
Autoestima, cohesión social, mocidade, diálogo e descuberta son algunhas das claves que a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) viu no proxecto Libros Viventes da Biblioteca Ágora para incluílo en 2018 no Banco Galego de Boas Prácticas en Xestión cultural. Daquela, fomos seleccionadas entre unha escolma de cen propostas iniciais e a consulta en Galicia a máis de 400 persoas do sector.
Agora en 2026, volvemos ocupar un oco no que coñecernos e recoñecernos na Intervención Sociocultural, ao ser incluída a iniciativa no Manual para Políticas Culturais Locais da Área de Cultura da Deputación da Coruña.

Escribir desde a experiencia de quen coordina Libros Viventes desde hai máis de catorce anos, leva a pensar de inmediato no intenso camiño andado durante todo este tempo. Máis de 50 persoas-libro abriron páxinas íntimas das súas vidas para máis de 1.000 alumnos e alumnas dos centros de ensino medio da nosa contorna. Todas elas e eles, libros viventes do noso programa, foron persoas xenerosas que compartiron con nós as súas historias de vida. Con orixes, traxectorias, realidades e perfís moi diferentes, en todos os casos resultaron fundamentais para o programa polo valor dos encontros que fixeron posibles. E ademais, non o esquezamos, porque axudaron a que moitas persoas, adultas e mozas, entrasen por vez primeira nunha biblioteca municipal.

Libros Viventes comezou a xestarse seguindo o ronsel da iniciativa bibliotecas humanas Nacidas en Copenhague en 1993, da man de Ronni Abergel na ONG Stop the Violence, xurdiron como un movemento que procuraba incentivar o diálogo e o entendemento a través do intercambio de coñecementos e de experiencias entre persoas mozas. Cando comezamos co proxecto na Biblioteca Ágora, no ano 2012, tomamos como inspiración unha Human Library que, desde finais dos anos noventa, xa fora adaptándose e evolucionando en diferentes territorios europeos e internacionais.

En Galicia, o primeiro proxecto que seguiu esta estela desenvolveuno a Asociación Xandobela, unha ben interesante iniciativa de educación non formal e dinamización sociocultural, xa desaparecida, que puxo en marcha esta primeira experiencia galega no Museo Verbum de Vigo. Coñecín e tomei contacto con este proxecto, no seu día, a través da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica desa cidade. E anos máis tarde, desde a Rede Municipal de Bibliotecas da Coruña, collemos o testemuño e adaptamos a iniciativa Human Library á nosa realidade e necesidades, incorporando á proposta a colaboración e participación directa nela da comunidade educativa.


Pechamos este destacado coas palabras de Xavier Campos —xestor cultural e asesor da Área de Cultura na Deputación da Coruña— citadas no preámbulo do Manual para políticas culturais locais.
“A cultura non é un luxo, nin un adorno: é a infraestrutura invisible que sostén unha sociedade viva. Liberdade, convivencia e identidade fronte á uniformización global, á rutina e á substitución da vida polo consumo. Palabras de orde, vistas ou lidas nalgures: queremos pobo, non decorado; queremos vivir, non só sobrevivir.”
Desde as bibliotecas municipais agardamos seguir sendo espazos de vida e cultura compartida; con Libros Viventes isto xa é unha realidade.