Pola Asociación de Veciños da Agra do Orzán sabemos dunha nova iniciativa que busca aprofundar no coñecemento da contorna e da historia do propio barrio. Trátase dunha mostra e dunha exposición permanente arredor da toponimia orixinaria da zona.
En palabras dos seus organizadores, “a zona da Agra do Orzán creceu desordenada e rapidamente nun ambiente pouco respectuoso co patrimonio cultural e paisaxístico. Desprezouse a toponimia tradicional e por iso salvouse unha presiña ben pequena da mesma: Agra da Bragúa, Entrepenas, Nelle, Campo da Burra, Outeiro, As Cunchiñas, … mais outros foron deturpados (Agramela é grafada as máis das veces como A/La Gramela)”.
Para alén de nos nomes de lugar propios do barrio, a mostra atende tamén aos persoeiros e persoeiras que dan nome ás rúas do mesmo. Músicos, pintoras, poetas, … que ennobrecen os espazos e alivian o peso do cemento. A exposición AGRAdarache Saber inaugurouse o 22 de xaneiro na Facultade de Educación do cámpus de Elviña.