Lecho é memoria viva do barrio dos Mariñeiros. Veciños da nosa Biblioteca, el e o resto dos homes do Clube da Chave dos Mariñeiros sempre se prestaron a contarnos, con absoluta amabilidade, como fora evolucionando o barrio, como foran nel o tempo de traballo e de lecer nas décadas pasadas e como seguían mantendo hoxe o vínculo forte da amizade entre eles, ben escenificado no seu Club Social. Falamos con Lecho, con Gelín e co resto en varias ocasións e sempre quedamos con gañas de máis. Da conversa con Lecho deixámosvos aquí algunhas das cousas que nos contou…
– Nacín en Bens, o 17 de outubro do 42. Vin para Os Mariñeiros con doce anos, con meus pais. Meu avó e meu pai xa eran mariñeiros. Eles andaban a remo, pero eu xa sempre andei a motor. Ás redes, ás nasas, ao congro, houbo que andar a todo… sempre pelexando co mar.
– As mulleres traballaban tanto coma os homes. Miña nai collía o peixe no Portiño e levaba ao peirao a vender, á cabeza, cargado á cabeza. Nós xa non chegamos a iso, levamos sempre todo no coche. Na miña familia andamos ao mar. Cando había mal tempo e non se podía, non gañabas nada. Tiñas que gardar cando gañabas para cando non.
– Aquí nos Mariñeiros todos andamos ao mar e todos nos coñecemos, en xeral. Coñeciámonos polos motes e polas casas. Meu pai era o Churro, meu avó o Gaiteiro, lembro aos de Ernesto, os do Pombo, os de Ricardo, os de Alvedro, … Compartiamos horas no traballo e nas tabernas: o Peixiño, o Ribeiro, o Bodegón, … Aí abaixo mesmo había un outro bar, o Hogar del Pescador, no que se comía moi bo marisco.
– A festa aquí é a do Carme. Facíase unha misa na Igrexa (en Visma) e collíase a virxe e levábase a ombreiros ata o Portiño. Montábamos a Virxe nunha lancha, dabamos unha volta polas illas e volviamos para terra. E despois facíamos aquí a verbena.
– Aquí houbo moita afección ás traíñas, ao remo, ao fútbol co Batallador, … pero a xente vaise xubilando e as cousas van quedando paradas… Na chave xa levamos bastantes anos, cerca de vintecinco. Nós hoxe aínda imos ás veces a pescar, un par de horas polas mañás, cando hai algún calamar ou así…
Esta página es un gran ejemplo que se debería de difundir a lo grande, es importante que todas las generaciones conozcan de donde procedemos, cuales son nuestros orígenes y así entenderemos mejor algunos comportamientos que no son más que un símbolo de nuestros sentimientos, grandes todos los que veo en las fotos, así como sus familias, un orgullo…… BIQUIÑOS……
Graciñas polas túas palabras! Alegrámonos de que che guste a entrada e o blog e de que compartamos opinión sobre a importancia de termos ben presente a memoria e a historia das xentes e dos espazos que son nosos. A identidade, o que somos, é un valor que construímos entre todas e todos no paso do tempo, e non se pode ser universal estando moi atento ao que acontece fóra e descoñecendo, en cambio, como é e como se foi conformando o lugar onde vivimos ou que temos ao lado. MeigaGalicia, axúdanos a divulgar esta entrada polos barrios, si?