Un novo colectivo se une ao traballo sociocultural arredor da realidade da Agra do Orzán. Despois do proxecto Suma Ágora da nosa Biblioteca, do proxecto Música en Branco levado adiante desde o programa europeo Urbana-C e das accións desenvolvidas pola asociación ACCEM no campo da inserción laboral das mulleres da Agra, aparece agora o colectivo de arquitectos e urbanistas 1aUn, que presentará xunto con TEST o proxecto InstAGRA, unha exposición fotográfica comunitaria que recollerá un conxunto de imaxes aportadas polas xentes do barrio con intención de reflectir as identidades e historias que conforman a realidade plural do barrio.
A mostra terá lugar no HANGAR de TEST, na rúa Barcelona 58 (antiga imprenta López), do 18 ao 31 de Xullo e incluirá dous eventos para complementar a exposición. Primeiramente as “Conversas” na tarde do día 19, sábado, onde xentes do barrio entablarán un diálogo sobre os motivos que os levaron a habitar na Agra, así como os elementos e espazos que os cohesionan socialmente. Ademais, como peche, prepárase unha “Verbena” o día 31, totalmente aberta, na que haberá música e actividades a cargo de persoas do barrio, tentando dar mostra do amplo abano que compón a realidade da Agra.
Dende 1AUN e TEST faise un chamamento para que aqueles que o desexen acheguen imaxes propias do barrio, antigas ou non, que representen espazos ou momentos de valor para eles, así tamén como fotografías dos seus lugares de orixe, narrando dalgún xeito o camiño que os levou a habitar na Agra na actualidade. Desde os organizadores informan de que as imaxes serán escaneadas e devoltas aos propietarios no momento, sendo a recollida das mesmas os días 21 e 28 de Xuño no local de TEST de 10:30 a 14:00.
Desde a Biblioteca Ágora saudamos a posta en marcha deste tipo de iniciativas, que veñen sumarse ao traballo cotiá dos propios colectivos do barrio e que inciden na liña de intervención que en Suma Ágora entendemos é de especial interese na nosa contorna. Aproveitamos, así mesmo, para lembrar a todas as usuarias e usuarios do noso blog que teñen a posibilidade de ollar as fotografías e imaxes antigas recollidas no flickr e pinterest do noso proxecto.