Rubén Neira Cousillas nace o 12 de outubro do 1997 na Coruña, veciño de Labañou e cursando estudos de Preimpresión Dixital nun Ciclo Medio do IES Calvo Sotelo, descubrimos a este mozo con inquedanzas polo deseño gráfico e a escrita a piques de rematar a súa primeira novela “El último purgador“.
A nosa sección Conversas con…estrea tempada estival destacando un título de aventuras deste coruñés apaixonado por Patrick Rothfuss e Radiohead. Convidámosvos ao mergullo no mundo de fantasía medieval no que está inspirada a obra con diaños “medievais” e necesidade de unión entre humanos, actualidade pura.
Na imaxe Rubén coa emblemática obra de Daniel Pennac, “Como unha novela“.
PUNTO DE PARTIDA, nun Ciclo Medio do Calvo Sotelo
Rubén está a cursar un Ciclo Medio de Preimpresión Dixital no IES Calvo Sotelo, este Colexio Residencia construído pola Deputación Provincial alá polo 1956 e rexentado polos Salesianos, foi nun principio Hospicio Provincial, despois pasou a ser Colexio Fogar e na actualidade é un centro con tres presenzas, I.E.S, Centro Residencial Docente e Imprenta Provincial.
Desde a súa creación en setembro de 1956 impártense estudos de Formación Profesional Industrial non oficial nas disciplinas de Mecánica, Madeira e Artes Gráficas, pero desde a súa orixe experimentou unha importante transformación, modernizándose e adaptándose ás diversas reformas emanadas das Institucións educativas sendo na actualidade un centro de referencia da Formación Profesional en Galicia.
Actualmente ofértanse no IES tres Grupos de Formación Profesional Básica (carpintaría, artes gráficas e fabricación e mantemento) e seis Ciclos Formativos de Grao Medio (mecanizado, soldadura, preimpresión dixital, impresión en artes gráficas, instalacións eléctricas e automáticas e instalación e amoblamento).
“Descubrín a formación cando estaba en secundaria buscando información para facer despois, atopei o ciclo de preimpresión e pensei que era algo semellante ao que quería facer. En xeral sempre me gustou todo o que tivera que ver coa creación de contido, é algo co que me sinto a gusto, neste caso estás todo o día maquetando libros, facendo cartaces, publicidade…É fermoso se ademáis che gusta escribir, chamóume a atención porque pensei que se vivir de escribir era un pouco difícil, igual buscando algo máis lóxico e práctico…
A miña experiencia aquí está a ser moi positiva, todo o que fago gústame e ademais considero que se me dá bastante ben. Cando remate teño pensado continuar nesta liña facendo o Ciclo Superior de Deseño Gráfico na Escola Pablo Picasso“
BIBLIOTECA E LECTURA
Atopamos a Rubén Neira Cousillas na aterraxe que facemos con motivo da programación de Ramalletes Editoriais no marco das Letras Galegas 2017 e compartimos ideas sobre o que é unha biblioteca.
RELACIÓN COA ESCRITA
Comecei a escribir con 12 anos historias curtas que non meditaba moito, era bastante espontáneo e sen preparación. Máis tarde, con 15 comecei con “El último purgador“, cunha compoñente marcadamente xuvenil e influida 100% pola novela de aventuras. Agora con 19 e despois de catro anos escribindo con máis ou menos intensidade, son unhas 200 páxinas as que dan forma á obra.
WATTPAD?
Wattpad é unha páxina que se dedica a promover escritores novos en xeral, “El último purgador” de feito está colgada desde o primeiro capítulo aí. A posibilidade de escribir a través dunha páxina web é que hai xente que te le desde que comezas a subir as diferentes partes da túa obra, podes facelo ao ritmo que queiras e facilítanche certos dereitos sobre ela. Poden ler como se se suscribiran á túa conta e ao que ti subas e facerlles notificacións cando engades un capítulo novo. Comentan por privado ou á conta, e a verdade é que me teñen chegado moitos comentarios que teño en conta en relación a cuestións que lles gustan aos lectores ou que viría ben mudar.
DA OBRA E DOS REFERENTES
De onde procede o título da obra? O título ben dado polo protagonista, tería que contar un pouco polo miúdo a trama pero, nun mundo de fantasía medieval no que convivían humanos con diaños vivíuse unha purga que provocou que os humanos tiveran que unirse para apartar aos demos da sociedade e, precisamente eran os purgadores os encargados de eliminar aos diaños como problema social. Cen anos despois os demos volven e purgadores hai poucos…
Terror, intriga, fantasía? Eses tres xéneros son os que máis me gustan e véxome moi influenciado por eles, tamén é certo que intento escribir aquilo que me gustaría ler. Derek Landy, Naomi Novik e máis recentemente Patrick Rothfuss e Stephen King están entre os meus autores favoritos e en certa medida tamén están presentes na novela as súas influencias.
ESCRITA DE FUTURO
Agora estou comezando a escribir algo de poesía e narrativa un pouco máis seria, cunha compoñente de intriga e argumentos máis elaborados, con 19 anos é polo que me sinto inspirado neste momento. Tamén supón unha maior labor de documentación, porque o contido é contemporáneo e a ambientación require de investigación do contexto. Ben é certo que esta segunda novela está nunha fase previa da que só levo unhas 20 páxinas, pero convive co peche de “El último purgador“, do que só me quedan as últimas modificacións e o remate da maquetación.
Que supón escribir para ti? Para min escribir é como comer, forma parte do que son. Non sabería dicir se tan importante como comer, pero é algo parecido.
SABOREAR OUTRAS AFECCIÓNS
Outra das cousas que me gustan son a música e o debuxo. Debuxar é para min unha afección menos seria e non teño un estilo concreto, sen embargo a música sempre me acompaña, cando vou só pola rúa adoito escoitala. Comecei con Extremoduro porque era o grupo favorito de miña nai, despois do rock español tamén fun descubrindo grupos míticos como Pearl Jam, Radiohead, Santana, Avenged Sevenfold, ACDC, Guns n´Roses, Aerosmith ou Nirvana, parte deles quedan xa atrás no tempo pero gústanme igualmente.
Tamén son moi cinéfilo, entre outras cousas porque atopo boa parte da miña inspiración creativa en personaxes do cine, especialmente os perfís psicolóxicos. Os meus directores favoritos son Tarantino e Christopher Nolan, pero en xeral desfruto de calquera tipo de película, mentres sexa boa. Pulp Fiction está entre as miñas favoritas.
Como te ves dentro de 10 anos? Nunca penso a moi longo prazo, pero independizado e traballando nalgunha empresa de publicidade.
Un libro
El nombre del viento. Crónica del asesino de reyes: primer día. É unha novela de fantasía épica de Patrick Rothfuss, profesor de lingua e filoloxía inglesa na Universidade de Wisconsin, iso sí, para quen lle guste a fantasía
Patrick Rothfuss nas Bibliotecas Municipais
Unha canción
Paranoid Android de Radiohead, é a segunda pista do álbum de 1997 OK Computer
Unha película
Inda que é do 1999 e xa son anos, El club de la lucha de David Fincher, descubrina hai pouco e gustóume moito, a verdade.
Fai click en Chuck Palahniuk, autor da obra na que está baseada o filme para consultar as obras dispoñibles nas bibliotecas municipais
Un lugar
Calquera punto das rochas do paseo marítimo da Coruña
Un soño
Poder vivir da literatura