Na sección Conversas con…celebramos o Día Internacional da Muller cunha entrevista á actriz galega Isabel Martínez-Risco Valdivieso, Isa Risco, nada na Coruña o 7 de abril de 1975. Achegas dunha muller natural nun mundo ateigado de artificio.
Un cambio de perspectiva, sobre todo polo feito de ser a primeira Risca en solitario; os oito Riscos anteriores nunca o estiveran, mais a primeira rapaza Risco que entrou no instituto despois daquela pandilla de chavales estaba soa ante o “risco”. Así que había que facer o posible por mudar ese risco e facelo Risca, nin feminino inclusivo nin discriminación positiva, simplemente había outra personalidade en feminino = risca.
Isa na Biblioteca cunha das súas recomendacións, A conxura dos necios de John Kennedy Toole
Unha definición ben curiosa de ti mesma fala dunha Isa prolongación da súa adolescencia, como é en realidade Isa Risco?
Falando de perspectivas, moitas veces resulta complicado vernos a nós mesmas, non só porque eu teña astigmatismo con miopía, senón porque tes que saír e atravesar o espello como Alicia. Non adoito facelo moito, se cadra por covardía, ou porque me asuste o que poida atopar. Recoñezo que está ben ter algúns gramos de perspectiva interna para convivir con máis harmonía entre a xente da túa contorna. Unha chavalita vive dentro de min e pase o tempo que pase o seu espírito axúdame!
Isa caracterizada da ratiña Carolina na sesión de “Fábulas de Esopo” na Biblioteca Ágora
Foi en progresión aritmética moi positiva e cara diante con tendencia ascendente! Porque foi unha experiencia enriquecedora, de aprendizaxe, de compartir, de expresión constante, de transmisión mutua e de recepción imparábel. E porque o espazo e as súas e os seus habitantes, profesionais de primeira, teñen valor incalculable e son fonte inesgotábel de inspiración e de absorción de vitaminas naturais e do máis saudábeis. Ademais, ter a oportunidade e a sorte de poder traballar con rapazada proporciona unha sensación estupenda! Comprobas que ese traballo colectivo ten certa trascendencia, inda que sexa en dimensión micro na sociedade na que te desenvolves! Polo tanto foi unha sorte incríbel desde calquera banda na que te sitúes!
Isa co seu exemplar de A esmorga . “Con esta obra vivín unha borracheira mental de emocións. Para mín é única”
Sen dúbida temos un humor único, ate un catedrático de Oxford como John Rutherford tivo a ben estudalo. É unha arma de defensa, de construción masiva; é dicer as cousas sen dicilo todo; é ambigüidade transparente e clara; é elegancia froito de ter unha perspectiva poliédrica da realidade, unha realidade que non é nin simple nin simplista, a nosa propia.
E como non podía ser doutro xeito só pode existir grazas ao seu complemento natural e inalienábel, a nosa lingua. Perder unha levaría parello perder a outra, e polo tanto significaría a perda dun patrimonio inmaterial, coma sempre digo, de valor incalculábel! Ninguén se plantexa a posibilidade de deixar caer a catedral de Santiago de Compostela, por exemplo, polo seu valor patrimonial, cultural, artístico, histórico, económico….pois isto é exactamente o mesmo e ten o mesmo valor. Así que non me queda outra que apostar todo á retranca, apostar pola cultura popular e tabernaria esencialmente de transmisión oral e non por iso é menos culta.
Os e as túas referentes son moi variadas, falas de David Bowie e de Rosalía de Castro, por exemplo. En que medida te marcou unha icona como Rosalía? Hai máis mulleres que serviran de revulsivo na vida de Isa Risco?
Rapoemas, Aid, Editorial Galaxia. Fai click e escoita o poema “A xustiza pola man” de Rosalía de Castro
Marcóume a ferro desde cativa; nas aulas de galego quería saber e coñecer máis sobre ela. Foi unha muller que se adiantou á súa época, que escribía en galego naquela altura, cando era maltratado, vilipendiado. O mesmo sendo muller, outro hándicap insufríbel. Recordo que meu avó tiña un retrato dela no seu despacho (inda está) e a súa cara, a expresión do seu sorriso era ben recurrente para min; ségueo a ser, claro, é como esas iconas que superan a dimensión espazo temporal.
No caso de Rosalía, xusto estes días, que celebramos o 179 aniversario do seu nacemento, para min é un referente indiscutíbel, incuestionábel, nalgunha medida debérao ser para todas as galegas e galegos, non só por concedérmonos o inicio da literatura galega contemporánea, senón tamén pola herdanza que nos deixou e a defensa que sempre nos fixo. Mais como mulleres temos nela un exemplo, un espírito, unha loita. Por iso cando descobres verdadeiramente á Rosalía libertaria, anticlerical, galega e feminista, ves nela unha loitadora, unha rebelde, unha postmoderna, a primeira poeta social; en Alemaña tiveron o ‘strum und drang’, nós temos a nosa propia treboada chea de ímpeto e loita, Rosalia de Castro.
Haiche moito que rozar, mais sempre hai xente que colle contigo o fouciño para axudar a despexar as corredoiras e limpalas de mala herba! Os sectores culturais son altamente produtivos, pero hai que pular por eles e consideralos estratéxicos. Temos altas capacidades para desenvolvelos, e inda que en esencia e por naturaza son adicacións de carácter inestábel, unha boa xestión e coidado proporcionarían certa seguridade laboral e perspectiva de futuro. Esta xente que roza en colectivo para sustentar e dar futuro á cultura do noso país, tamén ten moitas veces a feliz inconsciencia de querer contar contigo para que amoses o que tes. Agradécese moito esa confianza, máis tendo en conta que inda nos queda moito que sachar as mulleres no eido da comedia, no sentido máis estrito da palabra, o agradecemento aumenta cando ves que tamén collen o legón para sachar canda nós!
