Profesor na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, músico e membro da asociación de veciños da Agra da Orzán, Xosé Manuel Sánchez Rei é un amante da cultura galega e un estudoso da toponimia e da música tradicional zona. Conversamos con el de diferentes aspectos da vida na Agra e da súa visión do presente e futuro do barrio.
– Chámome Xosé Manuel, vivo no bairro desde hai 7 anos, aínda que de sempre tiven contacto con el. Eu nacín en Cances, mais desde neno lembro vir á Agra para comprar a roupa, os libros, a comida, … Hoxe vivo na rúa Pascual Veiga, nun lugar ao que hai cento e pico de anos chamaban o Alto do Penedo, porque había unha rocha grande no que hoxe é a confluencia da Canceliña, o Observatorio e a Rúa Barcelona.
– As lembranzas máis vellas que teño é de vir ao colexio desde Cances, atravesando as pistas, con bastante menos cemento e edificacións. A rúa Barcelona non era peonil, había casas vellas, … O bairro é produto da especulación urbanística dos anos 60 e 70, cun desenvolvemento caótico e masivo. Quizais nos 80 se produce a ruptura entre o pasado rural e unha nova realidade xa claramente urbana. Houbo un incremento brutal do cemento, acompañado dunha perda de zonas verdes.
– Moita toponimia desapareceu coa urbanización das diferentes zonas. Galiza e o norte de Portugal -a antiga Gallaecia- teñen máis da metades dos nomes de lugar de toda a Península Ibérica. Isto infórmanos dunha forma de vínculo, de relación e de asentamento no territorio moi especial. Aquí houbo un proceso de substitución, nuns casos, e de barbarización noutros. Agramela, por exemplo, ten que ver con Agra, é unha agra pequena, pero a barbarización ao español como La Gramela acabou separando o topónimo e creando un artigo inicial que non existía. Despois hai denominacións populares como Katanga, Corea, etc que teñen orixe noutro tipo de cuestións sociais.
– A Agra é un dos bairros máis populosos e con maior densidade de poboación de toda Europa. Aquí primeiro veu moita xente da zona de Soneira e da Costa da Morte, porque era o primeiro bairro urbano co que se atopaban, logo moita outra chegou dos bairros próximos de Cances, da Silva, de Visma, … e doutras zonas de Galiza. Finalmente a inmigración sudamericana e africana. Hoxe somos un bairro grande e felizmente multicultural, moi diverso, cunhas características sociais moi particulares.
– Neste bairro atopas todo o que precisas: alimentación, roupa, lecer, … É preciso apostar pola simbiose, polo coñecemento mútuo entre as culturas. A galega, as africanas, as sudamericanas, … temos que relacionarnos máis e apostar por unha identidade enriquecida nese aspecto. É un bairro ademais con moita presenza cultural: de aquí foi Pucho Boedo, aquí moran os irmáns Seixo, Xurxo Souto, Bieito Romero e Luar na Lubre teñen aquí a súa orixe, os irmáns Cerqueiro, …
– A veciñanza quere dinamización económica e habitabilidade urbanística. Precisamos espazos para a vida en común, servizos públicos, zonas verdes… e tamén plans de activación socioeconómica, onde as persoas pesen máis que os intereses urbanísticos.
– O proxecto do Ágora debería ser un punto de encontro, un lugar de esparcimento social e cultural, pensado para a interacción e o convívio. É unha boa iniciativa, que chega tarde pero que debe ser positiva, e debe ir acompañada doutras semellantes.