Cada 30 de xaneiro desde hai sete anos coincidindo co nacemento de Alfonso R. Castelao, nas bibliotecas municipais festexamos o Día da Ilustración, unha data para reivindicar o papel das profesionais da ilustración na industria cultural galega. Hoxe na nosa sección Conversas con… falamos coas ilustradoras Xulia Pisón e Anabel Colazo.
Ademais este 2021 sumámonos á Consellería de Cultura e Turismo en colaboración coa Asociación Galega de profesionais da ilustración (AGPI), para render homenaxe a unha autora que aportou moito na historia da ilustración galega, Lolita Díaz Baliño, ao tempo que desde Suma Ágora engadimos a nosa aportación dentro dunha campaña municipal que pon o foco en visibilizar ilustradoras coruñesas contemporáneas que forman parte da iniciativa Coruña Gráfica.
“Nacín na Coruña no 1985. Tiven unha infancia máxica de veráns no Valadouro que contrastaba co resto do ano na cidade. Na miña casa falábase galego e gostaba de xogar ao fútbol, así é que fora polo idioma ou polos roles de xénero, sempre me sentín algo diferente. De nova andaba algo perdida e iso reflectiuse nas decisións que fun tomando nos estudos. Do bacharelato de ciencias pasei ao de artes para finalmente rematar cursando Enfermaría; pero traballando como enfermeira había unha parte de min que me lembraba que estaba enterrada, así que retomei o debuxo de maneira case obsesiva para recuperar os anos de reprimir a necesidade de crear. Aquela sensación interior converteuse nun ruído estrondoso e decidín darme unha oportunidade. Tardei moito en atopar o meu camiño, pero finalmente matriculeime na EASD Pablo Picasso para facer ilustración“.
PRIMEIROS PASOS
“O meu primeiro encargo importante e público foi o máis memorable, tratábase da campaña das Festas de María Pita no 2017. Eu estaba rematando o ciclo de ilustración cando me chamou o Concelleiro de Cultura e foi unha montaña rusa de emocións para min. Tiña quince días para tres carteis e paséinos chorando de pánico, do estrés púxenme enferma, e acabei facendo os traballos tres días antes da entrega, con febre e querendo desaparecer do mundo. Aprendín moito daquel traballo, especialmente a relativizar as cousas“.
AUTOBAN, FESTIVAL DE CÓMIC AUTOEDITADO
“Moitos debuxantes e narradores comezan a súa aventura como autores na autoedición, e mesmo continúan realizando os seus traballos máis persoais e libres mediante este xeito de editar. Así que os festivais de autoedición como o AUTOBAN son o marco perfecto para coñecer cal é o panorama actual da banda deseñada galega, do que fai a xente sen as limitacións que impón o sector editorial, ademais dun punto de encontro para coñecer a xente cos teus mesmos intereses e coa que colaborar en proxectos”.
“MICROALGAS. O MAR DE ARDORA. UNIR CIENCIA E CÓMIC
“Un equipo de investigadores da UDC coñecéume a través das miñas primeiras historias curtas e ofrecéume un proxecto de cómic divulgativo que explicara o que eran as microalgas. É raro conseguir un traballo por encargo e ben pagado, que sexa tan interesante e que che permita liberdade artística, así que foi un golpe de sorte. Co asesoramento destes investigadores creei unha historia que xuntaba a divulgación científica e o cómic nunha aventura xuvenil“.
“Algunhas das ilustradoras e debuxantes de cómic que máis admiro son Emma Ríos ou Xulia Vicente, dúas grandes autoras de cómic que teño o pracer de coñecer. E temos a sorte de que sexan de aquí!”
PETISCOS PARA RECOMENDAR
UN FILME: Magnolia de Paul Thomas Anderson
UN LIBRO: Crónicas de Motel de Sam Shepard
UN FANZINE: Altar Mutante
UNHA CANCIÓN: Heroes de David Bowie a versión de Peter Gabriel
UN LUGAR: A praia de Baldaio
UNHA INQUEDANZA: Estancarme artísticamente
UNHA COMIDA: Queixo
UN DESEXO: Que o día teña máis horas para poder facer máis cousas
“Nacín en Ibiza o 23 de marzo de 1993, alí vivín dezaoito anos até que marchei estudar Belas Artes na Universidade Politécnica de Valencia. A miña decisión de estudar Belas Artes naceu do medo a arrepentirme por non facelo, a pesar de non cursar bacharelato artístico. A medida que medraba interesábame cada vez máis por debuxar e contar historias, así que o paso natural era entrar na UPV, que ten unha variedade moi grande de asignaturas que cursar, incluíndo animación e cómic.
A EXPERIENCIA DA RESIDENCIA NA MAISON DES AUTEURS ANGOULEME 2019-2020
“Resúltame estraño pensar nesta experiencia como algo agridoce, pois levaba querendo vivila moitos anos, pero a metade dos meus meses de residencia foron en confinamento no piso e sen poder traballar no estudo. Pola contra, os tres primeiros meses foron fantásticos, coñecín moitos autores en circunstancias parellas á miña que apenas acababan de comezar a publicar cómic, e isto motivóume moitísimo. Tamén puiden presentar a edición francesa de “No mires atrás” no festival, que é o único evento no que puiden ensinar o meu novo cómic e o último ao que puiden ir até o de agora.”
PETISCOS PARA RECOMENDAR UN FILME: Chungking Express (Wong Kar Wai) UN LIBRO: Una órbita cerrada y compartida (Becky Chambers) UN FANZINE: Amorcito #1 (coordinado por Luis Yang) UNHA CANCIÓN: diría un disco, Loveless de My Bloody Valentine UN LUGAR: diría un videoxogo, Zelda Breath of the Wild UNHA INQUEDANZA: diría un videoxogo, Final fantasy 7 UNHA COMIDA: diría un videoxogo, Wilmot's Warehouse UN DESEXO: diría un videoxogo, Night in the Woods UN PECADO: diría un videoxogo, Minecraft
Con esta parella de ilustradoras que proximamente participarán como Libros Vivintes compartindo a súa experiencia coa mocidade, pechamos a nosa conversa neste Día da Ilustración para reivindicar o papel destas profesionais na industria cultural galega. Quedades na compaña da música de Peter Gabriel e coas palabras de @xuliapison
“Neste mundo hai poucas cousas que poidamos controlar, pero o que sí podemos controlar é ser sinceras e honestas con nós mesmas. Pararnos a escoitar esa voz interior, inda que sexa soamente un murmurio, e ter a valentía de facerlle caso”.