Hai algo máis dunha semana aterraba na Biblioteca Ágora alumnado do Istituto di Istruzione Superiore Benedetti Tommaseo (Castello, Venecia) para participar do proxecto Ma come é bello vivere alla Coruña! Unha proposta realizada en colaboración co Colectivo de Arquitectos 1aun que ten por obxecto traballar a variada realidade que compón a cidade da Coruña e como esta se artella pivotando en torno aos grandes condensadores de usos e servizos: bibliotecas, barrios e mercados.
Alumnos e alumnas venecianos/as, de intercambio cultural no IES Monte das Moas e IES Agra do Orzán -sito na nosa área de influencia e co que vimos colaborando activamente-, tiveron a oportunidade de coñecer a cidade de cristal dunha maneira ben distinta a como pode descubrila un turista ou visitante de a pé.
O conxunto de actividades desenvolveuse ao longo de tres días: 9, 11 e 12 de abril. Compartimos agora unha breve crónica das xornadas.
Ao longo da mañá do sábado 9 o alumnado de intercambio veneciano visitou o Centro Ágora e a biblioteca. Da man de Pili descubriron os diferentes espazos do edificio, así como tamén a rica e variada programación que este ofrece. E quedaron abraiados coa ubicación do Ágora, coa súa arquitectura diáfana -deseño do equipo formado polos arquitectos Luis Rojo de Castro, Begoña Fernández-Shaw Zulueta e Liliana Obal Díaz- e coa actividade que nel se desenvolve.
Despois de acceder ao auditorio e subir ao escenario como auténticas estrelas de teatro, continuamos a visita pola biblioteca, agora xa guiadas polas bibliotecarias ao cargo.
Percorremos as distintas zonas da biblioteca, atendendo ás explicacións sobre espazos, programas e actividades vinculadas. Na sala infantil presentamos o centro de interese Aprendizaxe de idiomas e tivemos ocasión de comprobar que o alumnado se manexa ben cos idiomas e que son bos contadores de historias. Tamén puidemos falar das bibliotecas venecianas -de carácter histórico- e do uso que fai delas o alumnado -neste caso, moi pouco.
Tralo momento dos contos, chegou a hora de presentar a proposta de traballo de cara aos dous días seguintes. Cinco grupos, cinco rutas e unha cidade por descubrir tomando como punto de partida as Bibliotecas da Rede Municipal, así como tamén a Biblioteca Pública Miguel González Garcés e a Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña. En primeiro lugar, o alumnado tivo que chegar a acordo para concretar catro elementos en relación co territorio en Venecia e despois facer un contraste dos mesmos na Coruña. Estas foron as súas respostas ese primeiro día:
Venecia | Coruña | |
Un lugar | Piazza San Marco | Monte San Pedro |
Un espazo | Santa Margherita | Xardíns Méndez Núñez |
Un barrio | Canareggio | Os Rosales |
Un mercado | Rialto (peixe) | Previo á actividade non coñecen ningún |
Un referente cultural | Querini Stampalia | Centro Ágora |
A continuación, organizamos os grupos e explicamos a folla de ruta para cada un deles.
Pero o sábado tamén houbo tempo para facer recomendacións. De maneira individual cadaquén compartiu o seu libro, autor, película e/ou disco de música favorito co hashtag #recomendamosbmc. E para rematar a sesión, démoslle ao play á nosa lista de reproducción Ma come é bello vivere alla Coruña! creada para a ocasión.
O luns 11 pola mañá cada grupo visitou dúas bibliotecas da cidade -sitas en barrios diferentes- e un mercado municipal, polo valor social e comunitario que teñen como puntos de encontro e interacción. Dunha banda, a cultura e doutra a comida e o comercio, ambas da man contribuíndo a dotar de vitalidade ao barrio no que se sitúan.
As instrucións que debía cumprir cada equipa de traballo son as seguintes:
Arsi e Giulia B. atenden as explicacións de Vicky -directora de Estudos Locais- sobre as Irmandades da Fala
Rosa, Arsi, Eleonora e Giulia B., titorizadas por Eva -Biblioteca Ágora- visitaron a Biblioteca Municipal de Estudos Locais, o mercado da Praza de Lugo e a Biblioteca Municipal do Fórum Metropolitano. En Estudos Locais descubriron que esta biblioteca é a encargada de garantir o acceso e o uso da información local da Coruña. Alí consultaron material bibliográfico sobre as Irmandades da Fala e maquetas de música de autores coruñeses como César de Centi ou Silvia Penide.
Tras esta visita, continuaron a súa ruta cara o Mercado da Praza de Lugo onde descubriron que o luns non é o día de mais actividade nun mercado sobre todo se falamos de peixes. Non obstante puideron comprobar que a xente compra alí porque a mercadoría é fresca e saborosa e o persoal dos postos proporciona confianza e cercanía. E remataron o seu roteiro no Fórum Metropolitano, onde seguiron facendo as súas pescudas sobre as Irmandades e tamén sobre a figura de Francis Drake e o seu ataque á cidade en 1589.
O roteiro do segundo grupo, conformado por Giulia C., Mati, Diletta e Alessandra e guiado por Nuria -Biblioteca Ágora- comezou na Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña onde descubriron espazos como a bebeteca, a fonoteca, a zona de lectura e mesmo algunha sala con coleccións especiais. De feito, na sala César Antonio Molina tiveron ocasión de fotografarse cunha edición marabillosa do Quijote en italiano! Nesta biblioteca indagaron tamén sobre a figura de Sofía Casanova e sobre as Irmandades da Fala. E atrevéronse a participar no concurso #140enpositivo cunha frase en italiano.
