En xaneiro do pasado ano saudabamos á iniciativa Agra Civis, na súa posta en marcha como proxecto que nacía con vontade de “crear bienestar y desarrollo socioeconómico gracias a la coordinación y fortalecimiento de las asociaciones de Agra do Orzán y de la creación de espacios de encuentro y debate”.
Dende a Biblioteca Ágora, abriamos as portas para dar a coñecer todo o traballo desenvolto a prol do barrio dende había catro anos, e animabamos á consecución dos obxectivos desta interesante proposta, como previamente tiñamos feito con Música en Branco ou Nós facemos Agra.
A participación cidadá cobrou forma ao longo destes meses canalizada e apoiada a través de diferentes entidades: Ecos do Sur, Viraventos, Mestura, Cuarto Sector, fundación Juan Soñador e Manicómicos , e o barrio propuxo solucións de mellora e benestar a todos os niveis.
Agora, chegado o outono, cumpría recoller os froitos da autodiagnose participativa que a través de espazos de encontro, mesas sectoriais, formacións, etc se tiñan dado. Nós como biblioteca, viñemos de participar neste mes de setembro, na mesa veciñal da cultura na Agra do Orzán, aportando algunhas ideas no debate sobre a dinamización cultural do barrio.
Como continuación do traballo nas mesas sectoriais de Agra Civis, hoxe terá lugar ás 18:30 na aula 9 do Centro Ágora, unha nova sesión grupal na que se porá en común o bosquexo do plan de acción para o barrio, e compre destacar, que serán 51 accións e propostas as que se confronten esta tarde para concretar accións viables na procura da dinamización cultural, dos espazos, da economía e mesmo do emprego dentro do barrio.
Nós compartiamos nas mesas, a necesidade de que Agra se transformara nun barrio conectado no cultural, con liñas vinculadas á dimensión social da cultura e, onde o Centro Ágora funcionara como nó de conexión dunha rede de colectivos.
Dende a Biblioteca temos vontade de que o futuro camiñe nesta vía, nós tentámolo en cada proposta. Así é que desexamos que a iniciativa Agra Civis continue con éxito a labor que un día comezaron a bosquexar un grupo de colectivos cando se preguntaron: E nós, que podemos facer para mellorar o barrio?