Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

“A contorna constrúe o que somos”

Poñer a vida no centro abre portas a pensar alternativas ao modelo económico e social actual”

Desde as Bibliotecas Municipais da Coruña queremos xerar conciencia da importancia da contorna como elemento que constrúe física, social, cultural e simbolicamente o que somos. Falar de hábitat social, de ecofeminismo ou de cartografías emocionais está no xerme da ONG Arquitectura Sen Fronteiras, unha organización con anos de experiencia na cooperación internacional ou na educación para o desenvolvemento desde un enfoque social e feminista.

Coa finalidade de facer visibles as súas liñas de traballo conversamos coa socióloga feminista técnica en educación para o desenvolvemento, Marta Casal Cacharrón.

Montealto é volver á casa. Ter ese arraigo que non se perde co paso do tempo é reconfortante. O hábitat tamén é memoria, vivencias que nos conectan ao territorio.”
Son filla da miña familia e dun barrio, Montealto

Son filla da miña familia e dun barrio, Montealto. A miña avoa Filomena é a miña referencia para case todo, para ligarme ao pasado, para impulsarme no presente e até para soñar o futuro. Lembro moito unha frase dela: “Nena non te cases, non teñas fillos, ti agárrate aos libros e anda polo mundo”, ela tivo dez fillos e iso marca moito.  

Veño de aí e de sentir o barrio acolléndonos como nenos e nenas, un barrio que era un espazo físico e unha rede de relacións e de coidados que permitía, ao tempo, vivir libre na rúa, nas praias e no campo.

“Son una persoa moi social. O grupal e colectivo son esenciais na miña vida. Este ano cumprín 50 anos e, botando a mirada atrás, doume conta que foi un fío condutor no persoal e no profesional. A importancia do ser e do facer en colectivo.”

Comencei Socioloxía na Coruña no ano 91, atraíame iso de comprender como funciona o colectivo, entender o comportamento social. Tampouco podía permitirme economicamente ir moi lonxe e fascinábanme os contidos, así que desfrutei dunha etapa marabillosa no persoal e no académico. Fixen unha nova familia, a miña parella vén de aí e tamén grande parte das miñas amizades, que se sumaron ás do barrio. Na universidade tamén conectei cun feminismo máis intelectual e académico que fixo medrar o que xa sementara en min a avoa Filomena.

No ano 2015 comezo a traballar en Arquitectura sen Fronteiras tras pasar por diversas entidades e traballos en diferentes partes do estado e noutros países. Atopo unha organización cunha tradición de base social e moi comprometida. Buscaban un perfil social e con formación e experiencia en temas de feminismo e diversidade, así que comezo a traballar no eido da cooperación internacional, local e en educación.

Arquitectura Sen Fronteiras é unha organización que ten como tronco a participación, todo se decide de forma colectiva e participada. Este ano estamos de 30 aniversario nas diferentes demarcacións territoriais: Galicia, Cataluña, Madrid, Euskadi, Levante e Andalucía.”
ASF (Arquitectura Sen Fronteiras) traballa baixo o paraugas que nos brinda o concepto de Dereito ao Hábitat. O hábitat como concepto complexo que ten unha dimensión física, social, cultural-simbólica e política. A defensa do dereito ao hábitat implica a defensa de moitos dereitos relacionados en todas esas dimensións. Tamén se enriquece con enfoques como o eco-feminismo, que pon no centro a importancia de soster a vida, de poñer en valor todas as actividades e as funcións sociais e naturais esenciais.”

Poñer a vida no centro á hora de pensar cales son as necesidades humanas e o xeito persoal e colectivo de cubrilas, abre portas a pensar alternativas a este modelo económico e social actual. Hai que apostar por un modelo que poña no centro o coidado das persoas, das relacións e da contorna. Un hábitat coidador ten que ser saudable, inclusivo, seguro, accesible, diverso, participativo, xusto. Temos que camiñar cara aí neste contexto de crise eco-social. Non hai outra.

A EXPERIENCIA COMO TÉCNICA EN EDUCACIÓN

“A experiencia de educación de ASF Galicia abrangue o traballo con centros educativos de primaria, secundaria e actividades de formación, investigación e divulgación con axentes ligados ao ámbito educativo, do urbanismo e da arquitectura.”

Na ASF hai anos que decidimos apostar por proxectos a medio prazo que fosen laboratorios nos que experimentar xeitos para lograr hábitats máis coidadores, e comenzamos no IES Zalaeta. O ritmo nos institutos de ensino medio, a organización de tempos, o deseño dos edificios, a cantidade de materias, todo está centrado no “produtivo”, facendo difícil xerar hábitats coidadores para as persoas, as relación e a contorna.

