Gelín é o presidente do Club da Chave dos Mariñeiros, e alma mater do grupo de amigos que se reúnen a diario no seu local social. Ficamos sorprendidos polos fortes vínculos que manteñen entre eles, lóxicos despois de toda unha vida xuntos, e con Gelín puidemos saber moito máis da vida neste barrio e das cuestións que a día de hoxe os preocupan.
– Son Ángel Moncada, de aquí de toda a vida, desde o ano 57 até hoxe. Nacer nacín na Travesía da Habana, pero xa vin para os Mariñeiros con tres anos. Só botei fóra catro anos, despois de casar, mais comprei aquí a vivenda e volvín.
-Cando eu era neno os Mariñeiros eramos un grupo de casas, sen nada ao redor. Estaba tamén o Peruleiro, cunha estrada sen asfaltar. A nosa vida era por aquí, polos campos que nos rodeaban. O Portiño, a arqueta que había onde está agora o Ágora, o que hoxe é a Avenida de Fisterra, … esas eran as nosas zonas de vida.
– A xente que vive aquí veu de San Pedro de Visma, mais tamén algúns de Monte Alto ou da Falperra. Todos eran mariñeiros de baixura. Os homes traballaban no mar e as mulleres na praza ou no peirao. Chamabámoslle o barrio da zoca, porque todos andaban en zocas, polo traballo.
– Lembro que os domingos , un grupo de catro ou cinco, iamos sempre ver o Deportivo. Colabámonos para velo. Eramos tamén de ir ao campo de tiro de Monte Rancheiro. E para sacar uns cartiños, recordo que a Divina Pastora tiña de peche uralita de zinc, pero non lle quedou ningunha (risos). Fómoslle collendo todas, e vendiámolas en Monte Alto, mira ti… Con eses cartos iamos ao cine. Ás veces tamén iamos facer os palangres, ou nas lanchas dos nosos pais dar unha volta polo peirao. Daban sete castañetas por palangre, e despois vendiamos esas castañetas.
– Os da miña pandilla eran Alfredo, Jorge o Barriga, Moncho, Bajiño, Pepón, Alberto, Lage, o Zorro, … moitos. Aquí cada vivenda tiña catro, ou cinco, ou seis fillos. As pandillas eran moi grandes, eramos como un círculo pechado, sempre estabamos xuntos. Non había máis que o barrio.
– Os cambios que foi habendo todo ao redor, na Agra, no Ventorrillo, na Ronda de Outeiro, … aquí sentímolos menos. Non eramos un ghetto, pero digamos que tiñamos un modo de vida pechado, un sentido moi de barrio, moi de grupo. Eramos como unha cuncha, un bloque. Aquí coñeciámonos todos. Só saiamos do barrio para comprar a roupa a San Andrés ou os zapatos á Rúa Real.
– Das festas lembro que había procesión e combates de boxeo, Mantiñán contra Paquiño de Amaro. Un medía dous metros e o outro metro e medio (risos). Pasabámolo ben… Tamén Paco Barrientos, que fora boxeador… Lecho e Manoli teñen traballado moito nas festas. As orquestras que viñan eran de fóra.
– Tivemos varios equipos de fútbol. Primeiro o Faneca, despois o Batallador, … No 1975 comezamos co fútbol, e cando a xente se foi facendo maior empezamos coa chave. Aquí sempre houbo moita afección á chave. Agora quedan o Peñasco, o Labañou, nós, … imos a menos porque a xente nova non entra. Para que haxa cambios nos equipos ou alguén se enfada e marcha para outro ou é raro que entre xente nova. Hai unha Liga, xogamos a Copa Deputación, o Teresa Herrera, a Copa da Xunta de Galicia… Nós non gañamos nunca a Liga, sempre quedamos segundos en todo. Desde o 1984 levamos coa chave.
– A nosa base é ser amigos, a amizade é o que nos une. Para min Mariñeiros é a toda miña vida. A min gustaríame que cando edifiquen na parte de arriba, onde está o Ágora, deixen un espazo amplo de árbores, un boulevard que nos dea aire, que non nos pegue o cemento ás casas, … Non queremos que nos integren á forza nun espazo con edificios de doce alturas. Levamos toda a vida con espazos abertos ao redor e non queremos que agora nos pechen.
Pingback: De roteiro polo barrio co CEIP Raquel Camacho | Suma Ágora
Pingback: De roteiro co Raquel Camacho | Suma Ágora
Mi barrio – Barrio Os Mariñeiros.
El Amor por Pucho Boedo.
https://topolismarineiros.blogspot.com/p/mi-barrio-el-amor-pucho-boedo.html