a diversión, a creatividade e a música. Estando no Ventorrillo, era obrigado o protagonismo para o grande crooner da Silva, Pucho Boedo.
Xa na sesión preparatoria disfrutáramos coas cancións de Pucho e Os Tamara, e aproveitamos para pedir nas aulas á rapazada a súa particular visión desta figura. Aquí tedes un par dos estupendos resultados que nos fixeron chegar…
Unha vez preparada a visita, pasamos ao seu desenvolvemento, que fixemos en tres días, un para cada grupo. O percorrido, sinxelo pero ben bonito. No cole soubemos máis de María Barbeito, muller innovadora e atrevida do seu tempo, que apostou por un ensino mixto e en galego nos tempos da II República. Na asociación de veciños descubrimos, da man de Jaime, un dos seus membros, a importancia de a xente se organizar colectivamente para traballar polo ben común, e visitamos as instalacións do local veciñal, nas que teñen cabida clubes deportivos, sala de informática, actividades físicas, … Nesa zona o roteiro remataba xusto ao carón, no parque do Ventorrillo, onde aprendemos a facer os nosos grafittis particulares, fomentando a creación artística ao tempo que o coidado do entorno.
A estatua de Pucho Boedo, ata a que fomos cantando “A Santiago Voy” versionada ao galego, foi a penúltima parada do traxecto, que nos serviu para falar das orquestras, da música e da vida deste home que deixou pouso na nosa música e na memoria cultural do noso país. O derradeiro espazo, claro, foi a Biblioteca, onde despois dun percorrido por todos os seus recantos, gozamos das interpretacións que as nosas compañeiras Eva e Natalia fixeron das cancións “O mundo do revés“, versión de El reino del revés, e do “Bruxiño de Gulubú”, versión de El brujito de Gulubú, da arxentina María Elena Walsh, e tamén do Tiro-liro, a canción que o grupo Migallas versiona no seu libro-disco Pan de Millo a partir do orixinal da portuguesa Amália Rodrigues.
En definitiva, unha experiencia máis de traballo arredor da identidade e dos espazos dos barrios dos que formamos parte, da que sempre quedamos coa sensación de aprendermos tanto nós coma os propios nenos e nenas.
Pingback: De roteiro polo barrio co CEIP María Barbeito | Suma Ágora
Pingback: Comezan os roteiros na Biblioteca Ágora | Suma Ágora