Dende a Biblioteca Municipal Ágora apostamos firmemente polo traballo colaborativo e nesta ocasión facémolo coa proposta Vismap Junior, que nace do Colectivo de Arquitectos 1AUN co obxecto de detectar os valores e usos actuais dos espazos de borde -neste caso, San Pedro de Visma- e evidenciar os diferentes modos de vida. Conxuntamente artellamos unha programación dirixida ao alumnado de 6º de Educación Primaria do CEIP Plurilingüe San Pedro de Visma e para a que contamos ademais coa participación da Asociación de Veciños Loureiro de Visma.
A actividade desenvolveuse os días 29 de febreiro -6ºA- e 1 de marzo -6ºB- e ao longo de toda a mañá rapaces e rapazas tiveron ocasión de reflexionar sobre que uso fan dos espazos, cales son as súas rutinas e por onde se moven, así como tamén de poñer en valor o seu entorno e á súa xente. Compartimos, a continuación, unha breve crónica das xornadas.
Porque as cousas son como son? Por que as casas están onde están? Que necesitamos para vivir? Así comezaba Valerio –Colectivo 1aun– a súa intervención teórica para achegar ao alumnado a explicación de que o territorio responde aos distintos modos de vida.
Tamén falou da aldea galega na que a casa era unha pequena fábrica e zona de vivir e zona de producir eran todo un, ao contrario que nas cidades onde todo funciona distinto e casi ninguén producía na súa casa.
Pero na actualidade… onde están os límites? Que é cidade? Que é aldea? As cidades están a tomalo todo, sitios onde antes se cultivaba e onde había aldeas, polo que non está tan clara a delimitación… ou si?
E falando de espazos e territorio, aproveitamos a ocasión para compartir co alumnado a historia da creación da cidade a través da dramatización de Hércules e Crunia. Un relato que recolle as raíces mitolóxicas da Coruña e no que están presentes, á parte das personaxes, a propia paisaxe con elementos como o mar, os cantís e as rochas.
E despois da lenda de Hércules e Crunia, coñecimos da man de Fátima e Mili –Asociación de Veciños Loureiro de Visma– como era a vida dun neno de Visma hai 30 anos e cal era a súa relación coa contorna.
Recordan que naqueles tempos todo eran campos e leiras en Visma e a xente vivía do que cultivaba. Os excedentes ían a vendelos á cidade -Praza de Lugo- e para iso había que pagar o fielato na oficina situada no actual Playa Club Riazor.
En canto á escola, coméntannos que estaba ubicada no que é agora a casa do párroco de Visma e que estivo en funcionamento dende 1960 ate 1968. A partir desa data comeza a funcionar como centro social da igrexa.
En relación ás rutinas diarias, Fátima e Mili fan fincapé en que a maior parte da xente de San Pedro ía a buscar auga á Gramela para lavarse, cociñar e facer as labores da casa. Despois do colexio tocaba traballar colaborando en tarefas como plantar patacas ou recoller a herba.
Non obstante, tamén quedaba tempo de lecer que aproveitaban xogando ás canicas, ao fútbol, á mariola… nada de play nin de móbil!
E como non… por aquel entón en San Pedro celebrábanse festas! A festa do Carme na que se sacaba á virxe en procesión e a festa de San Pedro, na que se bailaba a muiñeira.
#Recomendamosbmc a obra Historia del antiguo Puerto del Portiño -Seavella de Fernando Cabanas López, que nos aporta interesantes datos sobre Visma e Portiño e que nos permite profundizar na historia do lugar
Durante unha semana o alumnado de 6º levou un pequeno diario dos espazos polos que se moven tanto a diario coma na fin de semana, para despois trasladalo en aula a un mural dixital, empregando o modelo 3D de Google Earth.
Pero antes de ubicarnos no mapa, participamos da historia de supervivencia máis coñecida na literatura de ficción: Robinson Crusoe. Unha aventura coa que descubrimos que nos podemos orientar a través de diferentes elementos da natureza, mesmo estando sós nunha illa.
E despois da dramatización, rapaces e rapazas colaboraron para facer o mapa virtual, guiados por Roi e Fiz –Colectivo 1aun: Coñecemos Visma? Que cousas hai en Visma e arredores? Que sitios diferentes hai? Que facemos en Visma? A que sitios imos?
E rematamos a sesión en aula cunha análise de fotografías para contrastar: Está en Visma? É real? Está na cidade?
Despois do recreo e con enerxías renovadas emprendemos a nosa ruta para tomar imaxes, poñer en común e valorar como ve o territorio o alumnado de 6º do CEIP Plurilingüe San Pedro de Visma.
Divididos en pequenos grupos traballouse sobre tres áreas temáticas: sitios bos para xogar, cousas que nos gustan ou non nos gustan e cousas que pensamos que non pertencen á cidade. Os integrantes de cada grupo tiveron que reflexionar, debater e poñerse de acordo á hora de fotografar cada sitio e/ou elemento, así como tamén para explicar o porqué.
Pero #Vismap non remata aquí. Temos unha cita pendente o martes 5 de abril na Biblioteca Ágora para inaugurar a exposición dos materiais resultantes da actividade e para disfrutar de Xurxo Souto e do seu Océano para terrícolas.
Moitas grazas a Roi, Fiz, Valerio, David –Colectivo 1aun– e a María. Grazas a Xosé Ramón, Fátima e Mili da Asociación de Veciños Loureiro de Visma. Grazas a Juan, Patricia, Maruxa e Rocío, do CEIP Plurilingüe San Pedro de Visma. E grazas ao alumnado de 6º que participou da actividade. Sen todos vós non sería posible!
Pingback: Dominamos o espazo | Blog da biblioteca escolar do CEIP San Pedro de Visma
Pingback: visMAP JR |
Pingback: Xurxo Souto e o seu “Océano para terrícolas” pecha a sesión de Vismap Junior na Biblioteca Ágora | Suma Ágora