
Un ano despois, a unión entre a Biblioteca Ágora, a veciñanza e o IES Agra do Orzán volve demostrar que a mellor forma de fomentar valores saudables e comunitarios é descubrindo o barrio a cada paso. Esta colaboración, que xa cumpre dez anos no que ten a ver cos roteiros de saúde, medra en cada cita grazas ao esforzo compartido coa biblioteca escolar do instituto.
Como en cada edición, as nosas descubertas polas rúas están orientadas a identificar e poñer en valor os espazos de saúde e deporte que nos rodean. Trátase de saber máis sobre os lugares de vida na contorna do alumnado e as súas posibilidades para o benestar, mentres fortalecemos os vínculos que nos unen coa veciñanza.

Unha década conectando barrio, escola e biblioteca
Paradas con historia: Primeira estación do roteiro

O primeiro punto do roteiro comezou na Biblioteca Ágora, guiado por Katerine Pinales Espinal, campioa de España en halterofilia nas categorías sub-15, sub-17 e absoluta. Durante a súa charla, explicou como a súa chegada desde a República Dominicana supuxo unha dolorosa adaptación para unha moza de 12 anos, que atopou o seu refuxio e unha nova familia na halterofilia. Malia sufrir o rexeitamento dos seus compañeiros e a oposición da súa nai polo seu cambio físico, a práctica deportiva fíxoa sentir forte e motivouna a demostrar a valía feminina nas disciplinas de forza. O seu esforzo tivo recompensa ao proclamarse campioa de España en varias categorías e acabar dominando tres deportes de forza simultaneamente.

Paradas con historia: Segunda estación do roteiro

Adrenalina co Jugger Coruña
Na planicie exterior da Biblioteca Ágora, o equipo Black Cats protagonizou a parada máis valorada. Jason, David e Pingu explicaron as claves do jugger, un deporte que mestura esgrima e estratexia. O alumnado puido ver de cerca a axilidade dos corredores e a destreza coas “armas” deste xogo que cada día gaña máis adeptos na cidade.

Paradas con historia: Terceira estación do roteiro

Tradición no Club de Chave “Os Mariñeiros”
Manuel Paz abriu as portas deste club histórico (fundado en 1984) para amosar que os xogos tradicionais seguen vivos. Entre anécdotas e chaves forxadas con antigas vías de tren, os mozos e mozas puxeron a proba a súa puntería nesta disciplina federada.

Paradas con historia: Cuarta estación do roteiro

Artes Marciais con Sifu Juan Saldeño
Na Escola Kiusao Kung Fu Galicia (San Pedro de Visma), o alumnado descubriu o Wing Chun. Juan, mestre 7º DAN, ensinoulles que esta disciplina non é só pelexar, senón unha técnica de defensa persoal onde cada movemento do opoñente se aproveita na súa contra.

Paradas con historia: Quinta estación do roteiro

Mente, corpo e lingua: a viaxe transformadora da Ártabros CrossFit
O protagonista da quinta e última parada Telmo Celeiro, nacido en 1989 e criado na Coruña, fusiona a psicoloxía e o deporte como piares da súa traxectoria profesional. Con tan só 24 anos fundou Ártabros CrossFit co obxectivo de construír unha comunidade integradora que fomentase unha vida activa, plena e saudable. Hoxe en día, superada a barreira dos trinta anos, compaxina con éxito a dirección do seu centro deportivo co labor psicoterapéutico e de investigación na Unidade Venres Clínicos da Universidade de Santiago de Compostela. Nesa evolución, a adopción do galego como lingua exclusiva na comunicación do centro supuxo un fito clave, impulsado pola conciencia de xustiza histórica do seu propietario, quen ademais recuperou o apelido orixinal do seu bisavó, “Celeiro”, que fora castelanizado. A pesar dos atrancos, o equipo logrou normalizar o idioma grazas á actitude receptiva e positiva da súa comunidade.

Os resultados das enquisas realizadas entre o alumnado confirman que o traballo en rede entre biblioteca, escola e barrio funciona. Integrar o deporte, a saúde e a identidade local non só ensina, senón que crea comunidade.

A valoración xeral foi positiva, destacando un elevado nivel de satisfacción co desenvolvemento do proxecto. Un grupo moi significativo de estudantes afirmou que a actividade estivo perfectamente organizada, manifestando que non introduciría ningún cambio e valorando de forma moi positiva a oportunidade de descubrir e practicar disciplinas deportivas que non coñecían previamente.

As demandas centráronse en tres eixos principais baseados na duración e na frecuencia, solicitando ampliar a xornada para que a actividade ocupara o día completo comezando desde primeira hora da mañá, á vez que propoñían aumentar a periodicidade para que a experiencia non quedara nun único día senón que se estendera a unha semana completa ou se fixara no calendario escolar de xeito mensual ou trimestral.
Con estes magníficos resultados tras dez anos de traballo en rede, só nos queda dar as grazas de corazón a todas as persoas que, un ano máis, fixeron posible o desenvolvemento desta actividade. Queremos agradecer o impulso constante do equipo da biblioteca escolar do IES Agra do Orzán, con especial mención a Iolanda, así como a entrega de todas as persoas colaboradoras: Katerine Pinales, Juan Saldeño, Manuel Paz, Telmo Celeiro e os mozos e mozas de Black Cats.
Despedímonos reafirmando o noso compromiso coa veciñanza: cooperar para poñer en valor a nosa identidade e o que somos como biblioteca e barrio.
Ata sempre!