Se hai poucos días tiñamos a oportunidade de gozar das propostas artísticas e lúdicas que a Asociación Veciñal da Agra do Orzán organizaba baixo a denominación FoliAgra 2014, son agora o Concello e o programa europeo Urbana-C quen collen o relevo e poñen en marcha unha nova proposta cultural: o festival Agra Directo, unha ambiciosa programación a desenvolver no barrio da Agra do Orzán entre o 29 de setembro e o 26 outubro.
Desde a organización explican que o festival pretende ser “un foco de difusión de arte emerxente e un trampolín para creadores locais, que mostrarán proxectos artísticos de maneira aberta e gratuíta nas rúas, prazas e comercios do barrio contando coa participación de todos os veciños. A sección oficial divídese en CATRO EIXOS TEMÁTICOS, un por cada unha das catro semanas do Festival: Arte urbana, Fotografía, Sostenibilidade e Artes escénicas. Pola súa banda, o Festival Off converterá os comercios do barrio (tendas, bares, restaurantes…) en escenario de creación cultural durante as fins de semana”.
O centro Ágora será sede de gran parte das actividades previstas, a maioría delas de inscrición previa a través da web www.coruna.es/agradirecto ou presencialmente na conserxería do propio Centro.
Canto ás actividades, predomina a pluralidade de propostas a través de talleres, proxeccións audiovisuais, exposicións, encontros ou representacións de artes visuais, escénicas e musicais. Hai tamén previstas intervencións artísticas no mobiliario urbano, a elaboración e representación dunha obra teatral, talleres para crear unha cámara de fotos estenopeica ou para aprender a planificar cultivos ecolóxicos; un percorrido fotográfico polo barrio para capturar espazos, xente e costumes del; a instalación dun ecograffiti de musgo, o proceso pictórico para facer un mural colectivo ou os xogos de luz e cor nas ventás de edificios emblemáticos do barrio.
En definitiva, unha nova proposta cultural que saudamos e que chega para ampliar a oferta artística existente na nosa contorna.