Nabiza Girl xurde da necesidade vital e de supervivencia de ter unha peza teatral individual, xa que neste momento as posibilidades de participar do teatro galego doutro xeito, en producións máis grandes, son moito máis reducidas que hai uns anos. Mais eu sonvos máis de traballar en grupo, cando menos a dúo (formato do que gosto moito), porque sempre tes a alguén con quen compatir esa tremenda responsabilidade de expoñerte ante o público, e tamén polo positivo de compartir o traballo, e egoistamente porque pase o que pase, alo menos somos dúas! Con todo, Nabiza Girl servíume para redescubrir á muller galega e para intentar poñela en valor, dentro das miñas múltiples limitacións e como unha diletante con respecto a ese coñecemento e coa ansia de chegar a poder ter esa categoría.
Supón moitas cousas a un tempo, son esencias complementarias e transversais á propia. É o teu ADN colectivo nunha tripla dimensión! Co cal é case como se abriras as portas da percepción, esas das que falaba Aldous Huxley, tres dimensións a un tempo. Ser muller e galega nun país que precisa de máis autoestima e de emancipación, é como ser muller ao cubo, nun mundo e nunha sociedade onde a muller inda ten moitas conquistas que acadar. Eu vexo a Galiza en feminino, non só por ser da mesma condición, senón porque creo que tamén a comparte, así que iso mesmo acábase despregando e proxectando na túa actividade profesional, sexa cal sexa, neste caso é no eido da interpretación. É coma un prisma con varias facianas unidas por vértices que conforman unha figura, como unha matrioska.
PODES
RECOMENDARNOS...
Un libro
O outro día tiven a sorte de participar nun proxecto altamente recomendábel, Libros Vivintes e puiden ser un libro de carne e óso grazas a todas e todos vós. Como para esa actividade levei ‘A Esmorga’ como libro referencial e falei de ‘Trainspotting’ de Irvin Welsh como o seu alter ego,
aproveitando que nas fotos que ilustran esta entrevista estou acompañada pola fantástica novela de Eduardo Blanco Amor e por ‘A conxura dos necios’ de John Kennedy Toole, pois agora vou recomendar por exemplo, ‘Opinións dun pallaso’ de Heinrich Böll, o ‘Sempre en Galiza’ de Castelao, e como falamos moito dela, tamén recomendo ler a Rosalia. Por certo, se vos apetece algo divertido recomendo ‘A doce envenenadora’ de Arto Paasilinna ou a P.G. Wodhouse.
E por suposto, convídovos a visitar unha biblioteca!
Un disco, unha canción
Tería que facer unha compilación, un lp doble e en vinilo… sonvos unha clásica. Mais hai unha canción que despois de moitos anos segue facéndome botar, brincar e arremuiñarme é ‘Baba O’Riley’ de The Who. Recoméndovos un disco enteiro tamén para que descubrades o Unwinese, un idioma inventado por un magnífico cómico inglés Stanley Unwin; e un conto fantástico que vos trasladará a un bosque animado, ‘Odgens’ Nut Gone Flake’ dos Small Faces.
Unha película
Aquí preciso dunha videoteca, ou facer unha película de máis de duas horas de duración… se cadra xa vístedes ‘A Laranxa mecánica, pero quizáis non ‘O soño eterno’. Avanzando no tempo ‘If’ ou ‘O coleccionista’, e avanzando máis ‘Frank’…Tamén podedes gostar de Matar a un ruiseñor se é que non líchedes o libro e o mesmo con Howl! E inda que isto non sexa desta sección venme agora á cabeza Truman Capote!
Unha serie
Pois aquí téñoo máis doado pero non pensedes que son quen de sintetizar e reducir a unha, mais non me queda outra que recomendarvos The Avengers, sobre todo durante as tempadas nas que Emma Peel era interpretada por Diana Rigg. Máis na actualidade, para que a cabeza non pare, Black Mirror, e por qué non Sherlock ou True Detective ou Mad Men?
Unha obra de teatro
Isto tampouco fuxe da complexidade, mais se é de lectura, calquera de Harold Pinter por exemplo, a ‘Festa de cumpreanos’, ou de Oscar Wilde ‘A importancia de chamarse Ernesto’, e non esquezamos mergullarnos nalgunha de Roberto Vidal Bolaño como ‘Anxeliños’, ou en xeral probar co teatro galego! Por outra banda recomendaría para ver algunha produción de Calixto Bieito, director catalán moitos anos do Teatre Romea, de orixe galega e que actualmente desenvolve máis o seu traballo na Alemaña e como director de óperas.
Milleiros e grazas por todo, moito obrigada por querer contar comigo para un proxecto tan incríbel como o de Libros Vivintes e por querer compartir comigo esta entrevista co gallo (ou galiña) do día da muller! Un orgullo, unha honra e unha sorte!
Gustoume moito a entrevista.
Grazas Chelo, compartir inquedanzas dunha actriz coma Isa nunha data onde se pon en valor o traballo da muller a través da súa traxectoria, e saber que gostades da entrevista, é para nós unha satisfacción.