Non hai moitas semanas que anunciabamos neste mesmo blog a volta dos Libros Vivintes, un dos proxectos que máis satisfaccións nos están a dar do conxunto dos que puxemos en marcha dentro da liña de traballo cos nosos barrios. Dicimos satisfacción e facémolo a mantenta, pois iso é o que sentimos ao comprobarmos, segundo avanza o número de edicións desenvolvidas, como o coñecemento de experiencias reais inflúe nos mozos e mozas participantes e os forza a reflexionar sobre os valores e os comportamentos cos que nos construímos no cotiá.
Nesta ocasión a actividade dos Libros Vivintes desenvolveuse en dúas datas diferentes (5 de maio e 19 de maio) cun total de catro persoas, dúas por día. O responsable da academia Kung Fu Galicia Juan Saldeño, o naturópata Manuel Aceña, a responsable da escola En Movimiento Thalía Calviño e o angolano Feliciano dos Santos foron as catro persoas escollidas desta volta para compartiren connosco as súas historias de vida. Catro historias de superación para un grupo anovado de destinatarios: se na edición de xaneiro fora o alumnado de 1º de Bacharelato, en maio foron os alumnos e alumnas de 4º de ESO e de Diversificación quen, de xeito personalizado a través dun correo electrónico, escolleron o relato que máis lles interesou descubrir.
Os dous primeiros relatos compartidos foron Si, sifu e a A luta continúa, e tiveron como protagonistas a Juan Saldeño e Feliciano dos Santos. Os dous foron os libros máis solicitados polo alumnado, e ningún dos dous defraudou as expectativas xeradas nos rapaces e rapazas.
No primeiro caso soubemos dos moitos anos de entrenamento e superación física que lle foron precisos a Juan Saldeño para chegar á consideración de sifu de wing chun, e do reforzo na autoestima e no estado anímico que lle provocou a disciplina dos adestramentos e a mellora física asociada a eles.
No caso de Feliciano dos Santos, veciño de noso desde hai ben anos, soubemos do seu percorrido vital marcado pola guerra da Angola, da que foi partícipe con só 17 anos. Militar mozo, traballador dos servizos de intelixencia con aprendizaxe na Moscova da Guerra Fría, traballador na Coruña, escritor… varias foron as imaxes que o espello da súa vida nos puxo diante ao longo da sesión, que propiciou diferentes preguntas e diálogos cos mozos e mozas do Agra I.
Na segunda das datas achegáronse á nosa Biblioteca o naturópata coruñés Manuel Aceña e a profesora e experta do método Pilates Thalía Calviño. Aínda que con certos puntos en común, o primeiro centrou o seu interese profesional e persoal na maneira de conseguir o benestar físico e psíquico através da capacidade curativa do propio corpo en relación coa natureza, en tanto a segunda aposta polo traballo neuromuscular para conseguir os mesmos obxectivos.
No caso de Manuel o fío da historia arranca no neno con acné que descobre como o contacto coa natureza repercute positivamente nos seus problemas e estado de ánimo, e escribe páxinas centrais na experiencia da súa viaxe á China e ao descubrimento das técnicas aplicadas no hospital de Huanamen, en Pekín.
Pola súa banda, o relato de Thalía Calviño permítenos reflexionar sobre dúas cuestións centrais: a importancia de facérmonos felices a nós mesmos por riba de cumprir as expectativas alleas e a posibilidade de nos reinventar como persoas ao longo das nosas vidas. Coa súa propia historia como punto de partida, o desenvolvemento da sesión resultou ben interesante e participativa, ademais de nos permitir descubrir a fascinante historia de Joseph Pilates e as bondades do seu método, cada día máis extendido polo mundo.
Se ledes este artigo e tivestes ocasión de participar nalgunha das catro sesións, encantaríanos contar coa vosa opinión sobre a experiencia. Animádevos a facer os vosos comentarios…! E por suposto, se non é o caso, sabede que tedes os relatos á vosa disposición na nosa web. Desfrutádeos!
Pingback: A Ágora máis chinesa, coas Bibliotecas Escolares de Galicia | Suma Ágora
Pingback: Roteiros en rede | Suma Ágora