Unha das palabras que máis sentimos e facemos nosas, na Biblioteca Ágora, é diversidade. Cremos na diversidade, no seu valor, na riqueza do coñecemento das diferenzas e na necesidade do respecto ás mesmas, sempre que sexan diferenzas que non atenten contra ninguén. A diversidade cultural, biolóxica, medioambiental, lingüística, de pensamento, … é enriquecedora, necesaria, un tesouro a presevar por toda a humanidade. A propia natureza, a propia vida, é de forma natural variada e diversa.
O noso barrio, os nosos barrios, son tamén barrios diversos. A nosa identidade constrúese como suma de procedencias: somos de aquí e chegamos de fóra. De Lugo, da Costa da Morte, do Senegal, do Uruguai, da Arxentina, de Madrid, de Monte Alto, … Somos brancos, negros, xitanos, mulleres, vellos, crianzas, ateos, crentes, do Dépor, do Celta, galegofalantes, españolfalantes, francófonos, xordos, altas, baixos, loiros, morenas, …
Somos diferentes mais iguais, persoas deste noso territorio, desta identidade de barrio que facemos nosa. Convivimos con respecto.
É a diversidade, pois, o motivo deste post. Neste caso a sexual. Queremos celebrala, reivindicala nunha das datas da carácter simbólico máis relevntes neste sentido: o 28 de Xuño, a celebración do día do orgullo LGTBQ, no que se conmemoran as revoltas de Stonewall no 1969 en Nova Iorque e que se convertiu en data clave da loita pola visibilidade das sexualidades diversas.
Desde as Bibliotecas Municipais celebramos a diversidade afectivo-sexual por medio dunha convocatoria especial para as persoas que participan nos clubs de lectura das Bibliotecas Municipais da Coruña . A todas vós, convidámosvos a participardes dunha sesión especial do Club de lectura, no que saborearemos a narrativa de Banana Yoshimoto co libro Kitchen e a súa construción de personaxes diversos, historias cotiás e trasfondo universal. Se che interesa, esperámoste o martes 2 de Xullo ás 19h. na Bibioteca de Ágora para facer unha posta en común arredor da obra desta xaponesa. Podes apuntarte chamando ao 981189886. As plazas son limitadas!
Mais non rematan aí as nosas propostas. Ao día seguinte realizaremos unha charla en Ágora, centrada na denuncia das formas de homofobia que se dan no ensino medio, e o día 4 remataremos o ciclo de actividades coa proxección de diferentes curtas sobre esta cuestión na Biblioteca do Castrillón. Chamade ás bibliotecas de noso e preguntade, ou consultade o noso perfil de facebook.
Pingback: Porque #asMunicipaisEntenden | Blogs Clubs Lectura das Bibliotecas Municipais da Coruña