Para o curso 23-24 queremos iniciar este mesmo proceso de traballo no barrio Agra do Orzán, levando esta reflexión a maior escala. Estamos ilusionadas construíndo o proxecto con actores centrais do barrio: o IES Agra I, o CEIP Raquel Camacho, a AAVV, a Biblioteca Ágora, entidades sociais e por suposto, a UDC, que aportará alumnado e docentes do Máster de Políticas Sociais. É moi importante rescatar todos os aspectos positivos que ten o barrio relacionados cos espazos, coa convivencia, coa súa identidade e historia, etc, e poñelos en valor.

E falando do barrio da Agra do Orzán...
“O barrio é presa de discursos mediáticos que o estigmatizan e non lle fan xustiza nin aportan nada bo.”

A miña parella naceu no barrio, seus pais foron dos primeiros en mercar un piso na rúa Barcelona alá polo ano 1969. Eu que nunca vivira nesta zona, cheguei para estar de maneira temporal e rematei quedando case vinte anos. O barrio mudou moito neste tempo, con todo, mantén o comercio e a hostalería de proximidade e segue a ser un barrio de acollida, luminoso pese ao cemento, con moitas fortalezas no humano e no tecido social. Tamén ten moitas carencias e limitacións a nivel urbanístico e de espazos, este déficit atenta contra calquera indicador de saúde e define o contexto no que vivimos moitas persoas. Durante estes anos estiven implicada no 15M do barrio, en diversas iniciativas cidadás pola participación e mellora do barrio, inda que polo de agora non conseguimos nin un espazo verde (véxase o parque do Observatorio) e o pulmón de Visma ten un plan para construír edificios de gran altura. A verdade é que non merecemos isto nin como cidade nin como cidadanía.

QUE É PARA TI UNHA BIBLIOTECA?
As bibliotecas son espazos de coidado, tranquilos, cada vez máis bonitas e humanas, acollendo mellor a diversidade e dando ganas de estar nelas. Ao tempo son lugares para a introversión e para abrirse a experiencias alleas. Interésame especialmente todo o traballo que se fai para a xente moza, así como a atención ás diversas necesidades da cidadanía: a alfabetización tecnolóxica, o proxecto de lecturas diversas, clubs de lectura, ou o servizo de préstamo no fogar. 
“Son carne de ensaio e non me dan mil vidas para o que me gustaría ler. Encántame ler filosofía actual e toda a produción dos feminismos desde a socioloxía, a antropoloxía, a ciencia política ou as artes. Nos últimos anos tamén urbanismo social. Algo de cómics e novela gráfica por influencia da miña parella e porque temos a casa tomada, colecciona. Estou a ler unha novela gráfica preciosa e con moito humor titulada Francine se Desarregla, sobre o proceso de menopausia, e combinando lectura coa obra de Amador Fernández Savater “El eclipse de la atención” mentres releo a Marina Garcés con “Escuela de Aprendices.

REFERENTES IMPRESCINDIBLES

“Son referentes para min porque coas súas lecturas a miña cabeza fixo click en momentos clave: de esquerda a dereita e de arriba abaixo Gioconda Belli, Quino e Mafalda, Michel Foucault, José Luís San Pedro, Eduardo Galeano, Naomi Klein, Bell Hooks, Zymunt Bauman e Paulo Freire.”

CUESTIONAR A NORMALIDADE

“Unha inquedanza para min é contribuír a “mover os marcos” no sentido de cuestionar a norma, a mesma idea da “normalidade”. Estou moi enfocada na defensa da educación inclusiva facendo parte activa do movemento Quererla Es Crearla, por ser un tema que me atravesa no persoal e que conecta con todas as miñas inquedanzas previas.”
PETISCOS DE MARTA

FILME: Pequeña Miss Sunshine, por exemplo.

LIBRO: Lectura fácil de Cristina Morales.

CANCIÓN: Centro de Pedro Pastor.

LUGAR: A Ría de Aldán ou a Ribeira Sacra.

INQUEDANZA: Un futuro vivible para as xeracións que están chegando.

DESEXO: O mesmo, e parar un pouco os ritmos de todo.

PECADO: Non parar.

COMIDA: Arroces con todo.

Pois até aquí a nosa conversa con Marta, grazas por compartir tempo e reflexións, foi un verdadeiro pracer coñecer da túa man o traballo da ASF. Agardamos que o proxecto Agra: un barrio de coidados” colla forza no próximo outono e que entre todas sigamos a construír barrio.

Acerca de evavieites

Descoñecido's avatar
Bibliotecaria. Creo na biblioteca como experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para todas as persoas.

Deixar un comentario