Fai agora case un mes que os veciños e veciñas de Peruleiro celebraron a apertura dunha nova librería no barrio. Unha librería moi especial que leva por nome o título dun conto, un conto que fala dunha nena afouta e protagonista da súa propia historia, un conto que todavía está por escribir… A Carapuchiña Feroz.
Dende a Biblioteca Ágora achegámonos ata a rúa Fanny Garrido para descubrir da man de Eli Monteagudo e Tamara Pazos este recuncho de maxia onde os libros -tanto de ficción como de información e coñecemento- cobran vida.
Pedro Brandariz e DINAMO Xestión de Actividades Socioculturais son os artífices deste proxecto que iniciou a súa andaina o 28 de outubro.
Antes de comezar, moitas grazas por participar na nosa sección “Conversas con…“. Nós coñecemos a Pedro Brandariz pola súa faceta artística e porque, ademais, tivemos a oportunidade de poder contar con el na edición de marzo de 2017 de Libros Vivintes. Daquela algo xa nos adiantou da ilusión de poñer en marcha unha librería… Contádenos un pouco como xurde a idea do proxecto?
A raíz de Pedro Brandariz que é o dono da librería. Coñecido actor, humorista, monologuista, clown, contacontos, moi vinculado sempre ao mundo dos libros e un gran contacontos e consumidor de libros. Tiña a ilusión de montar unha librería dende fai moitos anos e a posibilidade xurdiu definitivamente hai un ano cando vimos a oportunidade de poder montala.
Montar a librería, o local, contactar coas diferentes editoriais e distribuidoras, e tamén organizar dalgún xeito a dinamización da propia librería, aproveitando que nós tamén temos a empresa DINAMO e realizamos moitas actividades de animación sociocultural. Unir eses dous mundos para darlle maior visibilidade ao mundo da lectura e dinamizar o consumo de libros, non simplemente coa venda senón tamén promocionar a lectura utilizando dalgún xeito a dinamización do propio espazo. Sendo realmente ademais de librería -punto de venda- principalmente un espazo de encontro onde a xente do barrio poida desfrutar dun espazo que o convertan en seu tamén.
Unha das cousas que vimos dende a nosa estrea -que foi o 28 de outubro- é que a xente da zona valorou moi positivamente que montaramos aquí nesta rúa, Fanny Garrido, a librería. Son dúas rúas -tanto Fanny Garrido como Manuel Deschamps- que non teñen moita visibilidade no barrio e tanto as veciñas como veciños valoraron moi positivamente que abriramos nesta zona.
E cal é a vosa perspectiva do barrio no que está ubicado o voso espazo?
Vimos dende o principio que era complicado polo tema do aparcamento, que era unha zona difícil para a xente que veña de fóra doutros barrios, excepto polo Ágora que aínda queda explanada ou na zona de Mariñeiros, pero tendo bus urbano ou podendo vir andado, ao final vemos que a xente ven de fóra do barrio tamén. E os propios veciños e veciñas si que valoran que montaramos aquí a librería porque estas dúas rúas non tiñan moita presencia na vida do barrio. É moito máis visible a zona da rúa Barcelona ou o Ágora ou Peruleiro -unha zona onde hai moitos negocios de comercio local-, pero realmente xusto aquí onde estamos non era unha zona moi transitada ou de parada. Entón é unha forma tamén de promocionar esta zona do barrio.
E o porqué do nome?
Este nome ocourreuselle a Pedro e despois fixemos unha tormenta de ideas entre varios traballadores de DINAMO e seguiu gañando Carapuchiña Feroz. Era o que máis nos gustaba con diferencia.
A idea era darlle unha volta ao conto tradicional e buscar unha alternativa porque carapuchiña no conto tradicional é unha nena que ten os seus medos, pero non se visibiliza realmente como personaxe. É unha loitadora en si, unha supervivente que vai polo bosque ela soa, sobrevive ao lobo, consegue salvar á súa avoa, pero parece que é unha nena vítima, que é o que se transmite no conto tradicional e lle queríamos dar unha volta a esa situación. Que as nenas sexan por fin protagonistas das súas propias historias, de ahí ven o nome de Carapuchiña Feroz, que non é a nena que ten medo no bosque senón a nena valente que sobrevive a unha serie de acontecementos, que ten forza, que ten a súa propia personalidade.
