Cando cheguei a Santiago xa me empecei a cansar un pouco do folk e buscaba outros mundos e outras estéticas. Chamoume un amigo da Coruña que estaba tamén en Compostela, Xesús Ron, que estaba a organizar unhas xornadas vinculadas á Universidade. Eu participei delas cunha conferencia sobre a música galaico-tropical. Era unha forma de achegarme á historia de meu avó, e ademais eu naquela altura estaba moi metido na música tropical tamén a través dun meu compañeiro de piso, Alfonso Pato, que como bo coruñés naceu en Venezuela. Lembro perfectamente estar traducindo a Heródoto e escoitando de fonfo aos Billo´s Caracas Boys. Na miña tese, coa que participei naquelas xornadas, o que expuña era como son as festas da aldea relacionándoas co texto A orixe da traxedia clásica, de Nietzsche. Pode parecer un delirio, pero era buscado, claro.
A mestura da alta cultura e da cultura popular, unidas polo común: a emoción. A partir de aí veu todo o resto: Carlos Blanco chamoume para comezar a colaborar na Radio Galega, traballei no Fiadeiro, fixen unha radionovela (Indiana Jones en Compostela), creei o dos Frigoristas.. E unha cousa foi levando a outra. A radio, a televisión, a música, as historias da nosa xente.
Velaquí un anaco do relato O local sen paredes, co que quixemos achegarnos á vida do terceiro dos nosos Libros Vivintes: o grande e polifacético Xurxo Souto.
Se difícil é ser un bo artista, máis difícil aínda é ser boa persoa. Xurxo é as dúas cousas de forma intensa, sen límites. Sempre disposto a axudar, a colaborar, a vivir con plenitude as experiencias, proxectos e ideas que se lle ofrecen. Son tantas as perspectivas coas que nos poderiamos achegar á súa traxectoria que, máis que falarmos nós, queremos que sexan algunhas das súas moitas presenzas e proxectos as que nos acheguen ao seu lado humano e profesional.
Deixámosvos co Xurxo na Rede: xornalista, músico, contador de historias, escritor, persoa culta e entusiasta, activista cultural, pai, … Tanta paixón, quen poderá detela!