O barrio da Agra do Orzán, un barrio de músicas e músicos, diverso e activo en moitos sentidos, estrea en poucos días un novo evento que confirma estas súas características: o festival FoliAgra. A rúa Barcelona será o espazo escollido para o desenvolvemento das actividades, que terán lugar ao longo do día 20 de setembro. A programación do festival consta de pasarrúas, música para nenos e nenas, foliada de música tradicional e dous conciertos de fin de festa.
Desde a entidade organizadora, a Asociación de Veciñ@s da Agra do Orzán, transmiten a intención de que “esta sexa unha festa de toda a veciñanza, con actividades e oferta para todas as idades, na que nos poidamos reunir e pasalo ben todas e todos xuntos”. Para iso, os grupos de música e baile tradicional A Rexouba, Donaire e Frouma animarán a rúa Barcelona durante toda a tarde e o grupo de música infantil Pirilampo ofrecerá o seu espectáculo para os máis pequenos. O remate da xornada correrá a cargo dos concertos dos coruñeses Sés e Fracasados de Antemano.
Sobre Sés
“Se algo podemos destacar de SÉS é o seu enorme carisma e forza persoal, xa de sobra amosada en centos de concertos e actuacións ao longo de toda Galiza, percorrendo diferentes escenarios, pobo tras pobo e cidade tras cidade. Aos poucos e grazas á transmisión boca-orella, a súa intensa personalidade e honestidade á hora de manifestarse, foi conquistando o público cun caudal de enerxía que chama pola unión e o cuestionamento do establecido. ”
Sobre Fracasados de Antemano
“Fracasados De Antemano naceu aló polo 2005 no único e inigualable barrio de Labañou. Román Emilio, Brais, Ainoah e Mario, máis tarde entraría Alba, botaron a andar o grupo facendo versións de rock, blues e rock and roll. Despois de moverse polo panorama de Galiza facendo bailar a moita xente, e cando a súa axenda estaba empezando a se encher de concertos, tiveron que deixar aparcado a súa actividade. Afortunadamente foi un punto e aparte. Agora, un ano máis tarde, os fracasados volven ao ataque. Sin embargo, cun estilo diferente. A nova formación do grupo (Teje:Batería – Bardanca:Baixo – Román:Teclados – Emilio:Guitarras – Brais:Voces e trompeta – Alba:Voces) intentarán facer vibrar a xente co seu pachangueo lúdico-solidario.”