Moita xente nos pide que saquemos a historia, teremos que creala para darlle máis tirón ao nome, pero principalmente por darlle a volta e que as mulleres sexan protagonistas da historia, darlles visibilidade e contribuír dalgún xeito á igualdade de xénero co noso gran de area.
Entendo que estades especializados en literatura infantil e xuvenil con especial sensibilidade cara o idioma e tamén a igualdade…
Centrámonos niso sobre todo. Por esa vía, promocionar a lingua galega, tendo practicamente o 80% do noso catálogo en galego -aínda que teremos unha pequena sección tanto en castelán como en inglés porque entendemos que cada lingua é unha ferramenta nova e que a diversidade sempre é positiva. A librería é un espazo actual en galego para cativos e cativas onde poden aprender ciencia, igualdade, valores, manualidades e desenvolver distintos aspectos cognitivos.
Faládenos un pouco da vosa programación estable…
Tamara coméntanos que hai aproximadamente catro anos se creou na Universidade da Coruña unha unidade de divulgación científica entre alumnos co afán de achegar a ciencia aos máis pequenos: a UDC Big Bang. Habitualmente traballan con talleres espontáneos e esporádicos en colexios, institutos, na Barrié, pero ter un espazo na librería de maneira periódica no que ter un público, uns fans que veñen sempre a facer os talleres é estupendo.
De que maneira pensades que podemos colaborar bibliotecas e librerías á hora da promoción lectora?
Ao final creo que temos o mesmo obxectivo, a promoción cultural e a promoción da lectura, e realmente non somos competidoras. Nós promocionamos que os nosos futuros ou actuais compradores sexan consumidores de biblioteca porque na biblioteca poden descubrir, poden tocar moito máis os libros. Aquí por suposto que os temos ao alcance dos nenos e poden velos e tocalos, pero si que é certo que a biblioteca ofrece máis proximidade cos libros, lelo no momento e se non che gusta cambiar de libro, asesoría por idade e temática, un servizo personalizado.
A biblioteca é un servizo que pode ser continuo ao longo do ano e despois na librería un libro que che guste moitísimo e que o queiras ler todos os días, o compras, ou aproveitas tamén para regalar un libro e escapar un pouco de tanto xoguete e si regalar un libro que ao final queda para toda a vida e o podes desfrutar ti e a xente que está na túa casa. Entón non somos competencia, somos compañeiras da labor que estamos a realizar.
E a vos, a título persoal, de onde vos ven o gusto pola literatura ou por dedicarvos á promoción lectora?
Cal é a vosa valoración do tempo que levades en funcionamento?
A acollida foi moi boa e tanto veciños como veciñas ven que é un espazo para facer máis visible esta zona do barrio, entón pola parte da veciñanza hai unha valoración positiva. Despois, vimos que abrir un local novo tamén atrae a xente e viñeron de toda a contorna -Cambre, Oleiros…e doutros barrios da Coruña. Polo de agora é un pouquiño cedo para facer valoracións de como funciona, pero a acollida foi boa, temos visitas todas as tardes de novos clientes e parece que a cousa está saíndo moi ben. A conclusión que sacamos é positiva en xeral.
E a perspectiva da librería de cara ao medio-longo prazo?
Seguir dinamizándoa moito, que todas as actividades que realicemos funcionen, conseguir público asiduo e público novo e poder seguir sendo un espazo de encontro. É o noso obxectivo, así como tamén poder ofrecerlle ao barrio un sitio onde poder disfrutar da cultura. Ese é o obxectivo a medio-longo prazo e esperemos acadalo. Polo de agora, parece que estamos vendo que é factible cumprir ese soño.
No virtual podes atopar á Carapuchiña Feroz en…
- Instagram @acarapuchina
- Facebook @acarapuchinaferoz
Pingback: Descubrimos e poñemos en valor a nosa contorna cos roteiros polo barrio | Suma Ágora