Era xaneiro de 2013 cando a Biblioteca Ágora puxo en marcha a iniciativa “roteiros polo barrio” vinculada a Suma Ágora. Daquela foron os veciñ@s da nosa contorna os que desfrutaron dun paseo polo barrio da man de Xurxo Souto e do Señor Alejandro.
Despois viñeron os roteiros para os nenos e nenas de educación infantil do María Barbeito, andabamos xa por abril de 2014 e seguiamos na teima de traballar a identidade e os espazos do barrio con estes pequenos de cinco anos.
O proxecto continuou medrando e o pasado febreiro compartimos cos tres centros de ensino da nosa área de influencia: CEIP San Pedro de Visma, CEIP Raquel Camacho e CEIP María Barbeito un total de sete mañáns, onde descubrimos elementos urbanos, históricos, culturais e, o máis importante, humanos, de moitos dos recunchos que rodean a vida diaria dos pequenos.
A descoberta de espazos, servizos, recursos e persoas, xunto coa visión en positivo do que o seu barrio é, presentóuse como un dos elementos máis satisfactorios desta proposta. E por suposto, a biblioteca Ágora constituíu un punto obrigado neste percorrido.
Este ano repetimos con moitísimas ganas e, nesta ocasión, será no mes de outubro cando volvamos a vivir na compaña dos alumnos de 3º de primaria dos nosos tres centros de ensino, unha experiencia que de seguro non esquecerán o que resta de curso.
Nesta quenda visitaremos como novidade un dos emblemas do barrio, o depósito de augas do Ventorrillo, accederemos ás instalacións e alí explicarannos a importancia da auga, a historia do propio depósito e mesmo teremos oportunidade de ver o funcionamento dunha bomba para o trasvase e suministro de auga, que seica non deixará indiferente a ninguén.
Quen se resiste a participar con nós nesta nova edición? Pois xa quedan menos de quince días, esperámosvos con moita ilusión…e despois, por suposto, un merecido descanso…
Pingback: De roteiro co Raquel Camacho | Suma Ágora