Contorna, territorio e persoas volveron cobrar vida o pasado martes día 5 na simbiose que servíu para pechar a colaboración conxunta de Biblioteca, Colectivo 1aun, AAVV Loureiro de Visma, ETSA-UDC e CEIP San Pedro de Visma arredor da actividade Vismap Junior.
Como tivemos ocasión de amosar hai ben pouco, esta iniciativa pensada para poñer en valor e reflexionar arredor do territorio e os diferentes modos de vida, servíu de confluencia para que veciños e veciñas do barrio de San Pedro, mozos e mozas da ETSA-UDC, xunto co alumnado de primaria do CEIP San Pedro de Visma, fixeran as súas achegas no marco dun proxecto que deu por resultado un interesante proceso de traballo e, por suposto, a visibilización dese esforzo nunha exposición que a modo de resumo de todas as aportacións poderá verse do 6 ao 22 de abril no hall do Centro Ágora, e que nós tivemos oportunidade de inaugurar na biblioteca este pasado martes día 5.
E como do que se trataba era de reflexionar sobre os espazos, fixemos partícipe da sesión ao cantante e escritor Xurxo Souto a través da súa proposta “Océano para terrícolas”. Deste xeito, mar e terra foron os elementos- grazas á pedagoxía lúdica do artista-a través dos que puidemos descubrir unha morea de cousas que, como lembraba o cantante dos Diplomáticos de Montealto, ninguén nos explica nunca.
Di o refrán…
O que pasa pola Marola pasa pola mar toda
Foi por iso que aprendemos os nomes de illas famosas como a Marola, descubrimos que a carón da Torre de Hércules hai unha pirámide sumerxida, e mesmo que non é preciso ir a ao cine para vivir os efectos especiais máis incribles. Para iso a cidade da Coruña é única: explosións coma a do petroleiro Urquiola, o mar Exeo e nos últimos tempos o Prestige, fixeron da sesión un xogo humorístico e case de ciencia fición ecolóxica no que a defensa do mar como compoñente que define, marca e crea identidade foi un dos elementos máis destacados.
Na imaxe, 6º A e B do CEIP San Pedro de Visma e as titoras Maruxa e Rocío, Xurxo Souto, Fiz, Roi e Valerio do Colectivo 1aun e Nuria e Eva da Biblioteca Ágora
Só nos queda agradecer a todos os axentes a vontade de colaboración manifestada (AAVV Loureiro de Visma, CEIP San Pedro, ETSA) e especialmente ao Colectivo 1aun pola súa entrega no traballo conxunto.
Ate a próxima!