No seu momento presentámosvos neste blog a exposición Suma Ágora como unha iniciativa derivada do traballo bibliotecario cos colectivos do noso entorno e da recollida da memoria dos nosos barrios, realizado da man de parte da súa veciñanza. Estabamos interesados en achegar á xente que aquí vive, dunha forma accesible, contidos que puidesen resultar do seu interese, por ser xustamente ela a protagonista dos mesmos. Tratábase de traballar non tanto coa historia oficial dos barrios senón con aquilo que Unamuno denominara a intrahistoria, isto é, o cotiá, o local, o que conforma a malla diaria da vida á sombra do que se difunde desde o foco do saber académico ou do interese mediático.

Fixémolo de forma humilde, mais conscientemente. Gústanos que a xente veña á nosa Biblioteca, mais entendemos tamén que a Biblioteca debe saír de si mesma e rozarse co mundo exterior. Por iso deseñamos a exposición nun formato que fixese posíbel que eses contidos se puidesen achegar a moitos espazos diferentes, para facilitar a súa divulgación e coñecemento. Nos contidos – nos once paneis roll-up que a compoñen, de natureza divulgativa- está o barrio: as persoas, os espazos, o traballo e o lecer, as festas, os colectivos e asociacións, a cultura, o ensino, o deporte, o comercio, a historia e a memoria, a diversidade, … Mais queremos que eses contidos estean tamén presentes de xeito directo no barrio. Facemos nosas, neste sentido, as palabras do músico Henry Arteaga, que se reproducen nun dos post do blog das nosas bebetecas: “Hai que coñecer os territorios. Non velos, senón coñecelos de ti a ti. Hai que ir e comunicarse directamente coa comunidade…”

Despois de estar durante varios meses na propia Biblioteca, a exposición comezou a súa itinerancia por entidades da nosa zona: o IES Salvador de Madariaga, a Asociación de Veciños e Veciñas da Agra do Orzán, o IES Agra I, o Centro Tomás Barros (do 16 de maio ao 15 de xuño), o Centro Cívico dos Mariñeiros (do 16 de xuño ao 30 de xuño) e o Centro Cívico de San Pedro de Visma (xullo).
Desde este blog queremos animarvos a que vos acheguedes a algún dos espazos polos que a exposición vai pasar nos vindeiros meses, para terdes a oportunidade de a coñecer directamente. Mais queremos aproveitar tamén para vos lembrar que podedes vela completa neste enlace . A maiores, temos tamén un taboleiro en Pinterest , composto por unha selección das fotos máis bonitas de cada bloque. Finalmente, se o preferides no flickr, aquí tedes os bloques temáticos da exposición nesa plataforma: A nosa xente,Un pobo de artistas, Aqui sempre fomos moi deportistas, Tempo de lecer.
Pingback: A exposición Suma Ágora, en itinerancia polo barrio | anyeladu98
Pingback: A exposición Suma Ágora, en itinerancia polo barrio | anyeladu98