

A Biblioteca Ágora reactivou o pasado outono os grupos de conversa en galego, un espazo colectivo deseñado para ofrecer á cidadanía unha alternativa de conversa fóra dos circuítos académicos formais. A iniciativa xurdiu no 2024 co obxectivo de crear un punto de encontro libre de xuízos e favorecer a relación entre persoas cunha inquedanza común arredor da lingua, sumándose a outras experiencias de éxito desenvolvidas no país como os Xuntoiros ou o programa de voluntariado lingüístico “Elos”.
A excelente acollida da actividade, que se puxo en marcha un ano máis tras confirmar a ausencia de propostas similares na contorna, superou as expectativas iniciais. De feito, ante a lista de agarda do grupo orixinal dos mércores, a biblioteca creou en xaneiro de 2026 un segundo grupo de conversa para dar resposta á demanda existente. Este novo grupo de xoves esgotou as súas 15 prazas dispoñibles e celebrou un total de 10 encontros ata o pasado 28 de maio, cunha media de máis de sete participantes por sesión, o que confirma o forte interese social por espazos de socialización en lingua galega.

En canto ao perfil das persoas inscritas, o número total foi de 48, cunha idade media de 48 anos. Entre elas, a persoa máis nova tiña 23 anos e a de máis idade tiña 79 anos. Respecto á procedencia, os datos amosan unha distribución equitativa entre a poboación local e a internacional: Galega: 31% Latina: 31% Española: 25% Europea: 13%.
O programa pechou o curso actual cun balance excelente, consolidándose como unha ferramenta eficaz para o impulso do idioma. A análise do funcionamento dos grupos amosou unha realidade clara: aínda que a xestión de cada un require estratexias diferenciadas, ambos os dous compartiron un grao de satisfacción extraordinario entre as persoas participantes.

Por unha banda, o 100% das persoas participantes afirmou de xeito rotundo que o ambiente facilitou “moito” a confianza e resultou de gran axuda para soltarse a falar en galego sen complexos. A esta superación de barreiras súmase a pertinencia dos contidos, xa que a totalidade das usuarias considerou que os temas propostos nas sesións foron moi axeitados para fomentar unha participación activa e dinámica.

Dúas necesidades fundamentais
Por unha banda, cómpre salientar que a flexibilidade e a capacidade de adaptación son piares básicos para o bo desenvolvemento de “Coa Lingua de Fóra“. A rotación de participantes, con baixas e incorporacións constantes ao longo do curso, require unha xestión maleable. Isto esixe un enfoque flexible, asertivo e ben estruturado. Estes axustes permanentes son vitais para preservar o excelente clima de convivencia que se logrou acadar.
Por outra banda, detéctase un ano máis un volume grande de persoas que precisan unha aprendizaxe previa do idioma antes de integrarse nestes espazos de interacción. Na actualidade, existe unha importante materia pendente: a falta dunha estrutura formativa accesible para atender a persoas en situación irregular, migrantes ou colectivos sen recursos que non poden acceder á Escola Oficial de Idiomas nin ás vías oficiais de preparación do CELGA. Dar resposta a esta carencia resulta fundamental para garantir unha acollida lingüística que sexa integral e verdadeiramente inclusiva.

A rede provincial de grupos de conversa en galego busca fomentar o uso oral da lingua entre persoas que a coñecen pero non a empregan habitualmente, ben por falta de apoio no seu entorno social ou ben por seren persoas chegadas de fóra que aínda están en proceso de aprendizaxe.

En maio de 2026, o programa Coa Lingua de Fóra adheriuse á Rede Provincial de Grupos de Conversa en Galego da Deputación da Coruña. Esta unión abriu un novo escenario de colaboración para seguir impulsando o uso do idioma no ámbito provincial. A adhesión enténdese como unha oportunidade para traballar en rede e promover o uso da lingua alén do ámbito local.

Co obxectivo de facer balance, a Biblioteca Municipal Ágora acolleu o pasado sábado 27 de xuño un encontro de traballo que se estendeu durante máis de tres horas. Nel, as persoas dinamizadoras dos grupos de conversa e o equipo de normalización lingüística da Deputación da Coruña analizaron o funcionamento dos grupos e da propia rede. Esta sesión de intercambio foi o momento ideal para programar de forma conxunta novas propostas e actividades, ao tempo que serviu para poñernos cara entre moitas das persoas participantes.
TECIDO ASOCIATIVO E MUNICIPAL DA REDE PROVINCIAL DE GRUPOS DE CONVERSA
A Coruña: Biblioteca Municipal Ágora (BMC).
Arteixo: Asociación Xiradela.
Arzúa: Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Arzúa.
Betanzos: Asociación Lar de Unta.
Boiro: Servizo de Educación e Normalización Lingüística do Concello de Boiro.
Carballo: Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo.
Ferrol: Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) da Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Ferrol.
Narón: Biblioteca Pública Municipal de Narón.
As Pontes de García Rodríguez: Biblioteca Enrique Rivera Rouco.
Os grupos de conversa seguen a consolidar a biblioteca como un punto de encontro onde o galego actúa como ferramenta de integración. A iniciativa logrou ofrecer un espazo para a práctica do idioma nun contexto social desfavorable, e creou unha comunidade cohesionada que hoxe celebra con orgullo a súa lingua propia.