Despois emprenderon o camiño cara o seguinte punto do roteiro, neste caso, a Biblioteca Municipal de Monte Alto. Non sen antes pararse a admirar e fotografar o Palacio Municipal, a Praza de María Pita e a Igrexa de San Jorge, así como tamén atender ás explicacións sobre os mesmos. Na biblioteca descubriron ao grupo de rock bravú Os Diplomáticos de Monte Alto e unha antoloxía de poemas dos séculos XIX e XX sobre A Coruña. E remataron a súa ruta no Mercado Municipal de San Agustín, onde preguntaron sobre a froita, as verduras e a carne.
O terceiro grupo, conformado por Marco, Marcello, Carlo e Sebastiano e titorizado por Fiz -Colectivo 1aun- fixo o percorrido que vai dende a Biblioteca Municipal Ágora ata a Biblioteca Municipal Sagrada Familia, pasando pola Rúa Barcelona e facendo parada obrigada na Praza e Mercado das Conchiñas. Na Sagrada Familia localizaron A cidade dos barrios e investigaron sobre figuras destacadas como Vilar Ponte, Ramón Cabanillas ou Emilia Pardo Bazán. En Ágora incluso tiveron a oportunidade de descubrir a Pucho Boedo, veciño da Silva, crooner de éxito a nivel internacional e pioneiro no emprego da lingua galega no eido musical.
Gioia, Elena, Carlotta e Chiara, titorizadas por Valerio -Colectivo 1aun- comezaron o seu roteiro na Biblioteca Pública Miguel González Garcés, que recibe este nome en memoria do poeta e historiador que foi director da mesma dende os años 40 aos 80 do pasado século. Nesta biblioteca pescudaron sobre a figura de Sofía Casanova e localizaron algunha das novelas do escritor, poeta, ensaísta e periodista coruñés Manolo Rivas. Na Biblioteca Municipal do Castrillón -situada na Praza de Pablo Iglesias- percorreron todos os recunchos desta biblioteca de barrio e consultaron materiais relacionados, por unha banda, co escritor Manuel Lugrís Freire e, por outra banda, coa Torre de Hércules, o único faro do mundo de orixe romana que está en activo. E no Mercado de Elviña realizaron as súas investigacións sobre a orixe dalgúns dos produtos e sobre as vantaxes de comprar nun mercado de cercanía.
E o grupo 5, titorizado por Roi -Colectivo 1aun- e conformado por Alessia, Isabel, Donata e Beatrice, descubriron o barrio dos Rosales e a súa biblioteca, Cidade Xardín, o mercado de Praza de Lugo e a Biblioteca Infantil e Xuvenil de Durán Loriga. Comezaron o seu roteiro na Biblioteca Municipal Os Rosales onde visitaron a sala infantil e a sala de adultos e onde consultaron o fermoso libro para ver Vivir na Coruña: unha forma de habitar a cidade, con fotografías de Xurxo Lobato, entre outros. Tamén tiveron ocasión de escoitar un cd de música, homenaxe aos Diplomáticos de Monte Alto.
Despois emprenderon o seu camiño cara o Mercado Municipal da Praza de Lugo, onde algunha valente como Alessia se atreveu a probar os percebes en cru! Trala experiencia no mercado continuaron a súa ruta cara a Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil, o último punto do roteiro, onde descubriron que as guías para nenos tamén poden ser de interese para adultos, como é o caso de Catuxa te descubre A Coruña, na que atoparon algúns datos interesantes sobre a historia da cidade e onde localizaron moitos dos lugares de visita recomendada que agora xa coñecen.
Tralas visitas e toma de datos pertinentes, o martes 12 pola mañá reunímonos na Biblioteca Ágora para poñer en común a información recollida e cada un dos espazos visitados. Cada grupo compartiu co resto de compañeiros e compañeiras a ruta realizada, as características dos barrios polos que pasaron, os materiais localizados en cada biblioteca e as pesquisas realizadas no entorno do mercado. Isto permitíu contruír unha visión ampla e variada das distintas realidades que conforman a cidade, así como tamén plasmar no plano toda a información. De feito, realizamos de novo o exercicio de contraste de espazos do primeiro día e puidemos comprobar que o alumnado era capaz de falar dos distintos barrios, mercados e centros culturais da Coruña.
Pero á parte do traballo, tamén houbo tempo de agasallos. Para o alumnado que participou da proposta e tamén para nós, algo totalmente inesperado esto último e que nos fixo especial ilusión. Eles levaron un pedazo da cidade herculina para Italia e nós gardamos nun oco do corazón a meravigliosa esperienza Veneziana.
E ata aquí esta pequena crónica das actividades desenvoltas dentro do proxecto Ma come é bello vivere alla Coruña!. Mais non queremos despedirnos sen trasladarvos o noso agradecemento como biblioteca. Grazas ao Colectivo 1aun por crer no esforzo conxunto e no traballo colaborativo. Grazas ao IES Agra do Orzán -especialmente a Begoña- pola súa implicación e vontade de colaboración coa Biblioteca Ágora. Grazas a todos os compañeiros e compañeiras das Bibliotecas Municipais, así como tamén da Biblioteca Pública Miguel González Garcés e da Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña que nos recibiron tan ben e participaron da proposta con entusiasmo. E, por suposto, moitas grazas ao Istituto di Istruzione Superiore Benedetti Tommaseo, especialmente a Norma e Annalisa -titoras do grupo de intercambio veneciano- e a todo o alumnado que estivo con nós: Gioia, Marco, Rosa, Diletta, Alessia, Elena, Marcello, Arsi, Alessandra, Beatrice, Carlotta, Sebastiano, Giulia B., Mati, Isabel, Chiara, Carlo, Eleonora, Giulia C. e Donata. Sen todos vós non sería posible!